Bo uso


A BITÁCORA DE FRAN BOUSO
Un blog aberto para falar desde Mondoñedo ou calquera outro lugar do mundo sobre Mondoñedo e as súas cousas ou sobre as cousas do mundo.



Fran Bouso

Crea tu insignia

O meu perfil
 CATEGORÍAS
 GALERÍA FOTOGRÁFICA
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES
 DESTACADOS

Cantando a Leiras
nº 38 15/11/2016 RV-AM LVG-AM


A semana pasada, con motivo do 104 aniversario do pasamento de Manuel Leiras Pulpeiro (25/10/1854-9/11/1912), chamáronme dunha emisora de radio para que lles recomendara un tema musical inspirado nalgún poema do autor de ?Cantares Gallegos?. O primeiro que se me pasou pola cabeza foi ?Roseiras de rosas roxas? de César Morán. Unha composición que ademais de fermosa é accesible, porque a podemos escoitar en liña na rede en varias versións. A que sempre recomendo é a interpretada ao violín por Rebeca Maseda, Afonso Morán ao contrabaixo e o propio compositor á guitarra e voz. Non é o único poema de Leiras que ten musicado o profesor, escritor e músico berciano de nai mindoniense, ?Se querés desmorriñarme? é outra das cancións da súa autoría que axudan aínda máis a que os versos de Leiras cheguen ao fondo do corazón. ?Río de son e vento?, CD poético-musical sobre textos de literatura contemporánea (Xerais, Vigo, 1998) foi o primeiro traballo discográfico de Morán Fraga e ?Haberá primavera?, libro-disco con poemas de Álvaro Cunqueiro (Galaxia, Vigo, 2011) o segundo; creo que lle teño escoitado nalgunha ocasión que o terceiro estará adicado a Leiras Pulpeiro, un traballo agardado por moita xente.

Cos versos de ?Se querés desmorriñarme? hai unha canción de 1951 para mezzosoprano e piano que leva por título ?Levádeme?. Esta peza, composta por Rafael Rodríguez Albert (1902-1979), está incluída nun disco editado pola Deputación provincial de Ourense en 1952 e que ten por título ?Doce canciones gallegas : dedicadas a Antonio Fernández Cid? e a súa partitura orixinal está a disposición dos interesados (formato PDF) na páxina web da Biblioteca Nacional de España. No mesmo disco tamén aparece un poema de Antonio Noriega Varela, ?As froliñas dos toxos?, musicado por Eduard Toldrá i Soler (1985-1962). Este disco foi reinterpretado e gravado hai un par de anos pola soprano Begoña Salgueiro e o pianista Brais González.

No 2015 a Deputación Provincial de Lugo a través da Fundación TIC publicou un traballo discográfico titulado ?Dende a beira do Masma? no que se recollen trece cancións compostas por Xan Carballal baseadas en poemas de escritores mindonienses. Xulia Nogueira é a responsable da interpretación vocal de todas as pezas deste CD incluído na colección ?Sons Lugueses?. Das trece cancións, catro levan versos de Leiras Pulpeiro (?Levaime para onde o mar vexa?, ?Si cando me fine?, ?As frores da Frouseira? e Ai, ai!). Este disco, que ten unha sonoridade que me lembra a música medieval, tamén inclúe temas musicados a partir de poemas de Antonio Noriega Varela, Álvaro Cunqueiro e Xosé Díaz Jácome.

Todo este material ben daría para facer un concerto (ou máis) e para programar na radio música inspirada en Leiras durante varias horas. Como reza no libreto do disco de Xan Carballal e Xulia Nogueira: ?Non hai mellor medio de dar vida ás palabras que deixar que a música as leve no ar e as poña nos beizos?, neste caso a música fai posible que os versos cheguen máis lonxe e máis fondo.
Comentarios (0) - Categoría: O OUTEIRO DE MONDOFORTE - Publicado o 08-12-2016 12:06
# Ligazón permanente a este artigo
Que grande é o mundo!
nº 37 08/11/2016 RV-AM LVG-AM


Agora que chega o frío apetece, aínda máis, escoitar historias e se é ao carón dunha fonte de calor, mellor que mellor.

Non recordo en que ano foi, pero sei que daquela estábase a celebrar en Mondoñedo a final do Campionato de España de voo libre, polo tanto deduzo que sería aló por finais dos setenta ou principio dos oitenta.
Era primavera, un día de néboa espesa a esa hora da mañá, ben cedo. Aquel día os homes-paxaro non puideron sobrevoar o ceo de Mondoñedo facendo o seu percorrido habitual que tiña como partida o pico do Padornelo e como meta o Campo de Fútbol, hoxe en día Municipal "Viñas da Veiga".
Moi cedo, como digo, desde Sopena, dunha casa que estaba bastante preto dunha das entradas menos coñecidas da Cova do Rei Cintolo partía cara Lugo un coche que levaba a unha señora duns setenta anos, con pouco pelo e o pouco que tiña xa tirando a gris máis que a branco e deixaba ver na súa cara a amargura do paso do tempo. Acompañaban a aquela señora, o seu fillo e a súa nora. 
A visita á capital de provincia era debido a unha doenza que viña soportando desde había algún tempo e á que non lle atoparon remedio os médicos de Mondoñedo. Nin que dicir ten que o Hospital da Costa aínda non se lle pasara pola imaxinación a ninguén.
A viaxe non era nada cómoda, había moitas curvas, moita néboa e bastante dor.
Chegando a Vilalba o matrimonio mozo decidiu facer unha parada para tomar un café.
No momento en que aparcaron o Seat 127 branco ao carón da sucursal do Banco Pastor de Vilalba a señora preguntou: ?E xa chegamos?? Ao que o seu fillo respondeu: ?Non, aínda estamos pola metade do camiño?. -?Que grande é o mundo!?
Comentarios (0) - Categoría: O OUTEIRO DE MONDOFORTE - Publicado o 08-12-2016 12:05
# Ligazón permanente a este artigo
Obxectos da Mariña entre os 100 máis representativos de Galicia
nº 36 01/11/2016 LVG-AM -Adaptación do artigo xa publicado en Radiovoz por non haber emisión ese día na emisora-


Logo do seu paso por Santiago de Compostela, onde estivo exposta desde maio ata setembro deste ano «Galicia 100. Obxectos para contar unha cultura» pode ser visitada ata o 7 de xaneiro de 2017 na sede de Afundación sita no Cantón Grande de A Coruña. Trátase dunha mostra que recolle un centenar de pezas a través das cales se vai narrando a historia do noso país. Desde unhas ferramentas líticas de Porto Maior datadas no Paleolítico Inferior, é dicir hai uns 400.000 anos ata unha reprodución do Xabarín da TVG, de 1994 (obra de Miguelanxo Prado) ou o cartel das festas de Bergondo, de 2015.

Esta mostra está estruturada en base a uns epígrafes tales como ?Territorio?, ?Poder?, ?Trasmundo?, ?Códigos?, ?Redes?, ?Trancisións? e ?Comunidade?. No apartado ?Poder? recóllense varias pezas vinculadas á comarca de A Mariña, estoume a referir a unha reprodución videográfica en tres dimensións do anel e o báculo de San Gonzalo, o Bispo Santo, (s. XII) ou A Mariscala, a cadea na que, segundo se di, estivo preso o mariscal Pedro Pardo de Cela e que podería estar datada a súa fundición último cuarto do século XV.

O báculo e máis o anel orixinais de San Gonzalo consérvanse no Museo parroquial de San Martiño de Mondoñedo, en Foz e a cadea, depositada temporalmente nesta exposición, adoita estar exposta no claustro do Museo Provincial de Lugo.

En ?Trasmundo? móstrase un xadrez do que se di que pertenceu a San Rosendo, un luxoso xogo fatimí elaborado por artesáns dos reinos árabes da Península aló polo século XII que é un exemplo das boas relacións das clases altas galegas e os reinos musulmáns do sur peninsular.

Na sección ?Redes? aparece unha copia da partitura do Himno Galego, do mindoniense Pascual Veiga, estreada por primeira vez na Habana en 1907.

O horario de visitas é de luns a venres, de cinco a nove da tarde e tamén está aberta os sábados e festivos de doce a dúas do mediodía e de cinco a nove en horario vespertino.

Moito poder debía ter A Mariña na Galiza medieval, na actualidade a cousa non debe ser así pois senón a necesaria estrada que vertebra boa parte da comarca desde Foz ata O Vicedo estaría noutras condicións.

Esta exposición itinerante chegará en Vigo en xaneiro e poderá ser visitada na Cidade Olívica ata o mes de abril do vindeiro ano.
Comentarios (0) - Categoría: O OUTEIRO DE MONDOFORTE - Publicado o 08-12-2016 12:04
# Ligazón permanente a este artigo
© by Abertal
Fran Bouso - Mondoñedo T.I.C.



Warning: Unknown: Your script possibly relies on a session side-effect which existed until PHP 4.2.3. Please be advised that the session extension does not consider global variables as a source of data, unless register_globals is enabled. You can disable this functionality and this warning by setting session.bug_compat_42 or session.bug_compat_warn to off, respectively in Unknown on line 0