Bo uso


A BITÁCORA DE FRAN BOUSO
Un blog aberto para falar desde Mondoñedo ou calquera outro lugar do mundo sobre Mondoñedo e as súas cousas ou sobre as cousas do mundo.



Fran Bouso

Crea tu insignia

O meu perfil
 CATEGORÍAS
 GALERÍA FOTOGRÁFICA
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES
 DESTACADOS

A IMPRENTA EN MONDOÑEDO (nº15 14/06/2016 RV-AM e LVG-AM)
Pouco despois de que ao Mariscal Pedro Pardo de Cela lle cortaran a cabeza, logo de estar preso coa mítica Mariscala; no mesmo tempo no que os Reis Católicos remataban coa expulsión dos árabes da Península no nome dun deus e se facían coa beleza granadina e na mesma época na que Pedro Madruga, máis coñecido internacionalmente co nome de Cristóbal Colón, colonizaba un continente descoñecido para nós ata daquela, Mondoñedo xa tiña imprenta.

Diferentes investigadores apuntan, sen ser quen de precisar con certeza o ano, que a finais da década dos oitenta ou comezos dos noventa do século XV en Vilamaior de Mondoñedo xa eran quen de imprentar. Daquela época conservamos un exemplar, polo tanto un incunable por estar impreso antes do 1500, tirado no prelo mindoniense. Trátase do Incunable de Mondoñedo que leva por título Breve forma de confesión do que é autor Alonso de Madrigal, alcumado ?O Tostado?. Desta obra, consérvase un exemplar na Biblioteca e Arquivo Distrital de Évora (Portugal).
Do Incunable de Mondoñedo fíxose unha edición facsímil, cunha tirada de mil exemplares numerados, cincocentos anos despois da súa publicación orixinal. Estre traballo, que correu a cargo de Ignacio Cabano Vázquez e do mindoniense José María Díaz Fernández, foi editado pola Xunta de Galicia. Un exemplar da edición de 1995 está ao dispor do público na Bilioteca Municipal ?Pena Trapero? de Mondoñedo, ao igual que nas máis destacadas bibliotecas de Galiza.
Que Mondoñedo fose un dos primeiros lugares da Penísula Ibérica no que se empregaron as técnicas de impresión é un dato moi destacable, pero non o é menos que a día de hoxe siga en funcionamento unha Imprenta, a dos Sucesores de Mancebo. A imprenta Mancebo funciona ao carón da Paula desde 1870, na actualidade está rexentada por Fernando López e atendida con mestría por Reme e por Suso. Os impresores mindonienses traballan hoxe con métodos modernos coma o offset. A pesar de ir cos tempos, os Sucesores de Mancebo non abandonaron as técnicas de Gutenberg e continúan hoxe facendo encargos en tipografía.

Hai máis de vinte anos que se comezou a falar de crear un museo da imprenta en Mondoñedo, lugar no que hai unha rúa adicada a esta industria, polo de agora a idea aínda non se materializou. A administración local, tal e como se nos anunciou, está en trámites coas autoridades eclesiásticas para acadar os acordos pertinentes coa finalidade de abrir ese museo na Casa dos Coengos, agardo e desexo que desta volta as vontades conflúan e a iniciativa se faga realidade. De chegar a abrirse un museo da imprenta en Mondoñedo, non estaría de máis que na súa inauguración estivese exposto o Incunable de Mondoñedo.

Nos máis cinco séculos de historia da impresión en Mondoñedo cantos ?erros de imprenta? lle serían atribuídos? E deses que cantidade o serían de verdade?. Eu vou ser sincero, no artigo que publicaba no Outeiro de Mondoforte a semana pasada adicado ao Xico de Foz onde dicía 2013 en relación ao ano de pasamento do gardapraias, debería poñer 1993 e a gralla non pode ser atribuída a ningún tipógrafo, linotipista, nin tan sequera a un anano informático. O erro é meu.




Comentarios (0) - Categoría: O OUTEIRO DE MONDOFORTE - Publicado o 18-07-2016 12:58
# Ligazón permanente a este artigo
O XICO, UN HEROE (Nº 14 07/06/2016 RV-AM e LVG-AM)
Cando era pícaro e coma tódolos pícaros tiña os meus heroes favoritos, eran de ficción como MacGyver ou Frank, o capital do superhelicóptero ?Trueno azul?, pero había un que coñecín en persoa: Lisardo Rivas, o Xico.

Tódolos domingos do verán, ben todos os que non chovía en Foz, ao chegar á Rapadoira sempre me fixaba no aparcadoiro reservado á ambulacia e reparaba se ao seu carón estaba estacionada a Vespa azul do famoso socorrista, e adoitaba estar. Nese momento xa me sentía tranquilo e seguro pois estando o Xico na praia, os bañistas estabamos a salvo.

Téñoo visto en acción algunha vez, poucas, subido á lancha pneumática vermella desteñida, desprazándose cara o lugar do bañista en apuros e saltando dun chimpo, con valentía, a socorrelo. Tamén o lembro vogando á altura das boias co chifre na boca recomendando aos nadadores non traspasar aquela fronteira que limitaba o seguro da bravura do mar.

Suso Fernández, Suso do Bahía, o noso Suso de Foz, o Cronista oficial desta vila mariñeira describe a Lisardo Rivas no seu libro Foz, un lugar de ensueño como ?Un un tritón con alma de niño, un hombre modesto, servicial, humilde que ha auxiliado a decenas de personas en trances difíciles y que cuenta con el afecto de cuantos le trataron, que se cuentan por miles??

O Xico, o home, morreu o 31 de xaneiro de 1993. Para ser enterrado, o seu cadaleito saíu da Casa do Concello de Foz cuberto coa Bandeira Azul da Rapadoira acompañado por moreas de persoas que sempre o tiveron en estima. O heroe segue vivo e está en cada un dos gardapraias que vixían os areais da Mariña nos meses de verán.

Os focegos, os mindonienses, os laurentinos e os mariñáns en xeral estámoslle moi agradecidos a este home de peito amplo, necesitábao porque albergaba un gran corazón. En Foz hai unha rúa adicada a Lisardo e un busto feito en pedra que o representa cunha viseira na cabeza e a ollada posta no mar.

E pregúntome eu, agora que se achega o verán, escollerían o azul para bandeira de calidade das praias por ser esta a cor da Vespa do Xico?



Comentarios (0) - Categoría: O OUTEIRO DE MONDOFORTE - Publicado o 18-07-2016 12:56
# Ligazón permanente a este artigo
GALICIA 100 (Nº 13 31/05/2016 Radiovoz-A Mariña)

Desde o pasado 10 de maio e ata o vindeiro 18 de setembro está aberta na sede de Afundación de Santiago de Compostela sita na rúa do Vilar unha exposición titulada «Galicia 100. Obxectos para contar unha cultura», unha mostra que recolle un centenar de pezas a través das cales se vai narrando a historia do noso país. Desde unhas ferramentas líticas de Porto Maior datadas no Paleolítico Inferior, é dicir hai uns 400.000 anos ata unha reprodución do Xabarín da TVG, de 1994 (obra de Miguelanxo Prado) ou o cartel das festas de Bergondo, de 2015.

Esta mostra está estruturada en base a uns epígrafes tales como ?Territorio?, ?Poder?, ?Trasmundo?, ?Códigos?, ?Redes?, ?Trancisións? e ?Comunidade?. No apartado ?Poder? recóllense varias pezas vinculadas á comarca de A Mariña, estoume a referir a unha reprodución videográfica en tres dimensións do anel e o báculo de San Gonzalo, o Bispo Santo, (s. XII) ou A Mariscala, a cadea na que, segundo se di, estivo preso o mariscal Pedro Pardo de Cela e que podería estar datada a súa fundición último cuarto do século XV.

O báculo e máis o anel orixinais de San Gonzalo consérvanse no Museo parroquial de San Martiño de Mondoñedo, en Foz e a cadea, depositada temporalmente nesta exposición, adoita estar exposta no claustro do Museo Provincial de Lugo.

En ?Trasmundo? móstrase un xadrez do que se di que pertenceu a San Rosendo, un luxoso xogo fatimí elaborado por artesáns dos reinos árabes da Península aló polo século XII que é un exemplo das boas relacións das clases altas galegas e os reinos musulmáns do sur peninsular.

Na sección ?Redes? aparece unha copia da partitura do Himno Galego, do mindoniense Pascual Veiga, estreada por primeira vez na Habana en 1907.

Se se pasan por Santiago antes dos Remedios merece a pena visitar esta exposición de entrada libre e gratuíta que abre de luns a domingo, de doce a dúas en horario de mañá e de cinco a nove en horario vespertino, agás o domingos dos meses de xullo e agosto.

Moito poder debía ter A Mariña na Galiza medieval, na actualidade a cousa non debe ser así pois senón a necesaria estrada que vertebra boa parte da comarca desde Foz ata O Vicedo estaría noutras condicións.

E hoxe non quero rematar sen desexarlles felices festas a burelaos e visitantes que honran nestes días á súa patroa cun envexable programa de actividades dirixido a públicos de tódalas idades e sensibilidades. Moito coidado ao subir á noria, a min só de pensar en estar a 65 metros de alto xa me produce vertixe, pensen que aproximadamente é o dobre de altura da que está a Paula, a campá maior da Catedral de Mondoñedo.



Comentarios (0) - Categoría: O OUTEIRO DE MONDOFORTE - Publicado o 18-07-2016 12:53
# Ligazón permanente a este artigo
© by Abertal
Fran Bouso - Mondoñedo T.I.C.



Warning: Unknown: Your script possibly relies on a session side-effect which existed until PHP 4.2.3. Please be advised that the session extension does not consider global variables as a source of data, unless register_globals is enabled. You can disable this functionality and this warning by setting session.bug_compat_42 or session.bug_compat_warn to off, respectively in Unknown on line 0