Caderno da Coordenadora de Equipas de Normalización Lingüística de Ferrolterra








clocks for websitecontadores web


anuncia o portal na túa web





O meu perfil
cequipnormalizacion@gmail.com
 CATEGORÍAS
 FOTOBLOGOTECA
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

Nós non temos a responsabilidade de comprobar o cumprimento do Decreto do Galego no Ensino
Entrevista

[GZnación / Rafa Mouzo/ 14 Xan 09]


A Secretaria Xeral de Política Lingüística, Marisol López, fai un repaso para GZNación do labor desenvolvido polo seu departamento na lexislatura que está a piques de rematar. Aborda o tema do decreto do ensino e a lingua no mundo da xustiza, ademais de valorar a aparición de entidades como Galicia Bilingüe, que denuncian que o idioma español está en perigo en Galiza.

- Que valoración global faría do departamento que vostede dirixe nesta lexislatura?

Evidentemente teño que facer unha valoración positiva. Cando nós chegamos aquí, o departamento dependía de Educación, e o que logramos neste período foi transformalo nun departamento transversal. Movémonos no que son as liñas do Plan Xeral de Normalización Lingüística, e que si temos claro é que ese plan, que era ambicioso e consensuado, é obvio que non é posible desenvolvelo nos tres anos e medio, nunha lexislatura en definitiva. Pero fixéronse cousas moi positivas, cambiouse a imaxe da Secretaría. Estamos nesa liña de tentar recuperar, ou que non se produza esa ruptura de transmisión familiar. E nesa liña temos a maior parte dos proxectos. E logo está a parte de formación; asentamos o novo modelo de formación para adultos, que cumpre cos estandars europeos.

- As políticas que desenvolveu a Secretaría de Política Lingüística nestes tres anos e medio serviron para que crecese o número de falantes en galego?

Digamos que unha das características que ten o noso departamento é que non é medible en tan pouco tempo. Eu creo que realmente estamos no bo camiño. O galego tivo, e creo que cada vez ten menos un problema, que é a falta de valoración, a falta de autoestima por parte dos falantes. Iso que ocorre que é que unha persoa que fala normalmente galego, e sen embargo ante unha persoa que lle fala en castelán cambia automaticamente de lingua. Entón, esa persoa e ese tipo de autoestima e na que estamos traballando e poñendo en valor á lingua. Entón, logramos máis falantes? Eu creo que estamos nese camiño, pero é imposible dicir que en tres anos... Cambiamos a imaxe da Secretaría, traballamos e vemos como algún dos proxectos dirixidos a nenos e nenas, e a familias, vemos o entusiasmo con que os temos aí. Queremos ir por esa liña de convencemento.

- Se o PSdeG volve a gobernar e vostede continúa á fronte de Política Lingüística, que liñas básicas habería que desenvolver nunha segunda lexislatura?

Primeiro diría que hai que gañar as eleccións, e eu son optimista. En segundo lugar, se repite o bipartito, aí ten que haber unha negociación e ver de quen vai depender Política Lingüística, se vai depender de Presidencia ou hai outras posibilidades. Incluso dependendo de Presidencia, obviamente dependería do presidente Touriño que decidira ou non propoñerme para o posto. Despois de todas estas variables, que se terían que cumprir, na futura lexislatura a persoa que estea á fronte da Secretaría Xeral me parece que ten ir insistindo nesa liña que temos que lograr convencer. Temos que lograr convencer aos galegos falantes que a súa lingua é útil, e por tanto, deben usala e estar orgullosos de usala. E tamén convencer aos castelán falantes que usar a súa segunda lingua é importante e útil, e permítelles estar máis preto de Portugal, máis preto do uso do portugués. Insistir na liña da recuperación da transmisión familiar é fundamental. Evidentemente no ensino terán que traballar os responsables, para que logremos un ensino de excelencia, de mais excelencia se cabe, onde se dominen as dúas linguas, que é a finalidade do decreto. Logo hai outros ámbitos, necesitamos que o galego entre noutros ámbitos no que é difícil. Nós estamos empezando, pero temos que ir logrando chegar aí, e é en todo o relacionado co lecer e coa xuventude. Entramos na telefonía móbil, e a través dalgunha multinacional pois temos programas que podemos ver en galego. Creo que nos queda parte do audiovisual, fóra do que son producións propias. Nós estamos apoiando producións en formato doméstico; creo que as TDT's deben ter unha función con presenza do galego. E logo todo o que ten que ver co lecer dos xóvenes.

- Hai colectivos que afirman que o decreto do ensino non se está a cumprir. É isto certo?

As normas son para cumprilas. Nós non temos a responsabilidade de comprobar o cumprimento do decreto. Educación está vendo si realmente se produce ese cumprimento, e polo tanto son eles os que teñen que dar eses datos que eu non coñezo. Nós colaboramos con Educación no que é a parte de dinamización dos equipos, e dese esa liña traballamos, non dentro da aula, senón fóra dela. Tendo en conta a contorna, é dicir, lograr uso. Eu entendo que, de acordo co decreto, os rapaces teñen competencia. Entón, que medre o uso, esa é a nosa función.

- Recentemente deuse un caso dun cidadán que denunciou que un médico do Sergas non se dirixiu a el en galego, pese a serlle solicitado. Está obrigado un médico da sanidade pública a dirixirse en galego a un paciente si este o require?

Eu creo que legalmente hoxe en día non está obrigado, creo. O que ocorre é que hai algo que se chama obriga profesional, obriga ética e obriga moral. Pero sobre todo profesional. Se realmente un médico debe cumprir profesionalmente o mellor posible, obviamente cando ten a un paciente que se dirixe a el en galego, para lograr esa proximidade e esa complicidade, para ter esa confianza, debe usar o galego. Maioritariamente, os médicos que temos en Galicia son galegos, e polo tanto non deberían ter maiores dificultades. A consellería todo o material que utiliza está todo en galego. Ás veces é máis cuestión de vontade. Pero tamén digo que eses casos, que son denunciables e a Consellería debe indicarlle cales son os dereitos lingüísticos do paciente. Pero creo que nos debemos fixar na cantidade de médicos que si atenden aos pacientes en galego, aínda que despois o seu informe en moitos casos o fagan en castelán. Pero a comunicación maioritariamente si que a fan en galego.

- Como valora o recente informe do Consello de Europa respecto da lingua galega?

Pois con máis luces que sombras, sabendo que tamén hai sombras. É un informe que avalía, aínda que tamén hai referencias ao 2006, do 2002 ao 2005. E vai avaliando os compromisos adquiridos polo Goberno de España e o grao de cumprimento que lle corresponde, como é o caso de Xustiza e noutros casos, aínda que o responsable é sempre o Goberno de España. Pero evidentemente hai competencias que están transferidas, e polo tanto, os responsables somos as comunidades autónomas.

Se miras o informe nos diferentes epígrafes, di que no anterior informe non se tiña coñecemento de nada, non se dixo nada, e polo tanto non se poido avaliar; e hoxe si que hai un traballo, e isto cúmprese ou nalgún caso cúmprese parcialmente. Pero por poñer dous temas, un que nos corresponde a nós e outro ao goberno central: educación e xustiza. En educación, o informe felicita porque si que se están poñendo en marcha algunhas accións que parecen ou son moi interesantes, pero que aínda non houbo tempo de lograr resultados. Desde esa perspectiva, eu valoro positivamente. Felicita tamén ao Goberno de España polo procedemento na elaboración dese informe. Para min esas son luces, sen dúbida. O decreto do galego no ensino marca como mínimo o 50%, e efectivamente o compromiso en educación é un compromiso alto, que é que a lingua propia vaia como vehicular. E no tema de xustiza é un tema máis complexo, que xa no anterior informe indicouse que non se cumpría, e que lle corresponde ao goberno de España estudar os cambios lexislativos para poder cumprilo. Nós desde aquí traballamos na liña de poñer materiais diante dos maxistrados, xuíces, etc, para que poidan desenvolver o seu labor en galego, é dicir, para que non teñan dificultade. As universidades, as facultades de Dereito, creo que tamén teñen que poñer o seu grao de area.


- Houbo recentemente unha polémica entre a consellaría de Presidencia e A Mesa pola Normalización Lingüística por uns supostos "expedientes" desta última dirixido a comerciantes da Coruña. Que valoración fai deste tema?

Estamos falando dunha organización privada que ten a súa liña de traballo e eles saberán si iso é positivo ou non. Falamos duns modelos de expedientes, que non son tal. Nós traballamos desde a Secretaría tratando de que se cumpran as normas, e estamos animando e facéndolle ver cando se incumpre, cando temos algún tipo de reclamación, a unha entidade, a unha persoa individual ou ao Goberno de España; pero probablemente o formato desas denuncias desta organización quizais non é o máis adecuado. Pódese confundir dese un primeiro momento cun expediente, aínda que non o é, pero non hai base legal. Polo tanto, esa organización ten que analizar e valorar se realmente é positivo para o galego, para a finalidade, que eu creo que temos a mesma, é dicir, lograr ámbitos de uso para o galego.

- Que opina da irrupción de entidades como Galicia Bilingüe ou Mesa por la Libertad Lingüística, que denuncian que o idioma español está en perigo en Galiza ou que o galego estase a impor?

Eu creo que son organizacións minoritarias que aparecen nun momento no que determinados partidos políticos declarar a guerra das linguas. A min paréceme que é perigoso para a convivencia na sociedade. Aquí creo que se equivoca o PP, que hai que recoñecer que foi o máis votado, porque está movéndose non se sabe moi ben en que liña e creo que se equivoca, porque ata agora todas as normas que realmente temos foron as que se fixeron na época na que eles gobernaron. E aí, tanto o Bloque como o Partido Socialista mantiveron o consenso. O tema lingüístico aquí en Galicia sempre estivo ao redor dun consenso. Non ten sentido que, cando se fala de imposición, no uso individual non hai ningún tipo de imposición, non sería posible. Nós, desde a Secretaría, traballamos para que en máis ámbitos se empregue o galego, pero a nivel individual é a decisión de cada un. Iso non se pode trasladar realmente ao ensino. No ensino nunca os pais deciden o plan curricular dun alumno. Sendo así, seguramente pode chegar un pai dicindo: "eu non quero que o meu fillo estude Historia ou Matemáticas". Desde esa perspectiva, o que ten que asegurar un goberno é unha educación de calidade, unha educación de excelencia. Nós queremos, e eu persoalmente quero, ter galegos e galegas formados, cultos, e queremos unha sociedade cohesionada, e para iso esa idea de elección de lingua e de separación nas aulas por lingua non ten sentido. E non ten sentido porque ademais o PP, que está dicindo agora iso, resulta que a Lei de Normalización presentada por eles, e consensuada por todos, prohibe iso. Entón, é beneficioso estudar e coñecer as dúas linguas. Está demostrado que cando dominas dúas linguas, a terceira e a cuarta son moito máis fáciles.

Estas organización son minoritarias, pero me imaxino que teñen un apoio económico importante e teñen recursos, e visibilízanse, pero nós esperamos que as eleccións poñan a cada un no seu sitio.
Comentarios (0) - Categoría: Opinión - Publicado o 22-01-2009 20:52
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal

Warning: Unknown: Your script possibly relies on a session side-effect which existed until PHP 4.2.3. Please be advised that the session extension does not consider global variables as a source of data, unless register_globals is enabled. You can disable this functionality and this warning by setting session.bug_compat_42 or session.bug_compat_warn to off, respectively in Unknown on line 0