Caderno da Coordenadora de Equipas de Normalización Lingüística de Ferrolterra








clocks for websitecontadores web


anuncia o portal na túa web





O meu perfil
cequipnormalizacion@gmail.com
 CATEGORÍAS
 FOTOBLOGOTECA
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

José Luis Gómez: "Estamos nun país, se se lle pode chamar así, onde os medios en galego NON importan"
galicia hoxe


A ENCRUCILLADA DA LINGUA


O ciclo de conferencias "Os medios en galego, importan?" trae á facultade de Xornalismo a profesionais que falan da crise dos medios en Galicia e en galego

SANTIAGO. JORGE M. DE LA CALLE


"Os medios en galego, importan?", Durante tres dias, dende o pasado martes ata hoxe, xoves, a facultade de Xornalismo da USC reúne a diversos e recoñecidos profesionais e investigadores da prensa e os medios de comunicación nunhas xornadas tituladas signicativamente "Os medios en galego, importan?" Organizadas pola Comisión de Normalización Lingüística da Facultade de Ciencias da Comunicación a proposta da Liga Estudantil Galega, quere reflexionar e debater sobre o pasado, presente e futuro da comunicación realizada en lingua galega no actual contexto de crise económica e política, e do uso da lingua propia nos medios galegos.

"Estamos nun país, se se lle pode chamar así, no que os medios en galego NON importan", comezou así de contundente o seu relatorio José Luís Gómez, xornalista e ex director de Xornal de Galicia e La Voz de Galicia, "porque non existe un só xornal diario na nosa lingua". "Estamos peor que con Franco, e non digamos xa peor que na Transición ou cós bipartito e tripartito, tan denostados para outras cousas", enfatizou Gómez.

O prestixioso xornalista tirou da ironía durante toda a intervención e comparou o ecosistema mediático galego co de outras linguas minorizadas ou sen Estado, como o catalán, onde "ata os grandes medios, aínda en español, como El Periódico ou La Vanguardia, pasaron pola pedra do catalán". Cando traballaba no Grupo Z, lembraba que os seus compañeiros lle recordaban a "sorte" que tiña de falar e posuír aquel idioma, que "entendían e falaban tantos millóns de persoas", momento que aproveitou para sinalar o fondo desprezo que, na súa opinión, fan os galegos das posibilidades do idioma e a relación co sistema lingüístico lusófono. "Para afirmar que os medios en galego importan, teriamos que ser un país orgulloso de ser país, e non digo de xeito partidario", senón dende todas as ideoloxías, "como en Catalunya". Criticou entón a pasividade da sociedade e a neglixencia das autoridades, posto que, segundo Gómez, tamén a saúde da lingua e do sistema mediático é unha decisión política, posto que "da política dependen todas as grandes cousas".

Unha das razóns da crise de uso do galego en Galicia é o feito de sermos "un país pequeno, cunha poboación envellecida, e cunha importante sangría demográfica, emigrante", e pola nosa escasa conciencia de "país", que nos fai "menosprezar" a nosa lingua, polo que non poderiamos competir co castelán, "lingua emerxente", a pesar de que son preto de 200 millóns os falantes do noso sistema lingüístico, incidiu.

O ex-director de Xornal.com, primeiro dixital en galego, xa desaparecido como o Xornal en papel, reflexionou, xunto a Emma Torres, profesora da Universidade de Vigo, arredor da "viabilidade comercial da imprensa en galego" baixo un punto de vista "económico e identitario". José Luís Gómez apuntou cara a un "sistema de subvencións perverso", que provoca que haxa "fondos de normalización lingüística en Galicia dirixidos a medios de comunicación en español". Emma Torres, pola súa parte, fixo referencia ao negocio publicitario en Galicia, e lembrou que a perda de capacidade económica dos xornais débese basicamente á perda de insercións publicitarias. Respecto do papel da lingua galega no eido publicitario, a docente da Universidade de Vigo considera que a súa normalización "é parella á dos medios", polo que de momento, a súa presenza en campañas publicitarias é exclusivamente "unha estratexia de posicionamento", como poden ser as de R ou Gadis.

"A publicidade en Internet é escasa e está moi controlada", denunciou pola súa banda Gómez, "porque a domina Google, coa súa filial Ad Senses". E apostilou que non se pode falar de "mercado publicitario en galego porque non existe". Prognosticou que, nun futuro, a evolución das dúas curvas, a da situación económica nos medios e a do consumo de xornais na Rede, converxerían, crecendo xuntos, mais ese panorama positivo necesita aínda está moi lonxe, e non é cousa de "dous ou tres anos"."Claro que é posíbel conquistar o futuro, con criterio, con vontade, e facendo as cousas ben", concluíu, antes de someterse ás preguntas e reflexións dos ansiosos estudantes de Xornalismo, e de ironizar coas "operacións políticas", das que el non soubo nunca "nada", mais lle costaron o seu posto á fronte do diario, e a Xornal a súa desaparición.

Dentro da mesma vertente económica e comercial, Óscar Juanatey, da Universidade da Coruña, e Miguel Túñez, da Universidade de Santiago de Compostela (USC) reflexionaron arredor da "difusión e lectura real da prensa en Galicia", con especial atención do último á lectura de prensa en galego. Juanatey falou de "datos pouco precisos", mais "evidencias moi claras lamentablemente", como son o peche no último ano de todos os xornais dixitais e en papel: "Xornal, Galicia Hoxe, Vieiros, A Nosa Terra e Galiza Nación". Sinalou que "o futuro está na rede", con datos como o do 93% de usuarios de Internet que o empregan para ler noticias, o 60%, que emprega ambos soportes, a inmediatez, a actualización que brinda, a fácil accesibilidade, a contrastación e participación que permiten, e só un inconveniente: menos de 1% pagan por esas novas, polo que deixou no ar unha solución para "monetarizar ese acceso gratuíto", que se perfilou como o gran reto e enigma para facer viable o traballo xornalistico de calidade. "Cómpre un novo modelo de negocio", sentenciou, "e a hiperlocalización de contidos (informar sobre o contorno máis próximo ao lector, de forma persoalizada) pode desempeñar un papel clave".



Pola súa banda, Miguel Túñez apostou por realizar unha análise máis aló do habitual "comentario numérico, xa que cando se fala do galego nos medios, tendemos a ter unha actitude puramente descritiva e o que hai que ter é unha visión realista, desprovista de romanticismos, e cun punto de provocación", para engadir que "os medios son empresas, e como tales, só producen produtos para ser vendidos a unha audiencia".

O membro do Consello da Cultura Galego criticou que "os lectores, e tampouco os mozos, piden reactivamente, o galego nos produtos que demandan", posto que "os galegos non asumimos a lingua como un criterio co que avaliar os niveis de calidade dun produto xornalístico". Só así, asegurou, a imprensa en galego deixará de utilizarse como un "complemento secundario e reducido a determinado tipo de informacións". Antes de todo iso, inauguraran as xornadas o reitor, Casares Long, o decano da facultade, José Pereira, e o secretario xeral de Medios da Xunta de Galicia, Alfonso Cabaleiro, que rexeitou a instancias do rector dar a súa comunicación "Axudas Institucionais á Prensa en Galicia", por falar xa no acto de apertura, o que provocou a sorpresa e a indignación de máis dun asistente.



Tamén provocou o abraio da profesora María Isabel Fernández, da Universitat Autónoma de Barcelona, que ofreceu os seus datos do Observatorio de Medios de Catalunya (do que é directora) para trazar un completa e exhaustiva radiografía do sistema de medios catalán, e as axudas institucionais recibidas ao longo do período democrático a través das diversas etapas políticas. A profesora asegurou que as políticas de comunicación xogaron un papel central neste proceso, sendo unha "prioridade política para todos os partidos que pasaron polo goberno da Generalitat, especialmente no impulso da radio e a televisión públicas".



Por último, pecharon a primeira xornada representantes dos "novos proxectos de prensa en galego", concretamente Sermos Galiza, Praza Pública e Tempos Dixital.

Olalla Rodil e Xosé Ramón Freixeiro, membros do grupo promotor de Sermos Galiza, presentárono como "un proxecto que nace á inversa, xurdido da sociedade á espera que esta o faga propio" co obxectivo de "rachar co silenzo mediático ao que os medios convencionais nos teñen acostumados". Para iso pretenden contar con máis de 3.000 subscritores que fagan viable a creación dun xornal diario na rede e un semanario en papel, e a constitución dun capital social suficiente para poñelo en marcha, do que xa levan a metade. "Non temos a vocación de sermos xornalistas", recalcaron, "senón de desaparecer canto antes", para que xa non sexa necesario adoptar iniciativas como esta para ter que "normalizar" o uso do galego nos medios.



Marcos Pérez Pena, de Praza Pública, definiuno como "un medio dixital, en galego e de calidade" ante a "falta de voces e espazos mediáticos nos medios en galego". "Non queremos repetir en galego o que xa fixeron outros, queremos ofrecer algo distinto", explicou, e para iso é moi importante o deseño da interfaz, que encargaron ao grupo A navalla suíza, e a disposición innovadora dos contidos, da que amosou unha proba en papel. Segundo Pérez Pena, Praza Pública  aproveitará todas as posibilidades da rede, tratando poucos temas pero en profundidade e empregando todos os xéneros. Este novo medio constituirase como un medio dixital con publicidade e que se sustentará co apoio económico dos lectores, a través de "microachegas".



Finalmente, o coordinador de Tempos Dixital, Denís Fernández, sinalou que o obxectivo da publicación é xerar contidos achegados a un público novo, "xa que a revista ten unha audiencia de máis idade". Nesta dinámica as redes sociais contarán cun papel prioritario na estratexia do medio, posto que a maior parte das visitas que recibiron ata o de agora xeráronse a través de Facebook e Twitter. "Estamos tentando abrirnos a máis público, con seccións como Opinión ou Deportes", ademais dos xa habituais de Activismo e Sociedade, ou Política. A suscrición é unha das fontes de ingresos "fundamentais", posto que "non hai outra forma de facer bo xornalismo", e sinalou que "non por contalo antes, se conta mellor", apuntando ao tipo de xornalismo que queren facer, reflexivo e en profundidade. Desde Praza Pública e Tempos Dixital  non se descartou a idea de poder chegar a compartir accións comerciais, correlacionar contidos e asociarse, pois "non é o mesmo vender un produto que len 25.000 lectores que un paquete que poidan ler máis", asegurou Denís Fernández.
Comentarios (0) - Categoría: Opinión - Publicado o 10-11-2011 21:13
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal

Warning: Unknown: Your script possibly relies on a session side-effect which existed until PHP 4.2.3. Please be advised that the session extension does not consider global variables as a source of data, unless register_globals is enabled. You can disable this functionality and this warning by setting session.bug_compat_42 or session.bug_compat_warn to off, respectively in Unknown on line 0