Caderno da Coordenadora de Equipas de Normalización Lingüística de Ferrolterra








clocks for websitecontadores web


anuncia o portal na túa web





O meu perfil
cequipnormalizacion@gmail.com
 CATEGORÍAS
 FOTOBLOGOTECA
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

A Xustiza frea á 'Mesa por la Libertad Lingüística'
prazapública

David LombaoDavid Lombao | @davidlombao


A comezos de 2008 o decreto da Xunta que establecía un "mínimo" do 50% de materias escolares en lingua galega daba os seus primeiros pasos. Canda el iniciaban tamén a súa actividade pública pequenos grupos opostos ás medidas de normalización da lingua galega. Con denominacións diversas, como Tan gallego como el gallego, Vigueses por la libertad, Galicia Bilingüe ou Mesa por la Libertad Lingüística, tentaron, con desigual éxito, situar na opinión pública e na axenda dos medios de comunicación un suposto conflito derivado da "imposición do galego" e da ausencia de "liberdade", no país en xeral e no ensino en particular. As proclamas destes grupos centráronse inicialmente en internet, se ben co tempo exploraron tamén a vía da mobilización da rúa, que só alcanzaría unha relativa repercusión o 8 de febreiro de 2009, dúas semanas antes do inicio da campaña electoral galega, cando Galicia Bilingüe se manifestou en Compostela acompañada por diversos cargos do PPdeG e pola líder de UPyD, Rosa Díez.

Os convocantes denunciaban unha suposta "prohibición do español"

Xusto un ano antes, o 8 de febreiro de 2008, a autodenominada Mesa por la Libertad Lingüística organizou outra mobilización outra protesta, neste caso na Coruña e coincidindo tamén cun período previo a unhas eleccións, as xerais do 14 de marzo dese ano. Baixo o lema Por la libertad lingüística. No a la imposición animaban a concentrarse no Obelisco, no centro da cidade, chamando a aproveitar a "oportunidade electoral" para non "resignarse á asimilación nacionalista", nunha convocatoria na que denunciaban unha suposta "lingucracia", réxime caracterizado, sempre segundo este colectivo, pola "prohibición do español nas aulas" ou o intento de "convencer" os escolares "de que o seu país non existe". Con este rechamante argumentario uns setenta partidarios deste grupo acudiron á cita e, á mesma hora, algo máis de cen persoas concentráronse no mesmo lugar coreando consignas como "na Galiza, en galego". Ese encontro foi o xermolo dun proceso xudicial que vén de rematar, en forma de sobresemento e, polo tanto, de freo aos representantes da Mesa por la Libertad.

Tras un intercambio de berros e asubíos, unha ducia de axentes da Policía Nacional presentes no acto decidiron intervir cargando contra os segundos concentrados por non estar a súa protesta previamente autorizada. Segundo recolleu o propio atestado policial, os incidentes no lugar non foron a máis. Pero pouco despois a devandita Mesa por la libertad interpuxo unha denuncia contra os "vociferantes", a quen atribuíu "disciplina" e "organización", en contraste coa "liberdade anárquica" que, aseguraban, tiñan os seus partidarios. Entre acusacións de "permisividade" dirixidas á propia Policía, o texto da denuncia, a cuxo contido puido acceder Praza Pública, culminaba atribuíndolles aos concentrados un delito de "manifestación ilegal".
Imputacións a membros de colectivos culturais e políticos

Das vinte e cinco persoas imputadas, só dez estiveran no lugar dos feitos

Esta denuncia supuxo o punto de arranque dun proceso polo que comezaron a ser citados, en calidade de imputados, representantes dun amplo abano de colectivos culturais e políticos con presenza na Coruña. No caso concreto dun deles, Briga, esta cita derivou nunha sucesión de oficios e requisitorias por diversos puntos do Estado, co conseguinte gasto para a Administración de Xustiza. Neste contexto, a nómina de imputados chegou a sumar vinte e cinco persoas, das cales só dez estiveran presentes no lugar dos feitos. Contra eles abriuse un xuízo oral por un presunto delito contra os dereitos fundamentais, procedemento que foi, sen éxito, obxecto de recurso. Mentres isto acontecía, a causa seguiu a engordar, chegando a estar composta por máis de 1.000 folios preparados para chegar aos xulgados do penal, onde se dirimiría se os supostos implicados cometeran un delito contra o dereito de manifestación. A acusación particular reclamaba penas de prisión de ata tres anos.

"O incidente foi solventado cunha actuación policial, resulta innecesario facelo transcender (...) á orde penal", din os maxistrados

Pero, ao contrario dos recursos, o que si chegou a bo porto foi unha impugnación perante a Audiencia Provincial da Coruña, que o pasado 29 de maio optou polo sobresemento. Nun auto a cuxo texto puido ter acceso este diario os maxistrados expoñen que "estamos ante un caso de contramanifestación que non necesariamente ten que ser sancionado penalmente, na medida en que o que se reflicte é unha situación de tensión entre os dous grupos", con "episodios que superaron o ámbito normal de comportamento" pero que "non chegaron a conformar a especialidade coactiva" que derivaría en delito, xa que para ese tipo penal cómpre "intensidade física ou psíquica que exteriorice unha vontade de impedir ou perturbar o exercicio do dereito" de manifestación. Ese "límite", sinalan, non o "alcanza a concentración paralela con eslogans, música e pancartas". A situación, abondan, pode ser "resolta", como aśi foi, "pola vía da inmediata actuación gobernativa", isto é, coa presenza policial.

Á marxe doutras cuestións, como as "intencións" de cadaquén, o mesmo auto considera que "non consta a individualización de actos de violencia ou intimidación", nunha reflexión que mesmo censura, en certo xeito, a actuación da xuíza que instruíu o caso -nun dos seus autos atribuía os feitos a "algún dos partícipes" na concentración-. "Dende o momento en que o incidente, que existiu, foi solventado cunha actuación policial, resulta innecesario, por excesivo, facelo transcender da esfera da pura orde pública á penal", conclúe. Así as cousas, o proceso xudicial alimentado dende a Mesa por la Libertad vén de ficar freado, cun sobresemento contra o que non cabe recurso. Só segue adiante outra causa paralela contra un dos participantes na contramanifestación que, presuntamente, agrediu a un membro do PP que acudira á cita da Mesa, pero noutro punto da cidade e unha vez disoltas as dúas protestas.
Comentarios (0) - Categoría: 00-Xeral - Publicado o 05-07-2012 22:15
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal

Warning: Unknown: Your script possibly relies on a session side-effect which existed until PHP 4.2.3. Please be advised that the session extension does not consider global variables as a source of data, unless register_globals is enabled. You can disable this functionality and this warning by setting session.bug_compat_42 or session.bug_compat_warn to off, respectively in Unknown on line 0