Bo uso


A BITÁCORA DE FRAN BOUSO
Un blog aberto para falar desde Mondoñedo ou calquera outro lugar do mundo sobre Mondoñedo e as súas cousas ou sobre as cousas do mundo.



Fran Bouso

Crea tu insignia

O meu perfil
 CATEGORÍAS
 GALERÍA FOTOGRÁFICA
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES
 DESTACADOS

Dous músicos mindonienses (nº4 15/03/2016 Radiovoz-A Mariña)
Hoxe voulles falar de músicos mindonienses porque aínda conservo no meu corpo a emoción vivida o pasado sábado no auditorio ?Pascual Veiga? de Mondoñedo na merecida homenaxe que se lle tributou ao músico, autor e actor teatral, ao mestre de artistas, ao profesor de matemáticas e de ballet, ao futbolista, ao home bo e xeneroso aberto a todo e a todos, a Manuel Araújo.

Un home nacido en Portugal, que sendo ben pícaro chegou na compaña dos seus pais a Mondoñedo donde se formou e desenvolveu unha actividade cultural ampla e diversa que aínda é recordada por moitos nos días de hoxe.

Araújo naceu en Viana do Castelo no ano 1924, tres anos máis tarde a súa familia chegou a Mondoñedo. Estudou no Seminario e formou parte do selecto grupo de nenos de coro da catedral, debido ás súas dotes musicais foi seleccionado para formar parte do coro da catedral de Lugo, tal e como nos conta Antonio Reigosa, Cronista Oficial de Mondoñedo nun artigo titulado ?Manolo Araújo, acordes na memoria?. Foi impulsor e integrante de diferentes orquestras de verbena, algunha incluso levaba o seu nome, que apañaron éxitos aló por donde pasaban.

O pasado sábado, un ben nutrido grupo de amigos e amigas que o coñeceron en vida e outros máis novos que tamén se quixeron sumar misturaron música con teatro e poesía para lembralo e facer que a súa memoria siga viva.

Pero sendo 15 de marzo, tampouco nos podemos esquecer doutro músico mindoniense que naceu tal día coma hoxe hai 148 anos e que, entre outras cousas, foi o autor do primeiro himno do F. C. Barcelona en 1910, refírome a José Lodeiro Piñeiroa.

Lodeiro ten no seu haber a composición de cincuenta e tres partituras para banda entre as que hai mazurkas, zarzuelas, rapsodias, poemas sinfónicos, valses, pasodobres, sinfonías, muiñeiras, marchas militares, tangos, polkas, suites, sardanas, xotas e danzas; dezaoito obras para piano e voz de diferentes estilos e incluso exercicios de práctica instrumental.

Vaian os nosos parabéns neste día para Araújo e para Lodeiro e para todos e todas aquelas que co seu saber e a súa creatividade converten este mundo nun lugar un pouco máis bonito.







Comentarios (0) - Categoría: O OUTEIRO DE MONDOFORTE - Publicado o 18-07-2016 12:17
# Ligazón permanente a este artigo
ECAR DEIXOU DE SER UNHA FÁBRICA (nº2 01/03/2016 Radiovoz A Mariña)
Hoxe hai catro anos foi o día escollido para o peche oficial de Ecar; precisamente o día de San Rosendo, patrón da diocese de Mondoñedo. As máquinas pararan o 24 de febreiro, o 28 secouse a suor.
ECAR puxérase en funcionamento hai agora 50 anos, producía aglomerado de partículas de madeira desde 1966. Inicialmente tiña unha capacidade de fabricación de 12.000 metros cúbicos anuais. A comezos do século XXI multiplicara por dez a súa produción, acadara facturacións que xiraban entorno aos 14 millóns de euros, tiña contratados 85 operarios e ao seu carón medraban pequenas empresas auxiliares, principalmente do sector do transporte de mercadorías por estrada e do metal.
O paso de chave foi no 2012, pero os problemas comezaran unha década antes por mor dun exceso de produción a nivel mundial de taboleiros de aglomerado de madeira e unha demanda que en lugar de aumentar, revía. Problemas para asinar o convenio colectivo, demoras no pago das nóminas e outros xeraron malestar entre os traballadores que realizaron paros ao longo de diferentes períodos. Esta situación mantívose ata o verán do ano 2005 no que Financiera Maderera, S.A. merca ECAR para transformar a factoría nunha planta de fabricación de compoñentes de mobles.
O cambio de mans supuxo un alivio para os traballadores, as súas familias e para o conxunto da poboación, pero xa houbo quen daquela apuntaba que se trataba dunha estratexia empresarial para eliminar a competencia.
O xoves, 1 de marzo de 2012 Ecar deixou de ser unha fábrica.
Un dez por cento dos sesenta e dous operarios que mantiña a factoría nos últimos tempos continuaron ao servizo da empresa en Mondoñedo durante uns meses para realizar tarefas de vixilancia, mantemento e labores diversas e outros -non todos- foron recolocados en fábricas que FINSA ten en Rábade ou en Santiago.
Antes e despois do peche de ECAR houbo promesas de crear postos de traballo na contorna, pero a realidade non deixa ver que se producira unha reactivación económica real.
Afortunadamente, na actualidade, FINSA segue innovando e medrando, pero as instalacións de Mondoñedo están pechadas, só unha pequena parte está sendo empregada por unha empresa local.
Hoxe, a imaxe de San Rosendo que coroa o frontispicio da catedral mindoniense segue sen mans. Xa o dixera Francisco Mayán, quen fora director do Instituto de Mondoñedo e Cronista Oficial da cidade: ?Mentres o patrón non teña mans, o avance non será posible?.



Comentarios (0) - Categoría: O OUTEIRO DE MONDOFORTE - Publicado o 18-07-2016 12:11
# Ligazón permanente a este artigo
TÍTERES (nº1 23/02/2016 Radiovoz-A Mariña)
Saúdos desde o Outeiro de Mondoforte, un lugar do meu maxín no que me sinto aforado e desde o que lles falarei a partir de hoxe a través das ondas de Radiovoz-A Mariña de cousas que me interesan ou me preocupan e que se cadra a vostedes tamén lles poden resultar interesantes, sempre dende a óptica dun mariñán de Mondoñedo que non se cre posuidor da verdade absoluta. En Mondoforte impera a liberdade e o respecto, algo que non sempre se da no mundo como aconteu cuns titiriteiros hai uns días e, precisamente, de marionetas imos falar hoxe.


Hai uns días, nun centro comercial, a miña filla e eu presenciamos, sen telo previsto, un espectáculo de monicreces (permítanme que desta volta lles chame ?títeres? para achegarme máis a outras linguas, aínda que esta expresión non veña recollida no dicionario da Real Academia Galega da Lingua).

Mentres os pícaros e pícaras rían e poñían cara de asombro ou admiración, eu estaba mandando unha información por ?e-mail? desde o ?smartphone? sobre as Fabas de Lourenzá a un xornal da Mariña, polo que a miña atención non estaba plenamente centrada no espectáculo. Aínda así ben me din conta de que os monicreques dixeran unhas frases nas que se incluían ?palabrotas? (dito en linguaxe infantil).

Ao rematar a sesión de marionetas, Paula e eu paseamos polo centro comercial ao tempo que conversabamos e non tardou moito tempo en reproducir esas palabras mal soantes.

- Pero ti como dis iso?, preguntei.
- Dixérono os títeres. Respondeu.
- Ah, claro e como o dixeron as marionetas vas ti e repítelo. Pero ti non sabes que non son palabras bonitas?

Desde entón non llo volvín a escoitar.

Afortunadamente non se produciron detencións.

De todo se aprende, amigos, do bo e do malo.

Larga vida e liberdade aos monicreques e sexamos monicreques unicamente cando o desexemos!

E desta volta permítanme que me despida lembrando a Barriga Verde:

Morreu o Demo, acabouse a peseta.



Comentarios (0) - Categoría: O OUTEIRO DE MONDOFORTE - Publicado o 18-07-2016 12:09
# Ligazón permanente a este artigo
© by Abertal
Fran Bouso - Mondoñedo T.I.C.



Warning: Unknown: Your script possibly relies on a session side-effect which existed until PHP 4.2.3. Please be advised that the session extension does not consider global variables as a source of data, unless register_globals is enabled. You can disable this functionality and this warning by setting session.bug_compat_42 or session.bug_compat_warn to off, respectively in Unknown on line 0