Caderno da Coordenadora de Equipas de Normalización Lingüística de Ferrolterra








clocks for websitecontadores web


anuncia o portal na túa web





O meu perfil
cequipnormalizacion@gmail.com
 CATEGORÍAS
 FOTOBLOGOTECA
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

Visto para sentenza o xuízo contra Eduardo Álvarez, secretario comarcal da CIG-Ensino
Eduardo Álvarez denuncia "indefensión" e "parcialidade" da xustiza no seu caso
A xuíza negou as probas testificais propostas polo sindicalista e a posibilidade deste de interrogar a testemuña da acusación


[GZnación / Redacción / 19 Xul 07]


Ficou visto para sentenza o xuízo contra Eduardo Álvarez, secretario comarcal da CIG-Ensino, acusado dunha falta de inxurias polo xuíz-decano de A Coruña, Antonio Fraga Mandián.

Álvarez asegurou estar "profundamente decepcionado coa actuación da Xustiza" e denunciou a súa indefensión durante a vista. A xuíza negoulle a Eduardo Álvarez as probas testificais que propuxera ademais da posibilidade de interrogar a testemuña da acusación.

O Ministerio Fiscal solicita unha multa de 200 euros para o sindicalista por unha falta de desconsideración. Mentres, a acusación pide unha multa de 1.200 euros e unha indemnización de 10.000 por unha falta de inxurias.

Porén, segundo fontes xurídicas consultadas, nesta vista detectáronse suficientes irregularidades como para declarala nula. A inadmisión de probas testificais propostas polo denunciado conculca flagrantemente o dereito constitucional proclamado no art. 24 da Carta Magna española, ao negarlle a "tutela xudicial efectiva" e mais a utilización "dos medios de proba pertinentes para a súa defensa".

A negativa da xuíza a que Eduardo Álvarez, que exerceu a autodefensa, continuase a interrogar o denunciante, o xuíz-decano de A Coruña, e mais a negativa a que interrogase a testemuña proposta pola acusación contraveñen tamén dereitos constitucionais, o artigo 6.3d do Convenio Europeo para a Protección dos Dereitos Humanos e Liberdades Fundamentais e reiteradas sentenzas do Tribunal Constitucional (entre outras, 93/2005, de 18 de abril; 143/2001, de 18 de xuño).

Ademais, Antonio Fraga Mandián abandonou a sala no medio da vista oral e tamén se alterou a orde fixada publicamente para a celebración do xuízo. A celebración da vista pasou por diante de tres xuízos que o precedían no horario por necesidades de axenda do denunciante, o xuíz-decano de A Coruña. Na última parte da vista, conculcouse o dereito á última palabra do acusado ao tan só permitirlle a xuíza expresarse apenas dous minutos.


Concentración de apoio

A Mesa pola Normalización Lingüística organizou minutos antes do xuízo unha concentración de apoio a Eduardo Álvarez. O sindicalista estivo arroupado por amigos e amigas, así como por compañeiros e compañeiras da CIG, entre eles a secretaria confederal da Muller, Mari Carme López Santamariña, os secretarios nacionais das Federacións de Ensino e Químicas, Anxo Louzao e Abelardo Landeira, respectivamente, ou polo secretario comarcal, Paulo Carril. Tamén estiveron presentes diversos cargos públicos do BNG.

O texto que Eduardo Álvarez non puido ler

Señoría, o promotor desta acción sentiu menoscabo na súa honra por mor de determinadas expresións que contén a reportaxe "Xustiza en galego". Saiba vostede, señoría, que eu me sentín profundamente aldraxado pola resposta que o sr. xuíz-decano deu á miña queixa: consideroume a min, por ser usuario normal da lingua galega, cidadán de segunda clase porque, segundo el, debo renunciar a un dereito legalmente recoñecido e someterme á outra lingua. Mais, a aldraxe á miña persoa, confésollo sinceramente, ten menor importancia. O que máis me doe é o desprezo que o actor realiza de todo un pobo que fala esta lingua desde hai un milenio e medio polo menos. Comportamentos como os do denunciante móstranme o panorama dunha xudicatura estraña, integrada por un corpo de altos funcionarios que, ademais de exercer un poder estatal, prestan un servizo público totalmente desvinculados coa comunidade política á que serven. E esta actitude intransixente de negación da realidade histórica, social, cultural e política de todo un pobo mostra por parte do actor unha ideoloxía pola que segrega os cidadáns en dous grupos: o daqueles que teñen os seus dereitos lingüísticos recoñecidos e o daqueloutros, entre os que me inclúe a min, posuidores de dereitos claudicantes que carecen de realidade efectiva na Administración de Xustiza.

Concluíndo, e como resumo, manifesto o seguinte:

· As expresións obxecto da denuncia constitúen unha réplica pública á resposta dunha queixa por min formulada que o denunciante enviara previamente á prensa conculcando o meu dereito á privacidade.

· Non proferín en ningún momento a expresión literal "É un cínico porque emprega unha mentira para xustificar unha ilegalidade".

· As frases por min expresadas á xornalista que redactou a reportaxe en cuestión constitúen o exercicio do dereito fundamental da liberdade de expresión e de opinión e, por tanto, carecen absolutamente da condición obxectiva de punibilidade.

· A denuncia presentada polo actor no exercicio do dereito de tutela xudicial pretende criminalizar opinións e converter en protagonista dunha acción delituosa a quen reclamou nunha queixa o exercicio dos seus dereitos legalmente recoñecidos e o cumprimento do ordenamento xurídico por parte de quen pertence ao Poder xudicial.

Por todo isto, SOLICITO a libre absolución desta falta de que se me acusa e solicito tamén a imposición de custas procesuais á parte actora porque, na súa pretensión, móvese unicamente pola animadversión fronte a un cidadán que se queixou de seren conculcados os dereitos lingüísticos que o asisten legalmente e mais por esixir o cumprimento da legalidade por parte dun órgano xudicial verbo do emprego do topónimo tamén oficial e legal de A Coruña.
Comentarios (0) - Categoría: Opinión - Publicado o 20-07-2007 11:30
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal

Warning: Unknown: Your script possibly relies on a session side-effect which existed until PHP 4.2.3. Please be advised that the session extension does not consider global variables as a source of data, unless register_globals is enabled. You can disable this functionality and this warning by setting session.bug_compat_42 or session.bug_compat_warn to off, respectively in Unknown on line 0