Bo uso


A BITÁCORA DE FRAN BOUSO
Un blog aberto para falar desde Mondoñedo ou calquera outro lugar do mundo sobre Mondoñedo e as súas cousas ou sobre as cousas do mundo.



Fran Bouso

Crea tu insignia

O meu perfil
 CATEGORÍAS
 GALERÍA FOTOGRÁFICA
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES
 DESTACADOS

XXV MERCADO MEDIEVAL (Nº23 09/08/2016 RV-AM e LVG-AM)
Cartel XXV Mercado Medieval de MondoñedoIniciou a súa celebración coa década dos noventa do pasado século e ten nostalxia de varios séculos máis atrás. Os comezos foron modestos e incluso tiveron miradas raras, pero todo cambiou a mediados da década cando se fixo popular e popularizou. Con que se fixera popular moito tivo que ver Loira e o seu equipo e con que se popularizara, unha parella que se convertera en matrimonio na Catedral de Mondoñedo un sábado de agosto e que en lugar de levar "smoking" ou vestido de seda branca vestían con roupas doutro tempo.

Pero todo isto non tería sido nada sen o traballo e a diversión que aportan moitos veciños e veciñas que poñen esforzo, ilusión e adicación para facer realidade cada ano un soño. Un afán colectivo que viven e gozan xentes de aquí e acolá e que permite que a cidade e os cidadáns se sintan orgullosos de ser o que foron e que debería dar ánimos para pensar en que serán.

Un saltimbanqui por aquí, un cabaleiro por alá; unha fonte que surte de viño e uns mesoneiros que serven liscos, filloas e chourizos, caldo e polbo; todo estrado de herba seca.

Nalgún tempo as feiras maiores do lugar celebráronse en agosto. No tempo no que se mercan ?tabletas? que non son de chocolate e se volve a liar tabaco sen necesidade de aderezo, hai lugar para querer vivir un "flashback", tentar revivir o que tivo sido centos de anos atrás, aínda que sexa cun "smartphone" no peto.

E teremos ocasión de vivilo de novo esta fin de semana en Mondoñedo, porque o seu Mercado Medieval chega á súa XXV edición, un cuarto de século xa. Dende o venres e ata o domingo as rúas do casco histórico de Mondoñedo estarán ocupadas por postos que ofrecerán mercadorías de hoxe simulando que son doutro tempo.

Cada edición son máis as producións locais e iso é algo que fai medrar en calidade e diferenciación ao Medieval de Mondoñedo fronte a outras citas similares, ademais do entorno no que se desenvolve.

Hai dúas cousas que creo que non deberían tardar en incorporarse a esta cita, unha é o Xogo do Tangueiro, un elemento de adestramento das lexións romanas que foi cambiando de finalidade ao longo dos séculos e que en Mondoñedo chegou a ser disciplina lúdica ata o século pasado e outra a representación dalgún pasaxe da vida do Mariscal Pardo de Cela, sen lugar a dúbidas un dos personaxes máis representativos daquela época.



Comentarios (0) - Categoría: O OUTEIRO DE MONDOFORTE - Publicado o 21-08-2016 17:58
# Ligazón permanente a este artigo
NESTE MUNDO HAI DOUS TIPOS DE PERSOAS (Nº22 02/08/2016 RV-AM e LVG-AM)

Confésolles: hoxe teño a intención de convencelos para que visiten, se non o teñen feito xa, a Cova do Rei Cintolo. Pero non quero recorrer á mensaxes clásicas de que se é a cavidade máis grande de Galiza; nin a falar de estalactitas, estalagmitas, coladas, columnas e demais formacións xeolóxicas que se poden ver durante a visita; tampouco de lendas e ditos que pertencen á tradición popular e que hoxe en día xa están recollidos por escrito en diferentes soportes.
Gustaríame poder empregar técnicas de marketing e publicidade como as que poñía en práctica Carlos Folgueira, o mindoniense que se autoproclamou O Rei das Tartas. Carlos é recoñecido como confiteiro, pero en realidade a súa valía residía no dominio das técnicas de promoción e relacións públicas que dominaba de maneira innata. As tortas do Rei das Tartas non son mellores nin peores que as do resto de obradores que traballaban ou traballan en Mondoñedo, pero Carlos soubo promocionalas de tal maneira que hoxe, 23 anos despois do seu pasamento ( 2 de agosto de 1993) aínda lembramos moitas das anécdotas que ten protagonizado e por diferentes medios seguen a circular as súas fotografías con personaxes famosos como cantantes, xefes de estado, escritores, políticos...
Nunha ocasión pediulle a un amigo, dono dun restaurante, que incluíra na carta do seu establecemento a torta de Mondoñedo. Este hostaleiro díxolle que non lle parecía axeitado -o motivo ímolo obviar- ao que Carlos lle respondeu: ?Non me merques a tarta, pero pona igual no menú e cando alguén cha pida díceslle que a acabas de rematar?.
Ao longo da súa vida, O Rei das Tartas de Mondoñedo foi recoñecido con numerosos premios como o de Cabaleiro da Asociación Maxistral de Gastronomía; a medalla ao mérito turístico a título persoal, concedida en 1977 polo Ministerio de Turismo de España; medalla da Confrérie de la Chaîne des Rôtisseurs, Monsieur Maître de Rôtisseur (París, 1981); medalla de bronce de Galicia, que lle foi outorgada pouco antes do seu pasamento; medalla e título de artesán distinguido da provincia de Lugo; medalla de prata e título de Señor da Feira de Vilagarcía de Arousa; diploma de honra na Feira alimentaria de Barcelona e outros moitos entre os que non se debe deixar de citar o de Fillo Predilecto de Mondoñedo.
Pois ben, neste mundo hai dous tipos de persoas: as que xa visitaron a Cova do Rei de Cintolo e as que están agardando para facelo. Vostede de cal é?



Foto arquivo
Comentarios (0) - Categoría: O OUTEIRO DE MONDOFORTE - Publicado o 21-08-2016 17:55
# Ligazón permanente a este artigo
SOLUCIÓNS DE RUTINA (Nº21 26/07/2016 RV-AM e 27/06/2016 LVG-AM)
Captura de pantalla das cámaras da DGTCando a néboa no alto do Fiouco impide a visibilidade suficiente para unha condución segura pola A8, a N634 á altura da Xesta non se ve afectada polo mesmo fenómeno?
É máis seguro conducir por unha estrada convencional con calzada única para os dous sentidos da circulación en circunstancias de visión reducida que por unha autovía?
En situacións de escasa visibilidade por presencia de brétema, pode un transporte especial circular con normalidade ou sería máis recomendable que se detivera nun lugar seguro á espera de que as condicións meteorolóxicas sexan máis favorables?
Eu non sei con certeza se a néboa afecta de igual maneira no Fiouco e na Xesta acotío, pero o xoves, 23 de xuño deste ano, a media tarde, a A8 estaba pechada por causa da brétema desde Galgao e os vehículos que circulábamos en sentido Oviedo fomos desviados pola N634. O tráfico era lento en sentido descendente e intenso nos dous sentidos da circulación (o venres era festivo). Cheiraba a queimado. Conducir nesas condicións era inquietante, moito máis ata que se puxeron tres ou catro coches detrás do noso.
De vez en cando notábanse, entre a brétema, uns escintileos alaranxados que facían intuír unha situación de perigo do que se descoñecía a orixe.
Despois duns cantos quilómetros de baixada, a néboa foise facendo cada vez menos mesta, daquela poidemos ver como catro ou cinco coches por diante circulaba un camión de transporte especial que portaba pezas dun aeroxerador. Evidentemente os flashes procedían das luces rotativas daquel vehículo e da furgoneta que o precedía.
Non sería máis seguro para o tráfico que ese convoi especial circulara pola autovía en solitario?
Este simple feito faime pensar que non sempre se toman as medidas máis oportunas para solucionar un problema. Nun momento determinado tómanse unhas decisións e estas acábanse convertendo en rutina, moito máis cando o tempo vai pasando e os problemas non atopan solucións satisfactorias.
Dous anos despois do accidente múltiple no que perdeu a vida a unha veciña de Barbadás (Ourense) que traballaba como enfermeira na ambulancia medicalizada do 061 de Foz e que abandonou o seu vehículo para socorrer aos feridos no medio do caos, fíxose algo verdadeiramente efectivo para corrixir as múltiples dificultades que presenta a Autovía do Cantábrico entre Lourenzá e Abadín a maior parte dos días días do ano?



Comentarios (0) - Categoría: O OUTEIRO DE MONDOFORTE - Publicado o 21-08-2016 17:49
# Ligazón permanente a este artigo
[1] 2 [3]
© by Abertal
Fran Bouso - Mondoñedo T.I.C.



Warning: Unknown: Your script possibly relies on a session side-effect which existed until PHP 4.2.3. Please be advised that the session extension does not consider global variables as a source of data, unless register_globals is enabled. You can disable this functionality and this warning by setting session.bug_compat_42 or session.bug_compat_warn to off, respectively in Unknown on line 0