Bo uso


A BITÁCORA DE FRAN BOUSO
Un blog aberto para falar desde Mondoñedo ou calquera outro lugar do mundo sobre Mondoñedo e as súas cousas ou sobre as cousas do mundo.



Fran Bouso

Crea tu insignia

O meu perfil
 CATEGORÍAS
 GALERÍA FOTOGRÁFICA
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES
 DESTACADOS

O DÍA DAS LETRAS GALEGAS NA MARIÑA (Nº 12 - 24/05/2016 -O 17 de maio non se emitíu a sección por ser dia festivo e non haber programación local de Radiovoz-A Mariña)
Estamos a celebrar o Día das Letras Galegas e esta festa ten unha relación moi directa coa comarca de A Mariña, proba disto é que un dos seus promotores foi un mariñán de Lourenzá, Francisco Fernández del Riego. O 20 de marzo de 1963, tres membros da Real Academia Galega presentaron nesta institución unha proposta histórica: Que se declarase o dia 17 de maio de cada ano "Dia das Letra Galegas" como data para "recoller o latexo material da actividade intelectual galega". Manuel Gómez Román, Xesús Ferro Couselo e Francisco Fernández del Riego, expuñan que "con motivo de se celebrar aquel ano o centenario da publicación dos Cantares gallegos de Rosalia de Castro", a Academia debería establecer, con carácter de perdurabilidade, o simbolismo da data nunha celebración anual.
Ao longo dos cincuenta e catro días de celebración houbo moitos autores homenaxeados vinculados a esta comarca comezando por Eduardo Pondal (homenaxeado no 1965) quen tiña méritos dabondo para tal adicatoria, pero que sen dúbida a iniciativa de Pascual Veiga de pedirlle unha letra para o Himno galego non desmereceu.
No ano 69, o Poeta da Montaña, Antonio Noriega Varela foi o escollido. Un mindoniense, mestre en Foz, quen pasou os últimos anos da súa vida en Viveiro.
O xornalista, narrador e dramaturgo Antón Vilar Ponte, nado en Viveiro e que exerceu como farmacéutico en Foz onde editou un xornal foi homenaxeado en 1977.
Manuel Leiras Pulpeiro, natural de Mondoñedo, o médico dos pobres, autor de Cantares Gallegos recibiu o recoñecemento en 1983.
Tres anos máis tarde (1986) o abadinense Aquilino Iglesias Alvariño que se formou no Seminario de Mondoñedo onde tivo contacto cos intelectuais mariñáns obtivo o recoñecemento.
O xenial Álvaro Cunqueiro recibiu honras no Día das Letras Galegas de 1991.
En Guitiriz naceu Xosé María Díaz Castro, homenaxeado no 2014. Este poeta, autor de Nimbos, formouse nas aulas do Seminario de Mondoñedo durante cinco anos, tempo no que publicou artigos en xornais locais.
Ánxel Fole ou Luís Pimentel tiveron, ao igual que o escritor ao que se lle adica o Día das Letras Galegas deste ano moita relación coa Mariña. Manuel María, viaxeiro incansable e activista cultural ten composto poemas con inspiración mariñá como Versos frolecidos en louvanza a Foz.
Ben seguro que a nómina se irá completando co paso dos anos e á espera está o recoñecemento a outros escritores e escritoras mariñás.



Comentarios (0) - Categoría: O OUTEIRO DE MONDOFORTE - Publicado o 18-07-2016 12:49
# Ligazón permanente a este artigo
COUSAS DA LINGUA (nº 11 - 10/05/2016 Radiovoz-A Mariña)
Achégase o Día das Letras Galegas, sen dúbida unha xornada de celebración e orgullo para as galegas e galegos, de recordo e manifestación dunha literatura escrita na lingua propia. Pero tan importante ou máis que a lingua escrita en obras de narrativa, lírica, teatro ou ensaio é a lingua do común, a lingua do día a día, a lingua da casa, da rúa, da escola, da misa ou do valado publicitario.
Nestes últimos días vimos avances importantes, xestos esperanzadores de recoñecemento e de normalidade de uso da lingua de todos e todas, dous exemplos disto son a toma de posesión de Luís Anxo de las Heras Berzal, novo bispo de Mondoñedo celebrada o pasado sábado na sé mindoniense ou as furgonetas vermellas que distribúen un refresco de cola cos seus rótulos en branco preguntándonos se andamos a buscar un bar. Iso sí, con interrogantes ao comezo e ao final ?Para facilitar a lectura e evitar ambigüidades? tal e como se recolle a modo de excepción nas Normas ortográficas e morfolóxicas do idioma galego. Pero non entremos niso pois non quero tratar aquí cuestións relativas á normativización, unicamente as que afectan á normalización.
Na clase política tamén estamos a observar unha sensibilidade maior cara o idioma propio de Galicia, pero isto entra dentro do habitual -permítaseme a brincadeira-, algo que acontece cada catro anos e que nos indica que xa arrincou a carreira cara as eleccións galegas que durará ata o San Froilán ou as San Lucas.
A igrexa mindoniense demostrou ao longo dos séculos un compromiso coa cultura e o idioma da nosa terra, boa proba son os Cantores do Nadal, que desde finais do século XVIII ata comezos do XIX, durante os séculos escuros, continuaron compoñendo e cantando panxoliñas en galego. Ben seguro que o único poemario publicado en galego durante a Guerra do 36 ao 39 foi a Fala das musas e outros poemas, do crego Daniel Pernas Nieto (quen sendo de Abadín, estudou no Seminario de Mondoñedo). Félix Villares ou Uxío García Amor e outras autoridades eclesiásticas tamén cumpren un papel destacado neste senso.
No acto de toma de posesión do novo bispo de Mondoñedo, o segoviano De las Heras, que tiven a oportunidade de seguir en directo a través de 13tv, fixéronse xestos de normalidade -admítase o paradoxo- que agardemos sirvan para anunciar un novo e firme compromiso por parte no novo prelado e a diocese que dirixe co pobo ao que presta os seus servizos.
E xa que falamos do bispo quero desde aquí darlle a benvida ao novo veciño co desexo de que saiba entender a antiga provincia de Mondoñedo e desde a dirección dunha institución con tanto poder e influenza como é a igrexa mindoniense, sexa quen de favorecer un futuro mellor para todos.




Comentarios (0) - Categoría: O OUTEIRO DE MONDOFORTE - Publicado o 18-07-2016 12:47
# Ligazón permanente a este artigo
MONDOÑEDO, CAPITAL ESTATAL DO MALABARISMO (nº10 03/05/2016 Radiovoz-A Mariña)
Xa se achegaba a fin do milenio e polos corpos de mozas e mozos mindonienses corría o sangue fervendo. Alentados por Loira, O Ilusionista e baixo a coordinación de Magú Puchades, daquela responsable da Oficina de Información Xuvenil, iniciaron unha Xoldra que pervive hoxe dando froitos en diferentes estacións.
Os tempos mudaban, aínda que só fose polos díxitos dos calendarios e había necesidade de abrir as mentes sen necesidade de empregar brosas ou lousas.
Entre o 30 de abril e o 3 de maio do 98 do século XX chegaron a Mondoñedo en carromatos con formas de autocaravanas e Volkswagen Kombi sen trucar -ou si, quen sabe? Que é a I.T.V.?- xentes de acolá.
Malabaristas, contorsionistas, saltimbanquis, paiasos, acróbatas, trapecistas e outros artistas viñeron a Mondoñedo procedentes de Francia, Cuba, Gran Bretaña, Bélxica, Madrid, Asturias, Cataluña e diferentes puntos de Galiza para pasear polas clericais rúas as súas rastas e roupas con infindos remendos de tódalas cores do arco da vella e demostrar que eran quen de abraiar a pícaros, adultos e anciáns coas súas ben diversas habilidades.
Ao espectáculo do novo circo non lle faltou a música, algunha dela da comarca como era o caso dos Diglósicos e Porco Jones (Mondoñedo) ou Skornabois (Lourenzá), tamén Chouteira (coa líder mariñá Ugia Pedreira) ou Dhais (con Kin Fariña, quen máis tarde formaría parte dos insustituibles Berrogüetto). Galas presentadas polo xenial Serxio Pazos e adobadas polo bo saber facer da xente da Nasa (que daquela tiña a súa sede -ben apagada- pretiño da carballeira de San Lourenzo, en Compostela). Xe Freyre e Carlos Negro foron os encargados de explicarnos no programa de man de que ía todo aquelo, mestres que Alicia Puchades e Antón Caxoto ilustraban as súas páxinas.
E todo isto misturado coas feiras e festas das Quendas que, daquela, chegaban á súa decimoquinta edición.
Desde entón, Mondoñedo púxose ao carón de Madrid, Granada, Sabadell, Beasaín, Llanes, Córdoba ou Alcorcón, Mieres ou Huesca, todas elas cidades nas que se ten celebrado este encontro de malabaristas.
Neses días Mondoñedo tamén lle fixo un ?guiño? a Valencia coa queima dun ninot malabarista, obra do escultor Juan Bautista Puchades Quilis.
Un exército pacifista formado por rapaces e rapazas como Mazúa, Flipy, Gil, Almu, Mer, Bea, Alicita, Ramón, Justi, Koa, Lois, Miriam, Socri, Josiña, Marcos, Ledo, Ramón e outros moitos que contaron coa axuda do malabarista focego Kalím.
O evento estivo organizado pola asociación xuvenil Xoldra e contou coa colaboración do Concello de Mondoñedo e a Deputación Provincial de Lugo, así como co patrocinio dun elevado número de empresas tanto da contorna coma doutros puntos de Galiza (destaca a participación de locais de hostalaría de Compostela) e tamén de Pamplona, Madrid ou Barcelona.
Cando se estaba achegando o momento da inauguración do encontro algún membro da organización preguntouse en voz alta: ?De cansanzo tamén se pode morrer??




Comentarios (0) - Categoría: O OUTEIRO DE MONDOFORTE - Publicado o 18-07-2016 12:45
# Ligazón permanente a este artigo
© by Abertal
Fran Bouso - Mondoñedo T.I.C.



Warning: Unknown: Your script possibly relies on a session side-effect which existed until PHP 4.2.3. Please be advised that the session extension does not consider global variables as a source of data, unless register_globals is enabled. You can disable this functionality and this warning by setting session.bug_compat_42 or session.bug_compat_warn to off, respectively in Unknown on line 0