POSTURA UNÁNIME DOS CATRO GRUPOS
GALICIA HOXE - SANTIAGO. EP | 27.03.2013
Os catro grupos representados na Cámara --PPdeG, PSdeG, AGE e BNG-- aprobaron instar ao Goberno de Galicia a promover, dentro do marco do diálogo, "unha postura política común" para que o galego, en tanto que lingua oficial e propia da comunidade, "conserve a súa consideración de materia troncal no ensino", fronte ás dúbidas suscitadas pola designación que dá ás linguas cooficiais o proxecto de Lei de Mellora de Calidade Educativa.
Os populares apoiaron este punto dunha moción impulsada polos socialistas, aínda que rexeitaron o resto dos puntos, entre eles o que facía referencia a buscar un acordo "consensuado" sobre o galego no ensino non universitario que "substituíse" o decreto do plurilingüismo, unha norma que PSdeG, BNG e Alternativa apoiaron retirar co fin de recuperar o acordo en materia lingüística.
"O punto de partida debe ser retirar o decreto declarado ilegal por parte do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) e, a partir de aí, retomar a lei de normalización vixente. Xa que deron un bo paso non recorrendo as sentenzas, agora vaian un paso máis alá, retiren esta norma e abandonen o seu complexo co galego, que é máis ideolóxico que outra cousa", demandou o socialista Francisco Caamaño.
Tamén a nacionalista Ana Pontón incidiu en que se debe retirar unha norma "imposta" que o que provoca é que o galego sexa "unha lingua cada vez máis marxinada" cando a Xunta ten a "obriga legal" de promover o devandito idioma e alertou de que a nova lei estatal de educación pode relegala "a unha lingua de terceira". Por iso, advertiu os populares de que "non valen discursos e palabras baleiras" e insistiu en que deben "retirar o decreto".
Así mesmo, o parlamentario de AGE David Fernández Calviño demandou tamén a retirada dun decreto que "condena o galego a desaparecer". "E o peor é que conseguiu a escusa da liberdade dos pais. Hai non moitos anos aplaudiron o asasinato de miles de civís en Iraq en nome da liberdade e agora, en nome da liberdade, queren acabar coa lingua deste país", repudiou.
"PERFECTAMENTE VÁLIDO"
Fronte a iso, o deputado popular Agustín Baamonde replicou que o decreto do plurilingüismo é "perfectamente válido" para o PP e esgrimiu que a consulta aos pais -- que se manterá, aínda que non terá efectos legais, segundo garantiu o propio Alberto Núñez Feijóo-- "non é o fundamental" para o "bilingüismo cordial" que abandeira o seu partido, senón o criterio de "equilibrio", que o TSXG "mantén absolutamente".
Por último, o voceiro do PPdeG no debate recordou as chamadas ao diálogo do presidente e volveu tender a man aos grupos da oposición, especialmente ao PSdeG, ao que ha recordando que "antes era o referente da esquerda", polo que o instou a "deixar de facer seguidismo" para recuperar a confianza da cidadanía. |