Caderno da Coordenadora de Equipas de Normalización Lingüística de Ferrolterra








clocks for websitecontadores web


anuncia o portal na túa web





O meu perfil
cequipnormalizacion@gmail.com
 CATEGORÍAS
 FOTOBLOGOTECA
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

Despedida do blog
NO ANO QUE CUMPRIMOS 25, DESPEDIMOS O BLOG


O día 18 de maio de 2006... xa vai para nove anos, comezábamos a nosa andaina na rede por medio deste blog, como un xeito de transmitir as nosas inquedanzas sobre a nosa lingua facéndonos eco, unhas veces, das noticias que aparecían sobre ela nos diversos medios, ou directamente, outras veces, para expresar o noso sentimento e servir de taboleiro de anuncios das nosas actividades.
O 20 de decembro de 2012 (como pasa o tempo) abríamos a nosa páxina de facebook e, desde ese momento as nosas comunicacións fóronse publicando simultaneamente nos dous medios (blog e facebook).
Hoxe, parece que esa reiteración de contidos non ten moito sentido e sendo moito máis áxil o segundo que o primeiro procede, ao noso entender, a supresión do blog para continuar unicamente no facebook.
Coincide, ademais, esta decisión, co ano en que cumprimos os 25 desde a fundación desta Coordenadora, feito este do que iremos dando conta ao longo deste ano, esperando poder celebralo como se merece.
Como despedida, poño a continuación o manifesto da Mesa que foi a nosa primeira publicación ese día 18 de maio de 2006 en que nos fixemos "redeiros". Velaí vai:


PORQUE TEMOS, PORQUE QUEREMOS, PORQUE DEBEMOS


PORQUE TEMOS unha lingua propia. Unha lingua que nos une como galegas e galegos e que contribúe ao noso xeito de ver o mundo.
PORQUE QUEREMOS poder utilizar esta lingua para calquera cousa do noso día a día e que calquera galega ou galego poida gozar tamén do seu uso. Para xogar, para ouvir a radio, para facer xestións por internet, para casar, para soñar...
PORQUE DEBEMOS protexer unha das nosas grandes riquezas como pobo.
Na actualidade, despois de 25 anos do actual Estatuto, o galego continúa a estar mesmo moi por debaixo dos niveis mínimos de teórica cooficialidade. O debate do novo Estatuto supón unha oportunidade histórica para superar a situación de discriminacións que continúa a padecer a nosa lingua e quen quere utilizala con normalidade.
Precisamos dun Estatuto que solucione o problema: podermos exercer como galegos e galegas na Galiza. Un Estatuto que non manteña por máis tempo o galego nunha situación de inferioridade a respecto do castelán. Un Estatuto que garanta o dereito individual de calquera persoa a poder vivir en galego. Un Estatuto que garanta o dereito colectivo á lingua propia.
Porque ao galego deben corresponderlle todas as garantías dunha lingua oficial.
O galego é o idioma do Estado que máis precisa das garantías dun novo Estatuto. Mentres en Cataluña ou Euskadi houbo gobernos autonómicos que desenvolveron políticas que serviron para recuperar e estender eficazmente as súas linguas, en Galiza non só non se desenvolveu o tímido marco legal, senón que mesmo se permitiu a súa vulneración. A pesar desta falta de implicación das institucións, que conlevou unha forte caída de falantes nas xeracións máis novas, o galego continúa a ser a lingua espontánea de uso habitual para a maioría da poboación.
Que no Estatuto de autonomía figure o galego como ?dereito e deber? ou que conteña unha carta de dereitos lingüísticos, significaría unha garantía de primeiro nivel para que o galego supere a situación de cooficialidade subalterna. Precisamos garantías para que a galeguización do ensino, o uso do galego nos medios públicos, nas administracións, etc, non dependa da maioría electoral conxuntural nin da mobilización permanente da sociedade.
PORQUE TEMOS, PORQUE QUEREMOS, PORQUE DEBEMOS, as persoas e entidades que apoiamos esta mobilización do 17 de maio de 2006, conscientes do reto histórico, demandamos para o novo Estatuto de Galiza:
1.- Que se manteña a obriga dos poderes públicos de contribuír a normalizar a nosa lingua.
2.- Que se recoñeza o dereito a usar e o deber a coñecer o galego, dándolle plena validez xurídica ás comunicacións na nosa lingua en todos os ámbitos.
3.- Que se garanta o dereito de todas as persoas a ser atendidas oralmente e por escrito en galego, na súa condición de usuarias e consumidoras de bens, produtos e servizos.
4.- Que se regule o uso preferente do galego por parte de todas as administracións situadas en Galiza, o cal inclúe tamén a Administración Xeral do Estado e a Administración de Xustiza. O persoal ao servizo das Administracións públicas debe estar capacitado e en disposición de usar o galego como lingua propia das Administracións galegas e as situadas na Galiza.
5.- Todo o persoal da maxistratura, notarías, fiscalías e rexistros, para prestar os seus servizos en Galiza, han de acreditar que teñen un coñecemento adecuado e suficiente do galego como para garantir o dereito de opción lingüística.
6.- Que se recoñeza ao galego a condición de lingua vehicular no ensino non universitario.
7- Que se consigne o uso preferente do galego nos medios de comunicación públicos en Galiza, incluíndo por tanto a RNE e TVE.
8.- Que o Goberno galego promova a comunicación e cooperación cos outros territorios que pertencen ao sistema lingüístico galego-portugués.
9.- Que o Goberno galego fomente singularmente o uso da lingua galega nas zonas galegofalantes do exterior da comunidade autónoma de Galiza.
Pedímoslle a todas as forzas políticas e axentes sociais que estean á altura do que este país e este tempo histórico demandan. Un Estatuto que recolla artigos no sentido antedito rachará os alicerces que sustentan as graves discriminacións que aínda padece o galego.
Ademais, para alén do sinalado no importante debate estatutario, agardamos que desde o novo Goberno da Xunta, singularmente desde a Secretaría Xeral de Política Lingüística, se comece a traballar para afrontar os problemas de base que ten o noso idioma, garantindo en primeiro lugar o dereito fundamental á escolarización en galego.
Porque TEMOS unha lingua propia e QUEREMOS vivir e aprender en galego, hoxe DEBEMOS exixir o cumprimento do noso dereito.
Comentarios (2) - Categoría: 00-Xeral - Publicado o 11-01-2016 13:56
# Ligazón permanente a este artigo
Faime un favor
Comentarios (0) - Categoría: 00-Xeral - Publicado o 04-01-2016 10:56
# Ligazón permanente a este artigo
O mapa mental do galego estigmatiza a gheada
Dúas investigadoras do ILG enquisan a falantes non lingüístas de toda Galicia para retratar con números a saúde dos prexuízos cara a variedade dialectal

Por Diana Mandiá - GCiencia | 22/12/2015


?Os lugares onde se fala coa jota?. É a resposta que a filóloga Soraya Suárez Quintas e a matemática Laura Calaza Díaz reciben con frecuencia cando no seu percorrido por Galicia na busca da percepción dos falantes sobre os dialectos do galego, preguntan, escapando de termos académicos, onde cren que se fala peor o idioma propio. A gheada, o fenómeno fonético que aspira o /g/ e que non é, como fai pensar a resposta, asimilable a iota do castelán, é o trazo dialectal cara o que os falantes amosan menos simpatía, a miúdo relacionado na opinión popular con usos pouco coidadosos do idioma ou mesmo entendido como desagradable.

A aplicación usada no proxecto
A aplicación usada no proxecto

?Hai xente que nos di que non usaría a gheada, por exemplo, se traballase de cara ao público nunha tenda?, explica Soraya Suárez, que estas semanas percorre a comunidade entrevistando falantes e non falantes de galego para medir en cifras, xunto a súa compañeira Laura Calaza, ámbalas dúas investigadoras do Instituto da Lingua Galega, as actitudes de persoas de entre 20 e 65 anos cara a variación diatópica do idioma, é dicir, a percepción de veciños de idades e formación dispares ?pero non lingüístas- do galego que se fala en Malpica, A Fonsagrada ou Cangas do Morrazo. As entrevistas estanse a realizar entre 180 persoas en 45 puntos da comunidade. Non se analizan neste estudo as zonas limítrofes de Castela e León e Asturias.

A enquisa divide aos falantes en dous grandes grupos de idade, entre os 20 e os 35 anos e entre os 50 e 65, dúas xeracións ás que se lles manda identificar nunha zona de Galicia gravacións previas e representativas dalgunha das variedades dialectais, para ver en que medida as recoñecen. As investigadores fan tamén unha serie de preguntas destinadas a trazar o mapa mental das áreas da dialectoloxía tradicional e os prexuízos, actitudes e cambios da realidade lingüística. ?Interésanos entender as actitudes porque serven para establecer modelos de planificación lingüística e saber que prexuízos resisten. Vemos que segue existindo a idea de que as variedades dialectais son menos válidas e o retroceso da isoglosa da gheada explícase precisamente por eses estigmas?, sinala a filóloga.

A maior parte dos enquisados percibe que na TVG os presentadores falan ?diferente?
O traballo apóiase nunha aplicación informática creada expresamente para este traballo, en ferramentas de información xeográfica (GIS) e nun software de estatística, R, que permitirá, por vez primeira, cuantificar a parte máis subxectiva da fala. Existen estudos semellantes en Estados Unidos, Reino Unido, Irlanda e Xapón, pero nunca se fixeran co galego. Chris Montgomery, profesor na Universidade de Sheffield, é unha das referencias principais desta investigación do ILG polos seus traballos sobre a percepción dos dialectos do inglés británico, especialmente no norte de Inglaterra.

Nin a gheada como trazo máis recoñecible e estigmatizado, malia que ?hai tamén un grupo importante de enquisados, falantes do galego ou non, que di non ter prexuízos e que non hai un galego mellor ca outro?, nin a consideración dun galego puro, resistente á influencia do castelán e a miúdo calificado como ?cerrado? na localización abstracta das ?montañas de Lugo e Ourense?, sorprenden demasiado ás investigadoras. ?A tendencia xeral é a esperable. Estigmatízase o máis perceptible, e como a gheada e o seseo son riscos fonéticos, aparecen máis que unha terminación como a de camín ou camiois?, sinala Suárez.

?Os prexuízos danse en maior medida en en idades avanzadas, porque os máis novos xa foron escolarizados en galego e son os que máis manifestan non ter opinións negativas cara os dialectos. Á vez é moi curioso o que sucede cando se lle pregunta á xente se considera que os presentadores da TVG falan ?diferente?. A maior parte dos enquisados considera que si, que falan un galego distinto ao deles, ben porque identifican o estándar e din que o falan mellor, ben porque rexeitan o seu modo de falar; responden que seguramente so falan o galego na televisión e por iso non os consideran bos modelos?, conta a investigadora.

Existen estudos similares en Estados Unidos, Xapón ou Irlanda, pero nunca se fixera en galego
O traballo da matemática Laura Calaza é esencial para a outra pata do proxecto, a de explicar en que medida os falantes coñecen os dialectos do idioma e os seus límites. A aplicación usada recolle datos demográficos dos enquisados , como o seu lugar de nacemento, o nivel de estudos e profesión, para tratar de relacionalos cos mapas mentais que as súas respostas van trazando, sexa nas valoracións cara o idioma propio, sexa no coñecemento da súa diversidade xeográfica. ?Cunha ferramenta gráfica de información xeográfica elaboramos mapas de calor, nos que se resaltan con cores de distinta intensidade as zonas que van escollendo os falantes. Co software estatístico o que facemos son modelos de regresión, que nos permiten coñecer que variables son máis significativas?, explica Calaza. Cantos máis estudos, menos prexuízos, alomenos declarados, e canta máis idade, máis tino á hora de identificar no mapa a zona da que vén a variante enlatada dun falante tipo.

Dos tres grandes bloques nos que os lingüístas dividen o galego, o mellor identificado é o occidental, pola mesma razón xa sinalada: os trazos fonéticos da gheada e o seseo delatan axiña. Menos se atina co bloque central, unha grande área na que entran o interior das provincias de A Coruña e Pontevedra e boa parte das de Ourense e Lugo, a non ser as partes máis orientais. ?O bloque central é o máis similar ao estándar en moitos dos seus trazos?, xustifica Suárez.

Suárez e Calaza están tamén a ver como as variedades dialectais retroceden paseniño fronte ao estándar, sobre todo entre os falantes de menor idade. O fenómeno é evidente na gheada e algo menor no seseo. Ademais dos estigmas, o coñecemento da norma e o seu uso en ámbitos máis formais e, polo tanto, a posibilidade da súa aplicación, suaviza algúns trazos e favorece a perda doutros. ? A xente adapta a lingua as súas necesidades e os cambios van quedando no idioma?, asegura a Suárez. Ámbalas dúas investigadoras continúan estas semanas coas súas entrevistas e contan ter resultados definitivos deste proxecto nuns dous meses.
Comentarios (0) - Categoría: 00-Xeral - Publicado o 22-12-2015 22:49
# Ligazón permanente a este artigo
Fai que pese o galego
E agasallar BOH pode ser unha boa opción...

Comentarios (0) - Categoría: 00-Xeral - Publicado o 22-12-2015 22:47
# Ligazón permanente a este artigo
A CGENDL rexeita o Premio da Cultura por chegar dun goberno que lexislou contra o galego
Sermos Galiza

A Coordinadora Galega de Equipos de Normalización e Dinamización Lingüística non acudirá hoxe á gala de entrega dos Premios da Cultura Galega por proceder dun Goberno ?que foi o primeiro que lexislou para limitar o uso do galego.


A CGENDL decidiu rexeitar o galardón por consideraren ?unha incongruencia aceptalo de mans dun Goberno que ten actuado, por obra ou omisión, en contra de todos os principios que defendemos a prol dunha normalización efectiva da lingua galega?, segundo manifestan nunha nota enviada á prensa.

A pesar de sentírense ?honrados? polo premio, declinan aceptalo por proceder dun goberno ?que ignorou de modo persistente todas as demandas que os sectores máis comprometidos coa promoción do idioma levamos solicitando desde hai anos?. Ademais acusan ao Goberno Feijoo de ser ?o primeiro que lexislou para limitar o uso do galego nas materias tecnolóxicas e científicas no ensino; foi tamén aquel que suprimiu as liñas de galego solicitadas polas familias en Educación Infantil, ou o mesmo que delegou a responsabilidade de ?escoller? o idioma de escolarización nas nais e pais, ignorando os desequilibrios históricos entre unha lingua de ámbito estatal e outra minorizada?.

Os membros do Consello Directivo da CGENDL non irán esta noite recoller o premio, pois ?non nos presta vestir con traxe de gala en tempos que requiren roupa de faena?. Pero si irán os outros premiados: a escritora Fina Casalderrey, o debuxante Miguelanxo Prado, a actriz María Bouzas, o cineasta Ignacio Vilar, o Real Coro Toxos e Froles de Ferrol, a Federación Galega pola Cultura Marítima e Fluvial, e a investigadora Kathleen March.
Comentarios (0) - Categoría: 00-Xeral - Publicado o 22-12-2015 22:44
# Ligazón permanente a este artigo
BO NADAL
Comentarios (0) - Categoría: 00-Xeral - Publicado o 21-12-2015 14:00
# Ligazón permanente a este artigo
Estudantes de oito países familiarízanse coa lingua e a cultura galega
O país con máis alumnos e alumnas matriculadas na Universidade de Vigo para aprender galego foi México, seguido de Alemaña e China.

Por Galicia Confidencial | Vigo | 19/12/2015


Unha visita ao Museo do Mar de Galicia puxo fin a a catro intensos meses nos que vinte mozos e mozas de lugares tan distantes como México, Alemaña, China ou Corea tiveron a oportunidade de ter unha primeira toma de contacto coa lingua e a cultura galega. Falamos do alumnado do Curso de Extensión Cultural para alumnado estranxeiro, unha actividade organizada dende a Área de Normalización Lingüística e na que este cuadrimestre participaron estudantes de oito países. Foron días nos que tiveron a oportunidade de achegarse á realidade sociocultural e sociolingüística galega e facelo non só a través das aulas, senón tamén de múltiples excursións nas que ademais de facer turismo, que tamén, comprobaron ?in situ? aspectos da historia, da cultura, da etnografía, da paisaxe, das festas? previamente expostas nas aulas.

?O temario é moi amplo e dificilmente é posible tratar todos os temas que inclúe, pero procúrase sobre todo que o alumnado teña acceso á información, facilitarlle as ferramentas que lle permitan afondar no seu coñecemento sobre Galicia e sobre a nosa lingua de maneira autónoma?, explica María Fernández, a docente do curso, que fai fincapé en que o programa tenta abranguer aspectos moi variados no eido cultural (xeografía, territorio, clima, paisaxe...); coñecementos etnográficos (festas, gastronomía, arquitectura popular, música, crenzas...); coñecementos históricos que lle permitan entender a singularidade de Galicia no contexto peninsular, así como tamén coñecementos básicos de literatura galega (períodos, escritores, obras destacadas...).

Achegarse á realidade sociocultural e sociolingüística galega
?O curso ten un carácter introdutorio. Pretende ser unha toma de contacto coa lingua e a cultura galega, ofrecerlle un contexto á xente que chega a estudar aquí, a Vigo, a Galiza?, subliña a docente, que fai fincapé en que se trata de ofrecer un marco, unhas coordenadas, unha comprensión da realidade sociocultural e sociolingüística galega. ?Como materia, dous son os principais obxectivos: por unha parte, que o alumnado adquira uns coñecementos elementais sobre a cultura galega; pola outra, que adquira certa competencia lingüística en lingua, isto é, que sexa capaz de comprender actos comunicativos básicos e desenvolverse a nivel elemental oralmente e por escrito?, recalca Fernández, que apunta que se traballan as catro destrezas básicas da comunicación: a expresión oral, a expresión escrita, a comprensión lectora e a compresión auditiva.

?O curso dálles a posibilidade de coñecer Galiza doutra maneira, de aproveitar outro tipo de ocio que non é incompatible coas festas e a vida nocturna, ofrécelles outra visión da realidade galega e rómpelles os esquemas da homoxeneidade cultural e lingüística, dos estereotipos culturais?, subliña a docente, que recalca o feito de que ?tamén tenta desmitificar e desprexuizar o alumnado e, non menos importante, ofrecerlle a posibilidade de dar os seus primeiros pasos en lingua galega?.

Percorrendo Galicia
A maior parte das excursións realizáronas en sábado, fóra do horario lectivo, e nelas tiveron a oportunidade de achegarse a lugares tan emblemáticos da xeografía galega como Tui, Santa Tegra e Baiona; o mosteiro de Carboeiro e a fervenza do río Toxa; o mosteiro de Oseira, Ribadavia, o castelo de Sobroso... Ademais, realizaron tamén varias visitas en horario lectivo nas que tiveron a oportunidade de percorrer a zona vella de Vigo e o monte do Castro; o pazo de Castrelos, o Museo Etnográfico Liste... ?O que se procura con estas saídas é que o alumnado amplíe os seus coñecementos e percepción sobre Galicia. Non se trata simplemente de facer turismo, as visitas son planificadas polo miúdo para que o que se ve na aula teña o seu espello/reflexo na realidade?, recalca a responsable do curso.
Comentarios (0) - Categoría: 00-Xeral - Publicado o 21-12-2015 13:55
# Ligazón permanente a este artigo
Cantigas e Agarimos estrea 'Balbino' en homenaxe a Neira Vilas
Sermos Galiza

Máis de 90 artistas escenificarán o domingo 27 no Auditorio de Galicia unha proposta multidisciplinar inspirada na obra ?Memorias dun neno labrego?.


A estrea de 'Balbino' será o 27 de decembro ás 20 horas no Auditorio de Galicia. Cantigas e Agarimos réndelle homenaxe con este espectáculo ao autor de Vila de Cruces, falecido xustamente un mes antes da data prevista para esta estrea.

O baile e a música tradicional mestúranse con outras manifestacións culturais para situar os espectadores no escenario vital dun neno dunha aldea galega nos anos trinta ou corenta do pasado século XX.

Como no libro de Neira Vilas, o pequeno Balbino anda á busca de cousas pequenas que lle procuren felicidade. A pesares da súa inxenuidade e simpleza, o protagonista chega á conclusión de que "algún día hai que arrepoñerse" a raíz da incomprensión de moitas das experiencias que lle toca vivir: un loito eterno que lle impide acudir ás festas da súa aldea, un mestre que non fala en galego na escola... Balbino é, por tanto, un espírito crítico, un inconformista que se rebela contra o que non considera natural.

Con esta estrea, chega á súa fin a actual edición de ?Danza 3?, un programa de difusión da música e a danza tradicionais, promovido pola Agadic, xunto con Cantigas e Agarimos, Xacarandaina e O Fiadeiro.
Comentarios (0) - Categoría: 00-Xeral - Publicado o 21-12-2015 13:53
# Ligazón permanente a este artigo
Nova acción poética desde Guitiriz: poemas nas farolas
Sermos Galiza

O colectivo Nova Poesía Guitirica vén de anunciar outra novidosa iniciativa poética para "sacar a poesía do armario".


NPG encherá de poesía as farolas dos núcleos urbanos de Guitiriz entre os días 28 de decembro e 3 de xaneiro. E faráo a través de autocolantes con poemas dos membros do colectivo: Fátima Fernández Chascarraschás, Judiña de Lea, Pas Veres, Luz Campello, Mar Beres, Xelo Teijido, Jaki Quintela, Antón de Guizán, José Antonio Cascudo e José André Lôpez Gonçâlez, que achegarán cada un deles dous poemas para ese cometido.

Fátima, a benxamina do grupo e promotora da idea, irá máis aló, e levará os seus poemas coa colaboración de outros membros do grupo e amizades, fóra do concello coa mesma fórmula. Segundo o NPG, trátase dun ?modelo de edición que non agarda polo lector senón que o aborda pola rúa?. Os poemas serán colocados nas farolas á altura da vista para a cómoda lectura dos peóns ao seu paso polas principais rúas.

En palabras de NPG, ?Guitiriz, a Terra Chá, Galiza, están empapadas de poesía e na NPG preténdese sacala do armario?. Este grupo poético constituise o 2 de outubre coincidindo co 25 cabodano da morte de Díaz Castro e ten realizado xa varios recitais colectivos.
Comentarios (0) - Categoría: 00-Xeral - Publicado o 21-12-2015 13:52
# Ligazón permanente a este artigo
O máximo responsábel de Cultura e Política lingüística na Coruña parabeniza o Nadal en castelán e con topónimos deturpados
Sermos Galiza

A Mesa pede o ?cesamento inmediato? do xefe territorial da Coruña polo que considera que é ?un desprezo manifesto á lingua galega?.


O xefe territorial da Coruña da Consellería de Cultura e Educación, Indalecio Cabana, remite felicitacións oficiais de Nadal e co carimbo da Xunta redactadas en perfecto español e con topónimos deturpados. ?Algo insólito por parte dun goberno que ten a obriga de cumprir as leis e dunha consellaría que ademais ten a responsabilidade da política lingüística?, manifestan desde a Mesa pola Normalización Lingüística (MNL). Segundo o seu presidente, Marcos Maceira, non se pode consentir o desprezo manifesto á lingua galega nun alto responsábel da Consellaría de Educación. ?Se a falta de respecto é grave en calquera cargo público da Xunta, éo máis na persoa que ten responsabilidade directa na política lingüística?. A MNL pide o cesamento inmediato deste cargo.

?Unha persoa que despreza o galego e as súas obrigas de tal maneira e que ademais se permite acompañar iso cos versos dunha persoa cun compromiso sen tacha coa lingua galega como Manuel María, non pode seguir un minuto máis no seu cargo? insitíu o presidente da entidade en defensa da lingua galega. Maceira puxo a felicitación como exemplo da política lingüística en Galiza e na provincia da Coruña, ?onde o galego está excluído da inmensa maioría das aulas de educación infantil das cidades?.
Comentarios (0) - Categoría: 00-Xeral - Publicado o 21-12-2015 13:51
# Ligazón permanente a este artigo
© by Abertal

Warning: Unknown: Your script possibly relies on a session side-effect which existed until PHP 4.2.3. Please be advised that the session extension does not consider global variables as a source of data, unless register_globals is enabled. You can disable this functionality and this warning by setting session.bug_compat_42 or session.bug_compat_warn to off, respectively in Unknown on line 0