Caderno da Coordenadora de Equipas de Normalización Lingüística de Ferrolterra








clocks for websitecontadores web


anuncia o portal na túa web





O meu perfil
cequipnormalizacion@gmail.com
 CATEGORÍAS
 FOTOBLOGOTECA
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

Xosé-Bieito Coello: TEMOS QUE REPOÑER O GALEGO
Redacción Diario de Ferrol | Actualizado 27 Mayo 2015


O idioma propio deste país é o galego, así figura no noso Estatuto de Autonomía, ademáis de que o castelán sexa tamén oficial. Dende hai séculos, antes de que existise o castelán, o galego xa era o único idioma deste territorio, incluso estaba estendido e abarcaba grandes áreas fóra do actual territorio galego e aínda hoxe se usa nas comarcas próximas a Galicia de Asturias, León e Zamora. Tamén o idioma galego foi a orixe do portugués, que hoxe está en moitas partes do mundo.
O galego ao longo da historia sempre sufriu persecución da inmensa maioría da nobreza, a igrexa, o exército, a xudicatura, etc, non obstante, resistiu ben porque a xente do pobo seguiu usándoo, principalmente de modo oral.
Na ditadura esta persecución aumentou e chegou a prohibirse o seu uso con leis e con violencia, desapareceu do ensino, non se lle podía poñer nomes galegos os recén nacidos, castelanizáronse os nomes dos pobos e das rúas das vilas e cidades, eliminouse dos medios de comunicación, dos escritos públicos, etc, etc.
Cando este xenocidio da nosa lingua tíñase consumado, en gran medida, chegou a fin da ditadura, e aínda que os poderes públicos se democratizaron e permitiron o seu uso, os poderes económicos: empresas e bancos, medios de comunicación, poder xudicial, igrexa, exército, e por riba de todo as modernas redes de comunicación, fixeron e fan todo o posible, agás algunha excepción, por eliminar o noso idioma.
A isto hai que engadir a nefasta actuación dalgúns personaxes como Paco Vázquez, a presidenta de Galicia Bilingüe, Caballero, etc e algúns alcaldes que fixeron e fan todo o posible por excluír o galego da vida normal e incluso se permiten dar leccións de liberdade no uso dos idiomas, cando un ten tódalas vantaxes e apoios institucionais e o outro sufriu un exterminio que case o fai desaparecer. E como se a un negro lle falamos de liberdade e non eliminamos as leis e as causas que permiten o escravismo.
É certo que os partidos e sindicatos nacionalistas, algúns persoeiros destacados, asociacións como a Mesa de N. L., a Asociación de funcionarios para a N. L., a Asociación de escritores en Lingua Galega, etc, fan un traballo destacado na defensa da nosa lingua, sentindo non poder dicir exactamente o mesmo da Real Academia Galega, que aínda tendo no 1º punto dos seus estatutos, como función: a defensa e promoción do idioma galego, fai un traballo nese aspecto bastante desapercibido.
E xa non digamos a actitude da actual Xunta, que rompendo un pequeniño consenso que viña dende a época do Sr. Fraga, permitiuse aprobar un decreto do plurilingüismo, no que se pretende equiparar no ensino o galego co inglés, reducindo a un 33% o seu uso, e non permitindo dar clases de matemáticas e ciencias en galego, ademáis de non fomentalo na educación infantil, o que permite que en moitas destas escolas, que son o primeiro contacto dos nenos co ensino, o noso idioma non exista. Incluso na Xunta do Sr. Fraga ?que non era nada proclive ó galego?, había axudas para as empresas que puxeran os seus rótulos, impresos e máis documentación en galego ou axudábanlle ós medios de comunicación a que o utilizasen.
Os inimigos do galego incluso chegan a mentir descaradamente, cando din que apoiar o galego en tódolos eidos, é unha imposición. Imposición é o que se fixo e se fai co castelán, exemplos: non existe ningún xornal escrito en galego, para unha Radio e TV que se fai na nosa fala, existen centos en castelán, en internet e na telefonía practicamente o galego non existe, etc, incluso nalgunhas empresas se impide ou discrimina ós que o usan.
De todas as maneiras temos que ser optimistas, aínda que para amañar esta desfeita só cabe repoñer o galego en todos os lugares onde foi desprazado, e isto pódese facer con leis, con medidas de persuasión e axudas de todo tipo, como cando se trata de restaurar un monumento do noso patrimonio, e a nosa lingua é o mais importante de Galicia, e hai que facelo sen animadversión contra o castelán, nin calquera outro idioma.
E non é tan difícil, o hebreo era xa unha lingua morta hai poucos anos, e entre todos fixeron que sexa a lingua oficial de Israel e que a falen e usen, hoxe, o 95 % do país. Iso si, faría falla principalmente, un goberno que de verdade, lle tivera amor a este país. Para empezar, que teñamos un bo Día das Letras Galegas!
Comentarios (0) - Categoría: Opinión - Publicado o 28-05-2015 10:03
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal

Warning: Unknown: Your script possibly relies on a session side-effect which existed until PHP 4.2.3. Please be advised that the session extension does not consider global variables as a source of data, unless register_globals is enabled. You can disable this functionality and this warning by setting session.bug_compat_42 or session.bug_compat_warn to off, respectively in Unknown on line 0