Bo uso


A BITÁCORA DE FRAN BOUSO
Un blog aberto para falar desde Mondoñedo ou calquera outro lugar do mundo sobre Mondoñedo e as súas cousas ou sobre as cousas do mundo.



Fran Bouso

Crea tu insignia

O meu perfil
 CATEGORÍAS
 GALERÍA FOTOGRÁFICA
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES
 DESTACADOS

CINES DE MONDOÑEDO (nº 6 - 05/04/2016 -o martes, 29 de marzo non se publicou esta sección - Radiovoz-A Mariña)
Comezamos o mes de abril e facémolo falando de cine, de seguido saberán por que.
Segundo se pode recoller na prensa da época e nun estudio sobre o cine na provincia de Lugo, do que é autor Fernando Arribas Arias, foi Mondoñedo a primeira localidade da provincia de Lugo en estrear o invento dos irmáns Lumière e isto sucedeu catro anos e dous meses despois de ser patentado o cinematógrafo, en concreto a finais do mes de abril de 1899.
Nos xornais de fins do XIX recóllense anuncios de proxeccións cinematográficas no ?Cine Galicia?, non se trataba dunha sala estable, senón do Salón Teatro do Casino alugado á empresa ambulante ?Cine Galicia? para dar cabida a eses eventos.
Esta experiencia provisional serviría para que, na mesma situación, no ano 1924 o empresario local Teófilo Arias se animase a configurar unha sala de cine permanente para pasar un día á semana as mesmas películas que se exhibían na capital da provincia.
O resto dos días no ?Principal Cinema?, que así se denominou esta primeira sala, poderíase usar como teatro de revista, salón de baile e ata con uso de ?ring? de boxeo. Contaba con 286 butacas, cadeira arriba, cadeira abaixo as mesmiñas que hai na actualidade no Auditorio ?Pascual Veiga?.
A mediados do século pasado, en 1942, outro empresario mindoniense, desta volta, Ángel Castañal, adapta o Salón de Actos do local da Sociedade de Obreiros como sala de proxeccións, abrindo así o ?Cine Pacheco?.
?Principal cinema? e ?Cine Pacheco? convivirían durante un tempo ata que, tanto un coma o outro, desaparecen en boa medida pola chegada masiva dos aparellos de televisión aos fogares e tamén debido á aparición doutras alternativas de ocio.
No último terzo do século XX houbo proxeccións cinematográficas, os domingos polas tardes, no Salón de actos do Seminario Santa Catarina, tamén algunha experiencia de cine-clube con proxeccións no salón de actos do Instituto e cara o 1999, cadrando co centenario da primeira visita do cinematógrafo a Mondoñedo, o Concello -sendo Javier Loira alcalde- merca á empresa Sercine de Salamanca un equipo de proxección de 35mm e os seus periféricos.
E agora permítanme que me poña un pouco melancólico como se de unha película romántica se tratara para dicirlles que eu a ese proxector de cine que se mercou de segunda man por dous millóns de pesetas no ano 1999 téñolle moitísimo cariño porque con el aprendín a proxectar cine, con ese aparello convertinme en artesán da maxia.
Eu non son quen para adiantar acontecementos, pero cóntanme que dentro de non moito tempo esa máquina PHILIPS con lámpada de xenon de 2000 wats. que ao longo dos últimos lustros estivo no medio da chatarra pasará a ocupar un lugar merecido para servir de testemuña de que o binomio cine-Mondoñedo xa ten preto de 120 anos de historia.



Comentarios (0) - Categoría: O OUTEIRO DE MONDOFORTE - Publicado o 18-07-2016 12:33
# Ligazón permanente a este artigo
O CINE EN CASTELÁN (nº5 22/03/2016 Radiovoz-A Mariña)
Algunha vez repararon en por que as películas que se pasan tanto nas televisións de ámbito estatal como as proxeccións comerciais das salas de cine en España están dobradas ao castelán ou é este o seu idioma da versión orixinal?
Os motivos poden ser moitos e moi variados, as consecuencias están á orde do día: un baixo nivel competencial en idiomas estranxeiros que se pode percibir en tódolos estratos sociais.
Unha das causas de que as exhibicións de cine sexan en castelán vén de tempos de Franco: En1940, o goberno do ditador emite unha lei na que se prohibe o "uso de dialectos" no cine.
Un ano máis tarde e ata 1946 toda película proxectada en España tería que ser dobrada ao español ou ser o castelán o idioma da súa V.O.
Esta medida afecta non en exclusiva ás películas rodadas noutros idiomas oficiais -na actualidade- do Estado español, tamén ás producións cinematográficas doutros países con idioma diferente ao castelán.
Segundo VICTORIANO LÓPEZ GARCÍA esta medida débese a que o nacionalismo español imperante naquela época "empregou a lingua española como expresión de una ideoloxía, como ferramenta na definición dunha única identidade cultural". Tamén apunta Victoriano que daquela en Madrid había tres ou catro estudios de dobraxe, próximos ao réxime, aos que esta medida lles reportou suculentos ingresos.
Traio hoxe esta reflexión aquí porque precisamente un 22 de marzo, tal día coma hoxe, do ano 1910, é dicir hai 106 anos, nacía en Mondoñedo Victoriano López García fundador en 1947 do Instituto de Investigaciones y Experiencias Cinemetagróficas, do que foi o seu primeiro director.
Foi profesor de destacados cineastas como Juan Antonio Bardem, Carlos Saura ou Berlanga. Precisamente sendo Luís García Berlanga presidente da Academia de las Artes y las Ciencias Cinematográficas de España, o mindoniense foi recoñecido co Premio Goya de Honor en 1990.
López García, ao entender de moitos, foi un dos grandes renovadores do cine español e a través deste arte intentou que as relacións culturais con países democráticos foran unha realidade, algo que lle custou algún que outro problema ao longo da súa vida, de maneira moi especial durante a ditadura.
Victoriano morreu en Madrid o 31 de agosto de 1995.



Comentarios (0) - Categoría: O OUTEIRO DE MONDOFORTE - Publicado o 18-07-2016 12:26
# Ligazón permanente a este artigo
Billarda (nº3 08/03/2016 Radiovoz-A Mariña)
Vostedes xa saben que o fútbol é un deporte inventado en Inglaterra que foi mellorado na Coruña na década dos noventa, non? Tempos aqueles!

Desculpen a brincadeira.

Hoxe de fútbol non imos falar, porque resulta doloroso, sobre todo pola malleira que lle meteu o Madrid ao ?Celtiña?.

Falaremos doutro xogo tradicional estendido por toda Europa desde o Atlántico ao Mediterráneo e que desde hai hai máis dun lustro está collendo cada vez máis forza como deporte en Galicia, un lugar onde se practicou como xogo tradicional desde épocas primitivas, estoume a referir á Billarda.

A Liga Nacional de Billarda (LNB) está organizada en conferencias -cinco en total en territorio galego- e unha delas abrangue as comarcas da Mariña e a Terra Cha.

Ao longo de todo o ano organízanse abertos de billarda nos que participan os equipos da zona: Os Penaverde, de Trabada; Billardeiros musicais ou Remourelle Bulls, de Ribadeo; Equipa Vítere, de Barreiros; Polka, de Pol ou Os Carabullo de Muimenta, entre outros.

Ao igual que no ciclismo, a pesar de que haxa organización por equipos a puntuación é individual.

Calquera xogador ou xogadora poder ser reclamado para formar parte da Selección Galega de Billarda, coñecida como a ?Auténtica?, un combinado nacional que participa en competicións ?interautonómicas? ou ?interestatais?.

Imaxínanse a Pedro Sánchez defendendo as cores dos Remourelle Bulls ou a Pablo Iglesias vestindo a camiseta dos Penaverde? Rajoy ía ben cos Polka e Rivera daba un bo carabullo. Habería seleccionador que os dese xuntado para defender as cores dun determinado territorio?.

Está ben, deixémonos de comparacións e sigamos coa billarda.

En cada aberto xúntanse máis de medio cento de palanadores e palanadoras (é un deporte mixto) que compiten en igualdade de condicións para acadar a maior puntuación posible na liga. Por certo, bo día da Muller.

Os útiles de xogo son ben simples, un par de paus: un máis corto e afiado nas puntas chamado ?billarda? que debe ser golpeado en dous tempos por outro máis longo denominado ?palán?. Os palanadores deben tentar enviar desde a ?zona de saque? o pauciño pequeno cara o varal, unha especie de portería marcada con dúas ferraduras.

Xa saben, se no fútbol non lles está indo demasiado ben ultimamente, sempre se poden sumar de xogadores ou siareiros dalgún dos equipos de billarda que hai pola contorna.



Comentarios (0) - Categoría: O OUTEIRO DE MONDOFORTE - Publicado o 18-07-2016 12:23
# Ligazón permanente a este artigo
© by Abertal
Fran Bouso - Mondoñedo T.I.C.



Warning: Unknown: Your script possibly relies on a session side-effect which existed until PHP 4.2.3. Please be advised that the session extension does not consider global variables as a source of data, unless register_globals is enabled. You can disable this functionality and this warning by setting session.bug_compat_42 or session.bug_compat_warn to off, respectively in Unknown on line 0