Bo uso


A BITÁCORA DE FRAN BOUSO
Un blog aberto para falar desde Mondoñedo ou calquera outro lugar do mundo sobre Mondoñedo e as súas cousas ou sobre as cousas do mundo.



Fran Bouso

Crea tu insignia

O meu perfil
 CATEGORÍAS
 GALERÍA FOTOGRÁFICA
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES
 DESTACADOS

Parabéns para Manuel Leiras Pulpeiro
nº 35 25/10/2016 RV-AM LVG-AM


O galeguista, republicano federal, masón e anticlerical Manuel Leiras Pulpeiro naceu en Mondoñedo o mércores, 25 de outubro de 1854. A longo da súa vida practicou e difundiu valores e loitou contra as inxustizas sociais do seu tempo. De profesión era doutor, coñecido popularmente como ?O médico dos pobres? por ter consultado, sen pensar en remuneracións, a todo aquel que o precisase. A súa sensibilidade e preocupación pola cultura e o idioma que nos son propios levouno a practicar a poesía. Como poeta e lexicógrafo acadou méritos suficientes como os outorgados pola Real Academia Galega no Día das Letras Galegas do ano 1983.

Mentres escribo, párome a pensar como actuaría Leiras se vivise nos días de hoxe. Seguramente que as problemáticas sociais e políticas serían o eixo central de moitos faladoiros no ?Casino de los Caballeros? e que no ?Tío Marcos da Portela? empregaría adxectivos como ?ladrós? e inhumanos para referirse a aqueles que con diñeiro de todos mercan empresas para eliminar a súa competencia directa e non lles treme a man á hora de deixar sen pan a centos de persoas, nin atenden a razóns cando se lles presentan alternativas.

Nos días de hoxe, seguramente, Leiras estivera mobilizando a Cándido Carreiras e aos seus para preparar algunha iniciativa que servise para recadar fondos e estar preparados en caso de posibles emerxencias sociais que puideran vivir algunhas familias, sen deixar de matinar na procura de solucións que permitiran xerar emprego e propiciar unión, ilusión e igualdade.

Que diría da corrupción, do abuso de poder, das portas xiratorias, da falta de conciencia de colectivo, dos insultos aos galegos, dos desafiuzamentos, da fame, do racismo, da contaminación, das guerras, dos monopolios encubertos... Leiras si lle parou os pés á eléctrica. (http://www.lavozdegalicia.es/noticia/amarina/2015/10/12/leiras-lle-parou-os-pes-a-electrica/0003_201510X12C3992.htm)

Párome a pensar e pregúntome: Sería posible un Leiras nos tempos de hoxe? Non atopo resposta. O que si me parece claro é que para que para que houbese un Leiras e outros moitos coma el, a sociedade do XIX e comezos do XX defendía uns valores que hoxe, se cadra, non practicamos. Non quero deixar pasar a ocasión de darlle a Manuel Leiras Pulpeiro os parabéns por ser como foi e como é: Un facho acceso no que guiarse cara un horizonte mellor para todos e todas.

Non hai moito pasei polo vello cemiterio civil de Mondoñedo e vin unha rosa branca morta enriba da lápida de Leiras. O que a el lle gustaría sería ter unha roseira de rosas roxas -ben roxas como as que el coidaba, con amor, na súa horta- que florecera ao tempo que ao mundo enteiro chega a primavera.
Comentarios (0) - Categoría: O OUTEIRO DE MONDOFORTE - Publicado o 08-12-2016 12:03
# Ligazón permanente a este artigo
As San Lucas en realidade aumentada
nº 34 18/10/2016 RV-AM LVG-AM -Día de San Lucas-


Parece interesante o convenio asinado entre a Universidad a Distancia de Madrid e a Rey Juan Carlos co concello de Mondoñedo mediante o cal promoven o grupo de investigación ?Proxecto Retinae? a tavés do cal pretenden investigar as posibilidades das novas tecnoloxías audiovisuais como a imaxe en 360º, a realidade aumentada ou a virtual misturado todo isto coas posibilidades que ofrecen os avións non tripulados coa finalidade de crear produtos que sirvan para a promoción da localidade.

Imaxínanse que hoxe, Día Grande das San Lucas, nada máis rematar de ler este artigo puidesen acceder desde o seu ordenador, tablet, smartphone ou smart TV e conectar cunha cámara panorámica de ángulo total que ofrecera imaxes en directo do que está a acontecer no Campo dos Paxariños durante a celebración da feira de gando? Ou que simplemente con facer un ?clic? tivera á súa disposición as imaxes captadas por drons da baixada dos cabalos que tivo lugar onte pola tarde? A min apetéceseme case tanto como unha ración de polbo e seguramente que aos centos de mindonienses que están espallados polo mundo lles serviría para apagar un pouco a morriña que senten nun día coma o de hoxe.

Ata o momento, esta iniciativa proporcionou un vídeo interactivo do val de Mondoñedo que foi realizado integramente con drons. Nesta reportaxe gráfica móstranse imaxes dixitais en tres dimensión da catedral e cadros de texto que aparecen nada máis tocar a pantalla sobre puntos concretos.

Este proxecto será presentado no IV Fórum de Cidades e Territorios Creativos de España que se celebrará do 10 ao 12 de novembro en Málaga. Mondoñedo é socio fundador da Rede de Cidades e Territorios Creativos de España desde a súa constitución o pasado mes de xullo en Monforte de Lemos.

Experiencias deste tipo, impulsadas desde pequenas asociacións, empresas e particulares locais, xa se puxeron en práctica hai anos. Estoume a referir, por exemplo, á emisión en directo vía streaming da vixésimo quinta edición da concentración mototurística Ruta N-634. Daquela, ademais de poder seguir desde calquera lugar do mundo con conexión a internet o que acontecía na prazas do Concello e da Catedral ou na avenida de Bos Aires, tamén se emitiu en directo o desfile de motos con lumieiras cunha cámara subxectiva situada nun dos vehículos da organización.

O proxecto Retinae, que conta co apoio e implicación de destacadas institucións universitarias e o concello de Mondoñedo e que e que traballa desde unha perspectiva académica, seguro que aportará conclusións ben interesantes coas que se podan poñer a andar iniciativas de promoción turística e cultural.

Hoxe é día de festa en Mondoñedo, o Día Grande das San Lucas, as potas de polbo xa están fervendo e o divertimento está asegurado, como a realidade aumentada, virtual e as cámaras de plano total non están funcionando, non queda outra que achegarse á Cidade da Paula para gozalas. Se teñen ocasión, non o deixen pasar.
Comentarios (0) - Categoría: O OUTEIRO DE MONDOFORTE - Publicado o 08-12-2016 12:02
# Ligazón permanente a este artigo
As San Lucas, oito séculos e oito días
nº 33 11/10/2016 RV-AM LVG-AM



O vindeiro sábado arrancan As San Lucas, as feiras máis antigas de Galiza e farano co pregón da triatleta paralímpica Susana Rodríguez Gacio, todo un exemplo de superación persoal.

Teremos por diante oito días para celebrar oito séculos de historia que comezou cando Afonso Raimúndez, O Emperador, que fora rei de Galiza, León e Castela rubricou o documento no que reza: ??Celébrese alí un mercado o primeiro día de cada mes e unha feira de oito días. E quen queira que impida, o mercado ou a feira, será perseguido por min e polo meu fillo e pola nosa descendencia?..?

O programa de festexos vén cargado de propostas ben atractivas e diversas, con novidades tan destacadas como o Premio Mondoñedo10 que nesta primeira edición elixirá a mellor obra de narrativa publicada en Galicia e en Galego nos dez últimos anos ou concertos como o de Susana Seivane e Cristina Pato que por primeira vez actuarán xuntas nun espazo singular como é a catedral.

A isto hai que sumarlle espectáculos únicos como a chegada das greas de cabalos que baixan dos montes que rodean o val ou a feira tradicional do 18.

Verbenas coas mellores orquestras de Galiza, exhibicións hípicas, teatro, músicas de tódolos estilos, maxia, monicreques, monólogos, deportes tradicionais, conferencias, exposicións e espectáculos como o encontro folclórico ou Voces da Paula completan a oferta de actividades lúdicas e culturais que desde o sábado, 15 ata o domingo, 23 (oito días e oito noites) atraerán xentes chegadas desde os máis diversos lugares.

Ao igual que xa aconteceu o ano pasado, este xornal publicará na sección Crónicas das San Lucas historias de personaxes cunqueirianos traídos ás feiras. Desta volta serán relatos escritos por Antón Meilán, Lionel Rexes, Francisco Piñeiro, Antonio Reigosa, César Morán, Bernardo Penabade, Xe Freyre e eu mesmo que irán acompañados de ilustracións realizadas por Antón Caxoto.

Comeremos polbo e callos, pasearemos por entre os postos na procura dos obxectos máis insospeitados, atoparémonos con amigos e coñecidos cos que cadramos de ano en ano, falaremos, cantaremos, bailaremos e sentirémonos orgullosos de ser como somos e de compartir cos demais o mellor da nosa terra. Se non están de ánimo ou se lles parecen excesivos os días de festa non digan nada, non vaia ser que apareza Afonso VII ou algún dos seus descendentes.

O esforzo e traballo realizado pola comisión organizadora, con Miguel Souto á cabeza, debe ser agradecido por tódolos mindonienses e desde aquí vai o meu particular.

Vémonos nas San Lucas!!!
Comentarios (0) - Categoría: O OUTEIRO DE MONDOFORTE - Publicado o 08-12-2016 11:59
# Ligazón permanente a este artigo
© by Abertal
Fran Bouso - Mondoñedo T.I.C.



Warning: Unknown: Your script possibly relies on a session side-effect which existed until PHP 4.2.3. Please be advised that the session extension does not consider global variables as a source of data, unless register_globals is enabled. You can disable this functionality and this warning by setting session.bug_compat_42 or session.bug_compat_warn to off, respectively in Unknown on line 0