Caderno da Coordenadora de Equipas de Normalización Lingüística de Ferrolterra








clocks for websitecontadores web


anuncia o portal na túa web





O meu perfil
cequipnormalizacion@gmail.com
 CATEGORÍAS
 FOTOBLOGOTECA
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

Moisés Barcia: ?Hai motivos abondos que convidan a ampliar a presenza de Dickens na nosa língua?
dioivo


É o principal tradutor ao galego da obra de Charles Dickens. Alén dalgunha versión do Conto de Nadal e algunha outra pequena peza, non puideramos acceder ás grandes novelas de Dickens no noso idioma ata que a Editorial Galaxia publicara en 2006 a tradución de Moisés Barcia da obra máis coñecida do autor londinense: Oliver Twist. Neste 2012, ano en que se cumpren os 200 anos do nacemento de Dickens, Moisés Barcia buscou tempo na súa atafegada actividade á fronte da Editorial Rinoceronte, para agasallarnos cunha tradución por entregas doutra das obras monumentais de Dickens: Grandes Esperanzas. Faino a través do blog anodickens.blogspot.com. Non é unha tradución convencional. Toma como referencia unha tradución ao español de Benito Pérez Galdós que logo é levada ao galego polo tradutor automático da Universidade de Vigo. "Hai máquinas que traducen mellor que certas persoas, en parte porque non teñen prexuízos", afirma retranqueiro Moisés. Con todo, os defectos da tradución son suficientes para que Moisés Barcia pase unha hora ou máis tempo o día aquelando o resultado e procurando un estilo o máis afín ao seu.

Por que decides levar adiante esta iniciativa?
Unha cousa moi interesante dos ingleses é que celebran as súas figuras e todo o seu capital cultural, canto identifica a súa lingua e a súa cultura, dunha forma masiva. Á marxe das grandes celebracións e das grandes iniciativas dende ámbitos institucionais, a xente implícase moito dende a base, ás veces mesmo dende a empresa a través da figura do mecenazgo. É algo que deberiamos aprender deles. Así que esta tradución deGrandes Esperanzas era o meu xeito de unirme a esta homenaxe que se lle fai a Dickens. Do mesmo xeito que hai unha miríada de blogs, webs e achegas múltiples, paréceme que isto non era un grande esforzo pola miña parte; supón unha hora ao día, máis ou menos, durante dous meses. É algo factible, e unha vez que asumes o compromiso e quedas exposto á vergonza do público non che queda outra que cumprilo e estar aí.

En todo caso, podemos imaxinar que hai unha admiración ou paixón por Dickens...
Non é que sexa especialmente dickensián, pero paréceme que Dickens é un autor interesante, dende o punto de vista histórico, estilístico, e tamén dende a ironía, que é un ingrediente esencial na boa literatura e que Dickens dominaba especialmente. Vivimos, ademais, uns tempos nos que imos para atrás, parece que volvemos cara os tempos daquela Revolución industrial griseira, na que non había dereitos e os ricos eran riquísimos e os pobres miserables. Eran moitos, pois, os motivos que invitaban a ampliar un pouco máis a presenza de Dickens á lingua galega que, por outra parte, é moi escasa.

Precisamente iso, a ironía e o sentido do humor de Dickens, é algo que pasa desapercibido para a maioría das persoas que non coñecen a súa obra en profundidade, non si?
Para quen non coñeza ben a Dickens e teña apenas a imaxe das adaptacións televisivas, ou das moitas versións que se fixeron das súas obras, musicais e de todo tipo, é posible que esa característica do humor pase desapercibida. É certo que na súa obra hai unha enorme crítica social; hai cadros realistas bastante dramáticos, pero todo iso está aderezado cun sentido do humor sublime na descrición de momentos, algúns de gran patetismo. Estou a lembrar cando Oliver Twist pide un pouco máis desas papas augadas que lles daban de comer no orfanato. A situación é de certo dramática pois ao final acaban batendo no pobre do rapaz, pero é inevitable non recrearse na forma tan divertida coa que Dickens explica a terrible indignación que sinte o cociñeiro gordo, sonrosado e opulento ante o feito de que un rapaz famento e desnutrido lle pida un pouco máis desas tristes papas augadas...

Como tradutor de Dickens, que caracetrísticas do autor che sorprenderon á hora de verter a súa obra ao galego?
Dickens inventaba bastante. Moitas veces non dás atopado certas palabras. Se cadra deduces o seu significado polo contexto, pero non aparecen nos dicionarios ata que finalmente, en dicionarios de argot, ou dicionarios específicos acabas descubrindo que pon: inventada por Dickens... Logo ten frases bastante longas e un estilo ás veces un tanto retórico por culpa da ironía. Quere recrearse en situacións esperpénticas e explícaas dun xeito obxectivo e desapaixonado; mais como a situación é tan esperpéntica, é precisamente esa procura dunha forma entomolóxica de contar as cousas a que fai que te esmendrelles.

Alén de Oliver Twist, a obra de Charles Dickens é extensa. Por que escolliches e particular 'Grandes Esperanzas'?
Podería ter escollido calquera, Dickens ten aproximadamente un par de ducias de obras destacadas. Pero digamos que, dentro do que cabe, no estándar Dickens, Grandes Esperanzas pareceume bastante breve, unhas 600 páxinas (Ri)


Podedes sumarvos a lectura de Grandes Esperanzas na nosa língua en anodickens.blogspot.com

Ver tamén: Dickens douscentos anos despois, un artigo de Moisés Barcia.
Comentarios (0) - Categoría: Opinión - Publicado o 29-02-2012 23:46
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal

Warning: Unknown: Your script possibly relies on a session side-effect which existed until PHP 4.2.3. Please be advised that the session extension does not consider global variables as a source of data, unless register_globals is enabled. You can disable this functionality and this warning by setting session.bug_compat_42 or session.bug_compat_warn to off, respectively in Unknown on line 0