Caderno da Coordenadora de Equipas de Normalización Lingüística de Ferrolterra








clocks for websitecontadores web


anuncia o portal na túa web





O meu perfil
cequipnormalizacion@gmail.com
 CATEGORÍAS
 FOTOBLOGOTECA
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

Henrique Costas: 'O galego en Cáceres está máis vivo que en Vigo'
A Nosa Terra


M. Obelleiro . De hoxe ao venres, teñen lugar as xornadas 'Lingua e diversidade. Val do Ellas: a lingua que nos une' neste recanto noroccidental de Cáceres. O catedrático de Filoloxía Galega e director da Área de Normalización Lingüística da Universidade de Vigo, Henrique Costas, é un dos organizadores deste congreso no que participarán máis de 300 estudantes de Galiza e de Estremadura. O estudoso da Fala debulla nesta entrevista algunhas claves do 'galego reencontrado' que se fala en Cáceres.

En que consisten as xornadas?

Trátase dun encontro entre alumnos e alumnas de tres institutos galegos e do instituto do Val das Ellas, o IESO Val do Xálima, que, auspiciado pola Unesco, promoverá unha rede de traballo en patrimonio inmaterial común. Consiste en pór en común a lingua e a toponimia. O obxectivo principal pasa por fortalecer o contacto entre os falantes de galego de Galiza e os falantes de galego de Valverde, As Ellas e San Martín de Trebello. O 98 por cento dos 5.000 habitantes destes lugares fala galego. No Val das Ellas só a alcaldesa de Valverde e o seu pai, algúns gardas civís e algúns mestres que veñen de fóra ?mesmo algún galego? son castelanfalantes.

Como reaccionan os estudantes de Galiza cando ven que os estremeños falan galego?

Con estrañeza e con sorpresa. No patio, os estudantes do Val das Ellas non dan en castelán ningunha palabra. Mesmo fillos de xente que se atopa alí de paso, por algunha razón laboral, aprenden rapidamente a Fala porque nese lugar é algo natural. O galego está moito máis vivo no Val de Xálima que en Galiza. Non é a primeira vez que algún alumno castelanfalante dos que participa nestas xornadas volve de Cáceres falando en galego.

E como ven os estremeños que o estudantado de Galiza non fale apenas galego?

Veno como algo desagradábel. Alí non se entende por que a xente de Galiza non quere falar galego. Non se entende, como din eles, por que algúns galegos queren ser ?madrileños?. Unha vez que veu a Moaña un equipo de fútbol de San Martín de Trebello, o club quedou asustado logo de ver que os futbolistas estremeños falaban galego mentres que os moañeses falaban español.

Que problemas sofre o galego en Cáceres?

Non está protexido e non posúe normalización nin normativización. Até o 2008, o galego do Val de Xálima non foi recoñecida no informe do Consello de Europa sobre a aplicación da Carta das Linguas Minoritarias. A Junta de Extremadura declarouna Ben de Interese Cultural (BIC) no 2001, pero esta medida non supuxo maior protección. Hai uns cursos, o Goberno estremeño introduciu a fala como materia extraescolar ?para a que deu diñeiro? e houbo o 100 por cento de alumnos matriculados na lingua. Malia o éxito, a Junta de Extremadura suprimiu no seguinte curso as axudas a esta materia. É unha mágoa que en 15 anos a nivel institucional, polo desleixo da propia Junta, non se evolucionase nada.

Outra das eivas é a calidade lingüística...

O galego nesta zona está moi interferido pola introdución do castelán na escola. E isto apréciase sobre todo no léxico que empregan os rapaces e rapazas. Mentres os adultos din ?andoriña?, os nenos e nenas xa din ?gulundrina?. O mesmo acontece coa pronominalización de moitos verbos. Pola introdución do castelán din ?bebéuseo?, non ?bebeuno?. A principal ameaza da fala é a hibridación, non a substitución, como acontece co galego na Galiza.

Cando comezou a estudar a fala?

Cara ao 1991, nunha viaxe a Aveiro. Vin que Portugal se atravesaba en pouco tempo e que o Val das Ellas non quedaba lonxe. Collín o coche e fun comprobar como era a Fala. Hospedeime nun hotel e pasei a noite falando co xerente e prestándolle atención aos paradigmas dos verbos. A partir de entón, topei con persoas que me foron introducindo na fala. Dei con poemas e bandos escritos en galego e mesmo cuns sainetes escritos por unha señora nos anos trinta nos que xa se advirte que a fala é galego. Nun deses sainetes recóllese ?temos esta fala tan galega...?

'Benefícianse do turismo lingüístico'

A fala é galego?

É galego, mais non ao mesmo nivel que os dialectos de aquí. Trátase dun bacelo da nosa lingua que despois medrou por libre. É un galego especial, reencontrado, curioso... pero é galego. Malia ter o portugués ao lado, as diferenzas co portugués son abismais. É máis, se un galego entra nun estabelecemento de Valverde, non o identifican como tal. Pensan que será de San Martín ou das Ellas porque falan a mesma lingua, pero con matices diferentes.

E en Cáceres identifican a fala co galego?

Consideran que é a mesma lingua as persoas que tiveron contacto co galego na emigración ou na mili porque así o advirten ao falar. En cambio, a Universidade de Extremadura ve a fala como a terceira póla do galego-portugués, ao que eu lles contesto que, de ser esa póla, sairía directamente do galego. Con todo, non se ve negativa a identificación da Fala co galego, porque son conscientes de que hoxe en día é un motivo económico. No Val das Ellas xurdiron nos últimos anos estabelecementos hoteleiros que responden á demanda do ?turismo lingüístico?.

Como ve o futuro do galego en Cáceres?

O futuro pasa por que se aplique a Carta Europea das Linguas Minoritarias, porque no Val das Ellas a Fala non é nin sequera cooficial, malia ser empregada polo 98 por cento da poboación. A Fala non existe no ensino, nin na Xustiza, nin na Administración, nin na toponimia oficial... E iso que os habitantes do Val do Xálima teñen unha conciencia forte, unha conciencia natural, non militante. Desaparecía antes o galego en Vigo que a Fala no Val das Ellas.
Comentarios (0) - Categoría: Opinión - Publicado o 19-08-2011 10:35
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal

Warning: Unknown: Your script possibly relies on a session side-effect which existed until PHP 4.2.3. Please be advised that the session extension does not consider global variables as a source of data, unless register_globals is enabled. You can disable this functionality and this warning by setting session.bug_compat_42 or session.bug_compat_warn to off, respectively in Unknown on line 0