Bo uso


A BITÁCORA DE FRAN BOUSO
Un blog aberto para falar desde Mondoñedo ou calquera outro lugar do mundo sobre Mondoñedo e as súas cousas ou sobre as cousas do mundo.



Fran Bouso

Crea tu insignia

O meu perfil
 CATEGORÍAS
 GALERÍA FOTOGRÁFICA
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES
 DESTACADOS

Pagas ti ou pago eu? Paga ti logo

nº 50 07/02/2017 RV-AM LVG-AM ILUSTRACIÓN: ANTÓN CAXOTO



A mañá ía indo como ían as mañás do verán. Ao pícaro que atendía na taberna xa lle dera tempo a facer as páxinas que marcara do libro de ?Vacaciones Santiallana 5? á vez que atendía á pouca xente que se achegaba polo local a aquelas horas. O Candolo tomara as dúas medias de Estrella - ?do tempo?, coma en ?Unha árbore, un adeus?- mentres fumou catro Ducados; o Clarete de Lexide estaba servido e o mocete pesaba dous tomates que lle faltaban a unha veciña para acabar de facer a comida.
Apareceu pola porta. Vestía pantalón de pana, xersei de la e por riba un coreano verde que deixaba caer sobre os brazos. Traía unha carallada consigo que non era normal para aquelas horas. Arrimouse á barra e pediu un chato. Mentres lle estaban botando o viño achegouse ao moble do televisor e colleu unha peza de cerámica que tiña dous ?bes? inscritos nun círculo, erguía a man cara o teito e escarallábase de risa mirando para ela. Pousou o adorno onde o collera e bebeu un papado de viño. Levou o vaso ata a esquina do mostrador e púxose a buscar o equilibro perfecto do vidro sobre a formica. Ao rapaz da taberna a cousa xa o estaba empezando a cabrear, pero vía que os outros dous clientes non se alporizaban. ?Aínda hei levar unhas labazadas se o paisano rompe o vaso? -pensaba o pequeno taberneiro.
Menos mal que deixou o ?chiquito? e foi sentar ao carón do Candolo de Valiñadares, ríase ao tempo que miraba para o paquete de tabaco.
-Queres un logo?, preguntou o Candolo
-?Hi, hi, hi? -ría mentres se lle vía o único dente que tiña na boca- ?A caballo regalado no le mires el diente... Hi, hi, hi...!?
O Candolo deulle un cigarro e el pillouno moi agradecido, como disposto a fumalo inmediatamente. Cando ía colocalo na boca pareceu que lle caía, torpe del, e o cigarro acabou no chan. O Candolo e el quedáronse mirando fixamente durante uns segundos para o Ducados ata que lle ofreceu outro pitillo.
-Hee, he, he.
Cando xa tiña na orella o segundo cigarro, baixouse ao chan e recolleu o que caera, colocouno na orella que tiña libre e foise para a barra onde iniciou unha conversa con alguén que os presentes eran incapaces de ver:
-Pagas ti ou pago eu?
-...
-A ver, pagas ti ou pago eu?
-...
-Paga ti logo.
E marchou tan contento.
Ao cabo duns minutos, pasando o pano por riba da barra, o pequeno taberneiro atopou a cantidade exacta do valor do viño debaixo dun dispensador de panos de mesa.
Chamábase Victor e o que mo contou, Xabier.




Comentarios (0) - Categoría: O OUTEIRO DE MONDOFORTE - Publicado o 28-02-2017 13:37
# Ligazón permanente a este artigo
O 30X: MMM en Madrid
nº 49 31/01/2017 RV-AM LVG-AM ILUSTRACIÓN: ANTÓN CAXOTO




A finais de xaneiro de 1999, un nutrido grupo de mindonienses desprazámonos a Madrid en autobuses, camións e furgonetas para montar na Praza de Tirso de Molina unha representación do Mercado Medieval de Mondoñedo.
A experiencia xa funcionara noutras localidades galegas como Lugo, Santiago de Compostela ou Vigo, pero ningunha resultou tan produtiva, ao meu entender, como o desprazamento feito á capital de España.
Os artesáns e comerciantes que montaron os seus postos con varas, xestas e taboleiros esgotaron as existencias, ata se venderon os cepos cos que facían firmes as estruturas.
Chegáramos moi cedo á Praza de Tirso de Molina e alí non había ninguén a quen preguntarlle nada, non sabíamos onde había que montar nin como facer. Eu era o encargado da ambientación musical e da megafonía e non tiña ningún cadro eléctrico no que tomar corrente. Axudado por un par de persoas, entre elas o meu amigo Pedro Gallego, abrimos unha chapa metálica que había na beirarrúa próxima e deu a casualidade que era unha baixada a un transformador eléctrico, nas escaleiras atopamos unha lámpada da cal sacamos electricidade para todo o mercado axudados por un pouco de cinta adhesiva e unhas estelas. Non sei como aguantou a improvisada instalación toda a xornada, pero aguantou.
Ao longo do día foron milleiros de persoas as que pasaron polo mercado, moitas delas mindonienses e galegos residentes en Madrid, entre eles o humorista gráfico Antonio Fraguas ?Forges? que tempo despois publicaría varias viñetas nas que fixo referencia a Mondoñedo.
Mentres estaba falando cun veciño que vendía artesanía en coiro, achegáronse ao seu posto dous rapaces, un duns vinte anos que levaba o pelo recollido nunha coleta e outro, aparentemente ben máis novo, con gafas e cara de bebé. Aqueles mozos, literalmente ?fliparon? co que alí tiñamos montado. O máis vello, que dixo chamarse Pablo mercou unha mochila. O outro quería comprar unha tira de costela salgada, pero o coletas non lle deixou: ?Íñigo, ? dixo Pablo ? ¿Tú sabes cocinar esto??. Volvinos ver ao cabo dunhas horas, cando xa marchaban e escoiteille dicir ao coletas: ?¡Qué pasada, tio! Algún día, cuando seamos mayores, haremos algo así... y lo petaremos.
Polo serán, chegado o momento de recoller, Murillo, Boby, Modesto, María José, Rosa e Espina comezaron a cantar: ?Son de Mondoñedo, da beira do Masma. Son de Mondoñedo, a ?tarta? e o pan. Son de Mondoñedo, feiras das San Lucas, as mellores cousas todas aquí están?. E, ao pouco, a praza enteira acompañou coreando as melodías dos da Paula.
O evento cadrou coa feira de turismo FITUR e aínda así os medios de comunicación madrileños fixeron unha ampla promoción de Mondoñedo. Televisións, radios e xornais levaron aos seus contidos a presencia mindoniense que trataron con amplitude.Esa mesma noite, a expedición encabezada polo alcalde, Javier Loira, regresou a Mondoñedo. Volvemos ledos e orgullosos por ter feito a cousas ben. Anos máis tarde vimos como a semente que en Madrid plantamos, floreceu, algunha torta.



Comentarios (0) - Categoría: O OUTEIRO DE MONDOFORTE - Publicado o 28-02-2017 13:34
# Ligazón permanente a este artigo
[1] 2
© by Abertal
Fran Bouso - Mondoñedo T.I.C.



Warning: Unknown: Your script possibly relies on a session side-effect which existed until PHP 4.2.3. Please be advised that the session extension does not consider global variables as a source of data, unless register_globals is enabled. You can disable this functionality and this warning by setting session.bug_compat_42 or session.bug_compat_warn to off, respectively in Unknown on line 0