Caderno da Coordenadora de Equipas de Normalización Lingüística de Ferrolterra








clocks for websitecontadores web


anuncia o portal na túa web





O meu perfil
cequipnormalizacion@gmail.com
 CATEGORÍAS
 FOTOBLOGOTECA
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

As familias da cultura miden forzas para facerse co control da RAG na convulsa era post Ferrín
MANUEL GONZÁLEZ XA É CANDIDATO E ALONSO MONTERO MEDITA DAR O PASO

A renuncia por sorpresa do expresidente desbaratou a operación para situar unha muller á fronte do goberno do caserón da rúa Tabernas//Aínda no é a hora de Ramón Villares//Freixanes e Monteagudo están 'queimados'

GALICIA HOXE - SANTIAGO - EDUARDO CARBALLO | 23.03.2013


Non haberá candidatura única para presidir a RAG na era post Ferrín, salvo improbable milagre de última hora. As familias que cohabitan nela vense as caras este sabado, en Vigo, na sesión extraordinaria de homenaxe a don Paco del Riego, sabendo xa que o ferriniano Manuel González deu o paso cara a diante e oficializou a súa candidatura para presidir a Academia. O eterno Poulidor da nosa república cultural -o seu peso nas institucións é incuestionable nas últimas décadas, pero sempre nunha segunda liña- sae da trincheira e reclama a herdanza do seu amigo 'Ferro'. Pouco se sabe dos que o van acompañar, malia que os expertos nos segredos do sanedrín da coruñesa rúa Tabernas dan por feito que Xosé Luís Axeitos non seguirá como secretario e cren que se manterán na cúpula Paco Fernández Rei e Euloxio Ruibal, dous leais do autor de 'Con pólvora e magnolias'. Mentres, no sector crítico, Xesús Alonso Montero medita liderar unha candidatura con algunhas mulleres, nomeadamente Rosario Álvarez, presidenta en funcións do Instituto da Lingua Galega -que non estará no acto de Vigo, por certo- e, segundo se ten publicado, remuda do 'queimado' Axeitos na secretaría da RAG. A terceira vía de Ramón Villares, santón curtido en mil batallas e que destaca nas artes da diplomacia florentina, non ten percorrido desta volta, porque a cita chega demasiado cedo para o ex reitor da USC, que aínda ten traballo por diante na presidencia do Consello da Cultura Galega.

A estas alturas, parece claro que a renuncia por sorpresa de Ferrín non só deixou ao descuberto o volcán de intereses e de ambicións que puxo a Academia en erupción, senón que tamén desbaratou, segundo fontes que coñecen as interioridades do buque insignia de nosa cultura, a operación para situar unha muller -Rosario Álvarez?- á fronte da institución dentro dun ano, xusto ao remate do mandato do 'Ferro'. Tamén aseguran os expertos que os vertixinosos acontecementos destas últimas semanas deixaron moi tocados a dous dos líderes do sector crítico: Víctor F. Freixanes, malia os seus esforzos por non significarse cunha estratexia de oposición de baixa intensidade, e Henrique Monteagudo, el si mascarón de proa das críticas a Ferrín. A incontinencia verborreica de Monteagudo asusta na rúa Tabernas a tirios e troianos, e arruina as súas escasas opcións de sentar na cúpula da RAG.

A candidatura do catedrático González activa o proceso de remuda na Academia, que a maioría dos seus membros queren que estea concluido antes do Día das Letras. O destacado membro do ILG e director do Centro Ramón Piñeiro adiantou a filosofía da súa candidatura nun correo electrónico aos seus compañeiros da RAG. En resumo, asegura que quere contar con "absolutamente todos os académicos", cun equipo de consenso, para mirar en positivo cara ao futuro nun clima de "diálogo franco": "Quero que a xente se sinta cómoda na Academia e que exprese as súas ideas con liberdade e que logremos ilusionarnos nun proxecto común".

As súas cinco prioridades son: 1) fomentar un diálogo fluído coas demais institucións culturais de Galicia, especialmente con aquelas que se ocupan de temas relacionados coa lingua; 2) manter a independencia da Real Academia Galega respecto de todo tipo de poder político, sen menoscabo do necesario diálogo e entendemento; 3) traballar pola modernización do funcionamento da RAG, e dinamizar as actividades das seccións e dos seminarios; 4) garantir unha transparencia total na xestión da institución; 5) impulsar, continuando coa liña iniciada, unha maior visibilidade cara ao exterior do traballo realizado na Academia, e activar canles que faciliten a comunicación mutua entre a RAG e a sociedade.

"Esforzareime por lograr unha Academia na que todos, absolutamente todos, nos encontremos a gusto, por riba das normais diferenzas de opinión que nos enriquecen, e na que nos sintamos ilusionados nun proxecto común", promete Manuel González. As actuais diferenzas, coas familias claramente enfrontadas e con algúns dos seus membros mesmo soliviantados, apuntan a que o académico que quere deixar de ser Poulidor vai necesitar máis que as boas intencións e a boa vontade coa que comeza a súa carreira car a presidencia da RAG.
Comentarios (0) - Categoría: 00-Xeral - Publicado o 24-03-2013 20:41
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal

Warning: Unknown: Your script possibly relies on a session side-effect which existed until PHP 4.2.3. Please be advised that the session extension does not consider global variables as a source of data, unless register_globals is enabled. You can disable this functionality and this warning by setting session.bug_compat_42 or session.bug_compat_warn to off, respectively in Unknown on line 0