Bo uso


A BITÁCORA DE FRAN BOUSO
Un blog aberto para falar desde Mondoñedo ou calquera outro lugar do mundo sobre Mondoñedo e as súas cousas ou sobre as cousas do mundo.



Fran Bouso

Crea tu insignia

O meu perfil
 CATEGORÍAS
 GALERÍA FOTOGRÁFICA
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES
 DESTACADOS

Mareos
A única vez que me mareei viaxando en coche e como consecuencia vomitei foi fai algo máis de trinta anos baixando de Lindín a os Muíños. Ben é certo que se deron varias circunstancias adversas. Unha delas é que conducía meu cuñado, Electroméndez a quen lle gustan as emocións fortes ao volante. Tanto é así que un día pilotou o seu Citroën GS pola Avenida de Bos Aires de Mondoñedo en tres rodas para demostrar a gran estabilidade do vehículo.
Nesa ocasión o coche no que viaxábamos era un Citroën 2 CV furgoneta que estaba sen asentos na parte traseira para poder levar o material eléctrico e ferramentas que empregaba no seu traballo e eu ía sentado no chan da caixa de carga. Outro dos motivos era que acababa de comer os callos na casa dos meus tíos do Chao de Lindín e a terceira e máis determinante as moitas curvas e moi pronunciadas que había e segue habendo no trazado da estrada que baixa desde Lindín a Mondoñedo, exactamente a mesma que servirá, unha vez que se abran ao tráfico os tramos da A8 que están a piques de entrar en funcionamento, como enlace ao centro da Cidade da Paula.
Nestes días ese mesmo tramo de estrada está a provocar moitos mareos de cabeza, e con razón, ao alcalde de Mondoñedo e aos mindonienses en xeral porque din ?dicimos- que é ?unha vía terceiromundista?.
Fai trinta anos a maior parte das estradas eran así porque as capacidades construtivas, tanto tecnolóxicas como económicas non daban para máis, pero hoxe en día non se pode consentir que un acceso principal desde unha autovía presente esa configuración. En primeiro lugar por seguridade e por conseguinte, por servizo.
Desde aquela viaxe que lles relataba ao comezo destas liñas ata os días de hoxe non houbo cambios no trazado da estrada de Lindín agás pequenas modificacións motivadas pola construción dalgún piar do viaduto que Paco Piñeiro bautizou como ?Balcón de Mondoñedo?. O firme está totalmente deteriorado por consecuencia do paso dos vehículos de grande tonelaxe que ao longo dos últimos anos pasaron por alí para a execución da obra da autovía.
Os mindonienses sabemos que para enlazar coa A8, na maior parte dos casos imos subir á Xesta se imos cara Abadín ou ao Alto de Arroxo se collemos sentido Barreiros, pero non queremos que os moitos ou poucos visitantes que se acheguen a Mondoñedo entren por un ?camiño de cabras? e tamén desexamos recuperar dunha vez por todas as relacións que sempre houbo con Riotorto, A Pastoriza ou A Pontenova, algo que se ven reclamando desde hai varios anos por parte das autoridades e veciños destes municipios.
Orlando González convocou para os vindeiros días unha xuntanza coas asociacións mindonienses para xunguir forzas e reclamar o que é xusto e necesario.
Son consciente das dificultades que teñen as administracións para poder investir uns fondos públicos escasos, que son moitas as necesidades que existen, principalmente no tocante a servizos sociais e que é obrigación, agora e sempre, mirar cada céntimo que se gasta. Pero se non queremos lamentar males maiores nun futuro próximo esta estrada débese mellorar e ata que iso non se consiga non debe para o berro ao unísono de Mondoñedo e a súa comarca.
Comentarios (0) - Categoría: Revista de prensa - Publicado o 02-03-2014 14:50
# Ligazón permanente a este artigo
Ilusión
Estar todo o día e tódolos días rodeado de pícaros ten moitas cousas boas como, por exemplo que che fan lembrar que nalgún momento aprediches algo que xa esqueceras que aprenderas.

Pola Noiteboa, Papá Noel trouxolle á miña filla, ente outros agasallos, unha boneca adestradora de golfiños, algo que ela pedira despois de vela na televisión. O Apalpador xa lle dera noces, porque non había castañas, uns días antes.

Cando abreu o paquete púxoselle unha cara rara, pero non dixo nada. Pediume que lle aclopara os accesorios e tal como mo solicitou, así o fixen. Notei que non lle fixera unha especial emoción. Entretívose cos outros agasallos e ao día seguinte, á chegada da noite lembroume que era a hora de bañarse e puxo especial empeño en que fora baño e non ducha.

Prepareille a bañeira e apareceu coa boneca dos arroaces. Meteuse no baño e díxome: "Pero papá esta boneca non fai como facía na tele".

A televisión ao igual que o cine ou outras artes como a literatura ou a maxia contan con recursos para crear ilusións. Técnicas que resultan beneficiosas porque xerar ilusión é fundamental para a vida do mesmo xeito que se fai necesario ter coñecementos e formación para poder distinguir a realidade, o realismo e a as ilusións.

Hoxe é un día de ilusión porque os pícaros ven como os Reis Magos cumpliron cos seus desexos. Chega un momento na vida en que podemos perder a ilusión. Eu creo que debemos facer todo o posible para que isto non suceda.

Hai moitos anos que descubrín a verdade sobre os Magos de Oriente, sen embargo sigo crendo neles. Penso que son capaces de agasallarnos, aínda que non sexa con produtos materiais.

Desde hai moitìsimo tempo teño a ilusión de voar en helicóptero e presentouseme a oportunidade de facelo en varias ocasións e non o fixen, non por medo a voar nin cousa parecida. O motivo é outro medo, o medo a perder a ilusión, o medo a que o feito de dar unha volta en helicóptero non me xere tanta emoción como teño pensado, o medo a descubrir que a boneca que deixou Papá Noel non é capaz de facer todo o que se vía nun anuncio da televisión.
Comentarios (0) - Categoría: Revista de prensa - Publicado o 02-03-2014 14:49
# Ligazón permanente a este artigo
Humidades
Nestes días de Nadal acudín vairas veces ao Auditorio ?Pascual Veiga? de Mondoñedo para ver as obras de teatro que ofreceron os grupos da Asociación Xuvenil ?Xoldra? e dirixe a mindoniense Esther Otero. Que marabilla!, Como evolucionaron estes actores e actrices que fai nada eran uns pícaros (ben, o do grupo de nenos aínda o son) e agora xa están feitos uns mozos e mozas con táboas sobre o escenario e dominando a arte interpretativa!.
Pero unha vez máis ao entrar no Auditorio de Mondoñedo cáeme a alma aos pés ao ver que aparecen humidades por tódalas partes, fatalidade que provoca que o edificio non brille como ten que brillar e agoiro dun futuro incerto no tocante ao seu estado de conservación e funcionalidade, unha verdadeira mágoa para un inmoble que custou preto dos dous millóns de euros xunto co da Escola de Música ?O Pallarego?.
Cando se fan grandes obras públicas, con inversións tan elevadas, as empresas que optan á materialización do proxecto soen ser Unións Temporais (UTEs) que unha vez finalizada a acción disemínanse; noutras ocasións e tamén debido á crise do ladrillo, desaparecen e nestes casos non queda a quen reclamar.
Tanto a Escola de Música como o Auditorio de Mondoñedo son obras executadas por unha construtora que, se os datos non me fallan, segue a traballar coa mesma razón social e documentos acreditativos, entón as miñas preguntas son: ?Tense feito algunha reclamación a esta empresa ou á dirección facultativa da obra?? e se non é así: ?Ten pensado facerse??. Procede?.
Este edificio foi inaugurado o 2 de maio de 2005, supoño que o documento de entrega de obra será da mesma época, polo que o prazo de ?garantía? na construción, que adoita ser de dez anos, non expirou.
Non vou repetir o que xa dixen noutras ocasións sobre o pouco acertado do proxecto ao poñer unha cuberta plana con vexetación nun edificio enclavado nunha localidade na que as precipitacións están presentes boa parte dos días do ano, porque non son eu quen para criticar o traballo de ninguén e moito menos de profesionais de recoñecido e avalado prestixio, o que si pedirei é que se alguén pode facer algo para solucionar esta situación o faga para permitir que Mondoñedo poda contar cun auditorio xa non mil primaveras máis, pero polo menos unhas cen.



Humidades by FranBouso on Scribd

Comentarios (0) - Categoría: Revista de prensa - Publicado o 02-03-2014 14:47
# Ligazón permanente a este artigo
© by Abertal
Fran Bouso - Mondoñedo T.I.C.



Warning: Unknown: Your script possibly relies on a session side-effect which existed until PHP 4.2.3. Please be advised that the session extension does not consider global variables as a source of data, unless register_globals is enabled. You can disable this functionality and this warning by setting session.bug_compat_42 or session.bug_compat_warn to off, respectively in Unknown on line 0