Bo uso


A BITÁCORA DE FRAN BOUSO
Un blog aberto para falar desde Mondoñedo ou calquera outro lugar do mundo sobre Mondoñedo e as súas cousas ou sobre as cousas do mundo.



Fran Bouso

Crea tu insignia

O meu perfil
 CATEGORÍAS
 GALERÍA FOTOGRÁFICA
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES
 DESTACADOS

MONDOÑEDO É POESÍA (nº 9 - 26/04/2016 Radiovoz-A Mariña
Como membro do colectivo MONDOÑEDO É..., do que tamén forman parte Francisco Piñeiro e Antonio Reigosa, coorganizador xunto coa ASOCIACIÓN ?AS SAN LUCAS? de ?Mondoñedo É Poesía? quero convidalos a asistir o vindeiro domingo, 1 de maio á terceira edición do festival poético-musical ?Mondoñedo É Poesía?.
Comezaremos ás seis da tarde na praza da Catedral cos poemas nas rúas recitados por poetas mindonienses como Margarita Bermúdez ou Xosé Ruíz Leivas e polos gañadores da última edición dos concursos de creación poética Díaz Jácome e Leiras Pulpeiro que organiza o Concello de Mondoñedo en colaboración coa área de cultura da Deputación Provincial de Lugo. Estas intervencións nas prazas, tamén na do Concello e na Jaime Cabot contarán ademais coa participación do coro ?Mestre Pacheco?, dirixido por Xulia Nogueira, que nos ofrecerá cancións compostas por Xan Carballal baseadas en poemas de Leiras Pulpeiro, Cunqueiro, Noriega Varela e outros poetas de Mondoñedo.
Xa as oito, no auditorio ?Pascual Veiga? terá lugar un espectáculo onde os versos serán recitados, cantados e proxectados, no que participarán voces tan destacadas do panorama literario galego como Darío Xohán Cabana, Lucía Aldao, María Lado ou María José Fernández; a música sairá das guitarras e as voces de Carmén R. Lage e César Morán e do xa citado coro e a videocreación correrá a cargo do artista plástico Xosé Artiaga. Ao remate do festival haberá unha homenaxe ao bispo mindoniense e poeta asturiano Manuel Fernández de Castro, un dos primeiros recuperadores da llingua, no que participará un representante da Academia da LLingua Asturiana.
Os asistentes recibirán unha publicación ?non venal? con poemas de todos os participantes desta terceira edición que foi tratado graficamente e maquetado por Ernesto González Torterolo, Nachok e Daniel Caxigueiro. O formato no que se presenta está baseado en publicacións como Primeiras cantigas de amor, Papel de color ou Frol de diversos que se editaban en Mondoñedo na década dos anos trinta do século pasado.
Un Tendal de poesía con poemas e ilustracións feitas polo alumnado do IES San Rosendo e do CEIP Álvaro Cunqueiro; unha exposición de fotografía antiga mindoniense; unha feira dos libros que estará aberta o sábado, 30 de abril e o domingo, 1 de maio e o certame Debuxando Mondoñedo no que preto de medio cento de debuxantes e pintores retratarán o acontecer da vida mindoniense durante a xornada do sábado completan un programa integrado nas feiras e festas de As Quendas que ofrecerán outras moitas actividades como a feira de gando tradicional, concertos, verbenas, actividades deportivas e moito máis.
Na fin de semana do comezo de maio son moitas as actividades festivas, culturais, familiares, deportivas que se celebran na Mariña, na Terra Chá ou no Occidente Astur, ás feiras e festas das Quendas e a Mondoñedo É Poesía quedan convidados.



Comentarios (0) - Categoría: O OUTEIRO DE MONDOFORTE - Publicado o 18-07-2016 12:42
# Ligazón permanente a este artigo
A AUGA É NOSA (nº 8 - 19/04/2016 Radiovoz-A Mariña)
Quen?.
Quen foi?.
Quen o dixo?.
Non.
Non pode ser.
A auga é túa.
A auga é miña.
A auga é nosa.
A auga non é das Koplovich.
Primeiro foi o ouro,
logo o ouro negro,
agora: Auga, petróleo do século XXI.
A auga non é túa.
A auga non é miña.
A auga é nosa.





Non, este poema non é de Xosé Díaz Jácome, que un día coma hoxe, 19 de abril de hai 106 anos (1910) nacía en Mondoñedo.
Tampouco comecei hoxe cun poema por estar preto o 1 de maio, día no que ?Mondoñedo É Poesía? chegará á súa terceira edición.
Hoxe reciteilles este ?poemiña? porque hai 16 anos que o escribín e o motivo foi o acordo do Pleno da Corporación mindoniense de aprobar o expediente administrativo para contratar, mediante concurso por procedemento aberto, a concesión do servizos municipais de subministración de auga potable, depuración e saneamento do Concello de Mondoñedo.
Non vou entrar a valorar se a xestión realizada pola empresa adxudicataria foi ou é boa nin si se cumpriron tódolos acordos dese contrato ou non, simplemente quería dicirlles que eu entendo o público, a xestión pública, as empresas públicas como un elemento regulador da economía ao igual que o mar suaviza as temperaturas.
Houbo un tempo que continúa a perdurar no que as administracións públicas apostaron por ?externalizar?, é dicir privatizar servizos, xeralmente entregando a xestión a grandes empresas que se fixeron coas plusvalías e as levaron.
Se por algunha razón as administracións deben tomar medidas deste tipo, eu preferiría que o fixeran apostando por industriais da contorna, deste xeito os beneficios reverterían no lugar e axudarían a que pequenas empresas fosen medrando.
Xa sei que as empresas grandes e alleas contratan a persoal da zona e que, polo tanto xeran postos de traballo nas localidades nas que lles son outorgados os contratos, pero os beneficios voan e por que han voar?.
En Mondoñedo, lugar ?rico en pan, augas e latín? a auga, dalgún xeito, xa non é nosa desde hai 16 anos. Segundo a base 4ª do anuncio público ao que me referín, o contrato terá unha vixencia de 20 anos, prorrogable en 5 máis ata un máximo de 25. Se cadra, comeza a ser tempo de pensar nisto.



Comentarios (0) - Categoría: O OUTEIRO DE MONDOFORTE - Publicado o 18-07-2016 12:37
# Ligazón permanente a este artigo
CINE RODADO NA MARIÑA (nº7 12/04/2016 Radiovoz-A Mariña)
Fotograma de Flor de Santidad
En abril, augas mil e se chove donde mellor se está que no cine se hai tempo de vagar.
Pois si, unha vez máis voulles falar de cine, desta volta, das películas rodadas na comarca de A Mariña ao longo da historia.
E comezamos a ritmo de 25 fotogramas por segundo.
Ribadeo, Viveiro e Mondoñedo serviron de decorado natural para a primeira película rodada na comarca, foi aló polo ano 1929. Un ?Viaje por Galicia?, documental mudo realizado co patrocinio das catro deputacións provinciais galegas para ser exhibido na Exposición Iberoamericana de Sevilla.
Co mesmo título, pero desta volta con banda sonora e do ano 1953, ?Un Viaje por Galicia?, incluída na serie ?Por los caminos de España? retrata a franxa costeira mariñá e algúns monumentos como a catedral de Mondoñedo.
Chegados aos anos sesenta do século pasado tamén chega a ficción, así en 1964 estréase ?Fuego?, de Julio Coll, rodada en Viveiro e no Barqueiro.
Na seguinte década, ?Flor de Santidad?, única película dirixida por Adolfo Marsillach, foi rodada en 1972 e estreada un ano máis tarde. Recolle localizacións na praza da Catedral de Mondoñedo e no pazo de San Cidre do Couto do Outeiro.
Cervo, Sargadelos e Viveiro entre outros moitos lugares de Galicia son testemuñas da filmación de ?A Contratiempo?, de Óscar Ladoire, estreada en 1981.
Comezamos con palabras maiores, en 1985, Marío Camus, realiza ?La vieja música?, con localizacións en Viveiro e en Estaca de Bares, ademais de Lugo, Santiago, Ponferrada ou Madrid.
Con argumento de Camilo José Cela e a sinatura do director José Briz plásmase en celuloide a docuserie ?Del Miño al Bidasoa?, recordo ver partes desa rodaxe e recoñecín algunha taberna próxima ao porto de Ribadeo cando a vin na pantalla de Televisión Española por primeira vez.
En 1996, La Cuadrilla estrea ?Matías, juez de línea?, algún dos seus planos, foron tomados en Viveiro.
Estaba tardando. A praia das Catedrais aparece no cine da man de Xavier Villaverde, en 1998 con ?Fisterra?.
No novo milenio tivemos que agardar ata o 2006-2007 para ver equipos de rodaxe cinematográfica na comarca, daquela en Viveiro, Celeiro, O Barqueiro, Bares, Espasante, A Coruña e Barcelona rexistrouse ?O Tesouro?, de Manuel Martín Cuenca.
Cun agora sí, agora non, ?Os mortos van ás présas?, de Ángel de la Cruz, colonizou Rinlo en diferentes momentos para por fin ser estreada en 2008. Nas escenas finais podemos ver ao actual alcalde de Ribadeo, Fernándo Suárez Barcia, a Balvino Pérez Vacas e a Miguel Anxo Fernández, crítico de cine de La Voz de Galicia facendo un ?cameo? como curas oficiando un funeral.
Algunha máis hai, por exemplo ? A Chocolateira? ou ?Dictado?, se lles resulta de interese, outro martes dámoslle outra volta buscando máis películas ou falamos máis en profundidade dalgunha das xa citadas.



Comentarios (0) - Categoría: O OUTEIRO DE MONDOFORTE - Publicado o 18-07-2016 12:35
# Ligazón permanente a este artigo
© by Abertal
Fran Bouso - Mondoñedo T.I.C.



Warning: Unknown: Your script possibly relies on a session side-effect which existed until PHP 4.2.3. Please be advised that the session extension does not consider global variables as a source of data, unless register_globals is enabled. You can disable this functionality and this warning by setting session.bug_compat_42 or session.bug_compat_warn to off, respectively in Unknown on line 0