Bo uso


A BITÁCORA DE FRAN BOUSO
Un blog aberto para falar desde Mondoñedo ou calquera outro lugar do mundo sobre Mondoñedo e as súas cousas ou sobre as cousas do mundo.



Fran Bouso

Crea tu insignia

O meu perfil
 CATEGORÍAS
 GALERÍA FOTOGRÁFICA
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES
 DESTACADOS

Tres raposos mindonienses

Publicado en La Voz de Galicia - A Mariña
Luns, 17 de outubro de 2016
Texto: Lionel Rexes
Ilustración: Antón Caxoto




A primeira imaxe que teño das San Lucas é imaxinada, pois o feito de proceder dunha familia da emigración, reservoume para a adultez o engado da feira máis antiga da Galiza.
Xa que logo, a infancia marabillada por rosquillas, enxeños e argallos, tivo que ser experimentada noutras latitudes, sen paulas nin maulas.
Mais, con anterioridade, eu xa tiña atesourado unha noción da devandita festa.
Foi un meu tío quen me proporcionou, de xeito espontáneo: escena, conto e mito na mesma narración. Andabamos, casualmente, a falar de raposos.
Lembro escoitar, abraiado, como no Campo dos Paxariños, entre bestas e poldros, fora exhibido un raposo; preso coma se dun can se tratase.
Tal imaxe, permaneceu na miña mente asociada ás San Lucas durante anos, até que puiden saborear in situ o grande encontro anual.
Chamarémoslle Lucas ao pobre golpe capturado.
Xa mozo, e aínda sen ser quen de falar das San Lucas con coñecemento de causa, as obras de Cunqueiro ?pola mesma época en que se lle adicaba o Día das Letras Galegas- aplacábanme a nostalxia, fornecéndome asemade do segundo raposo da miña cosmogonía galaica.
Xa era eu sabedor naquela altura de que os nosos paisanos, moi avisados, alcumaban o golpe con nome de rei galego, mais non coñecía a causa. E foi nunha colectánea de artigos de don Álvaro onde descubrín que o douto animal, comprendía a fala humana!
Chamarémoslle pois, García, ao meu segundo raposo mítico-literario.
O terceiro golpe acheino tamén grazas a Cunqueiro, non xa nun artigo xornalístico senón en Os outros feirantes, obra en que xorde o Rabiscollo. Tal renarte fora bautizado deste xeito por Lomas do Pontigo, quen navegara no berce por culpa dunha chea, coma un involuntario emulador do Moisés bíblico.
Este Rabiscollo era segundo don Álvaro, descendente daquela estirpe de raposos cautos e desconfiados que, valéndose da sabedoría, sobreviviron ao dioivo universal sen arca, nin galiñas, nin Noés raposeiros.
Con tales antecedentes, cando un destes animais prodixiosos me sae ao camiño, penso algo semellante a aquilo de don Ramón María (por certo, parente de Cunqueiro): ?Cranio privilexiado!?, e saudóo erguendo un chapeu ficticio.
Este ano, cando me interne entre ruáns, baios, pedreses e caldeiras de cobre, buscarei aquel primitivo Lucas que configurou o meu primeiro e fabulado cartel das San Lucas.
Sabendo, e imaxinando, ou fantaseando, con que Lucas -o vello reo- fuxiu por entre as greas en rolda; espantando tratantes, seareiros, xinetes e gornicioneiros; á busca, ben sei, do García, derradeira testemuña daquel reino ?máis mítico que máxico- onde os animais falaban; para se encontraren con Rabiscollo en lendario e rotundo comité de sabios.
Ha ter lugar o conciliábulo entre a felga da Silva, ou nas penas do Corno da Lúa ou, máis seguro, nos cumios do Monfadal.
Confeso que noutrora, cheguei a considerar tales topónimos e xeografías un froito do chafariz fantástico de don Álvaro. Non o eran e mais podían telo sido, pois que se falamos dese binomio composto por Cunqueiro e Mondoñedo todo pode ser.
Recordemos que a devandita dualidade transfigúrase unha vez ao ano en trindade grazas ás San Lucas. Daquela, o máis insólito faise non só posíbel, senón frecuente.
Comentarios (0) - Categoría: Crónicas das San Lucas - Publicado o 08-12-2016 11:54
# Ligazón permanente a este artigo
Ulises sempre volve
Antón Caxoto
Publicado en La Voz de Galicia - A Mariña
Domingo, 16 de outubro de 2016
Texto: Antón Meilán
Ilustración: Antón Caxoto




A teima de Ulises era chegar a Ítaca, mais sabía no seu interior que nunca o lograría porque o lera na súa novela cunqueiriana. Pra chegar a Ítaca tiñan que cambiar de rumbo o sol, a lúa e as estrelas, e iso era imposible porque era labor dos deuses. E os deuses fixeron o mundo e o firmamento daquela maneira: amencemos co sol, anoitecemos coa lúa e soñamos coas estrelas, que nos marcan tamén o camiño da vida. Ulises aprendeu nas súas singraduras mariñeiras que non se pode ir contra o destino da natureza. El, que veu tantos amenceres nos mares do sur e anoiteceres nos do norte. O amencer sempre é morno, mol, doce, ledo, por iso confunde o mar co horizonte, onde aquela derradeira liña é a da lembranza e a da melancolía. Por contra, o anoitecer é bravío, bate o mar contra os farallóns e acantilados, é a loita do remate do día. ¡E a noite!, a noite é o reino das estrelas e dos soños: a estrela Polar, o carro de Santiago, que leva á nosa terra. E tódalas noites cando o vía no firmamento, non podía deixar de pensar na súa cidade natal: na rúa de santo Domingo co canto das monxas; a de Batitales co o son do piano dos Luaces; a de Pardo de Cela co degolamento do Mariscal; a da Imprenta co ruído das máquinas das noticias; a catedral coa música do órgano e o cheiro a incenso; a Alameda coa vista verdecente das rilleiras; o campo da feira e aqueles días de troula das San Lucas. Amoreábanselle tódolos recordos da súa nenez e xuventude. E sobre todo, ¡canto recordaba a Penélope!, que quedaba agardando á volta da súa viaxe: facendo e desfacendo nos soños. Na soidade do barco, cantas veces imaxinou acariciar aquelas mans anxelicais. Cantas veces mirou aqueles ollos, que foron as estrelas nas noites treboantes do mar. Cantas veces lembrou aqueles bicos nos seus beizos, na súa boca, nos que sentira por primeira vez todo o amor do mundo: ?en todo estás e ti es todo / pra min y en min mesma moras?, lle dixo aquel día, lembrando a Rosalía. Sempre que se despedían, lle dicía o mesmo: -morrerei nalgún naufraxio, pero levarei no meu silencio o amor dos teus bicos e o cor mariñeiro dos teus ollos. E Penélope desfacíase coma unha estrela de san Lourenzo.
Ulises sempre desembarcaba polo mes do Patrón pra axudar na casa nas tarefas da sega, e xa se quedaba prás feiras das San Lucas. Ese cheiro verde, fresco, a herba recén segada levábao na alma. Cando embarcaba e desembarcaba, xa xunto con Penélope, sempre facían o mesmo: ían pra Alameda a ollar a estrela Aldebarán, da constelación de Tauro, o siño de Ulises. A estrela que brilla e rebrilla aínda de día. Tiñan o segredo de mírala tódalas noites, estiveran onde estiveran, porque lles daba a forza que necesitaban pra soportar tanta soidade. Tamén lle adicaban unha tarde-noite a recitar, ruando pola vila, ese poema titulado Retorno de Ulises, que lle fixera o señor Cunqueiro unha das veces que desembarcara. Tiñan unha gran querencia por recitalo ambos a dous. Empezaba Ulises «Pende en que pende Penélope pensativa», e seguía Penélope «perdo novelo nove novamente canto», e así ata o final. Xuntos, nunca pensaban na morte, era coma se fosen vivir pra sempre.
Este ano volve estar con nós agardando ás outonais festas das San Lucas. Sempre aproveita pra mercar tódolos útiles que necesita para as súas singraduras: unha manta de Palencia; dous traxes de augas e un con sombreiro; uns zocos con solas de goma; navallas e coitelos de Taramundi; uns tarriños de mel pra botar no leite da mañá; queixos, noces e un anel para regalarlle a Penélope. Tiña tantos aneis coma viaxes levaba feito. A todos lles poñía o nome dunha estrela: Altair, Espiga, Vega, Rigel, Pólux, Capella,? E despois das feiras, volta ao mar a acariciar o vento e a soidade. Todo lonxe novamente: a terra e a vida. Novamente sós, el, o mar e os soños. E no bosque de Silva comeza a aparecer o inverno.
Comentarios (0) - Categoría: Crónicas das San Lucas - Publicado o 08-12-2016 11:54
# Ligazón permanente a este artigo
© by Abertal
Fran Bouso - Mondoñedo T.I.C.



Warning: Unknown: Your script possibly relies on a session side-effect which existed until PHP 4.2.3. Please be advised that the session extension does not consider global variables as a source of data, unless register_globals is enabled. You can disable this functionality and this warning by setting session.bug_compat_42 or session.bug_compat_warn to off, respectively in Unknown on line 0