Bo uso


A BITÁCORA DE FRAN BOUSO
Un blog aberto para falar desde Mondoñedo ou calquera outro lugar do mundo sobre Mondoñedo e as súas cousas ou sobre as cousas do mundo.



Fran Bouso

Crea tu insignia

O meu perfil
 CATEGORÍAS
 GALERÍA FOTOGRÁFICA
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES
 DESTACADOS

Rodado na Mariña

nº 41 06/12/2016 LVG-AM -Revisión dun artigo xa publicado en Radiovoz por non haber emisión neste día ILUSTRACIÓN: ANTÓN CAXOTO



Esta é unha semana atípica cargada de festivos. Para algúns ten parecido coa Ponte de Rande, para outros presenta tramos curtos como os que une por riba do Valiñadares a Ponte do Pasatempo e para os que máis semella o viaduto do Fiouco, que ás veces está e outras agóchase baixo a néboa. En todo caso posiblemente gocemos dun pouquiño máis de tempo libre do habitual.

Estamos en tempo de matanzas, de frío, de poucas horas diúrnas e parece que apetece pasar parte do lecer gozando dunha película, se teñen ocasión non deixen de ver a última de Ignacio Vilar, ?Sicixia? ou ?Los últimos de Filipinas?, protagonizada por Luís Tosar. ?Animales fantásticos y dónde encontrarlos? e máis ?Villaviciosa de al lado? non precisan promoción.

Se non queren ir a unha sala comercial poden aproveitar para facer sesións domésticas con algunha das películas rodadas na Mariña. Se o desexan podemos repasalas a 24 fotogramas por segundo:


Ribadeo, Viveiro e Mondoñedo serviron de decorado natural para a primeira película rodada na comarca, foi aló polo ano 1929. Un ?Viaje por Galicia?, documental mudo realizado co patrocinio das catro deputacións provinciais galegas para ser exhibido na Exposición Iberoamericana de Sevilla. Co mesmo título, pero desta volta con banda sonora e do ano 1953, ?Un Viaje por Galicia?, incluída na serie ?Por los caminos de España?. Retratan a franxa costeira mariñá e algúns monumentos como a catedral de Mondoñedo.









Chegados aos anos sesenta do século pasado tamén aparece a ficción, así en 1964 estréase ?Fuego?, de Julio Coll, rexistrada en Viveiro e no Barqueiro.





Na seguinte década, ?Flor de Santidad?, única película dirixida por Adolfo Marsillach, foi rodada en 1972 e estreada un ano máis tarde. Recolle localizacións na praza da Catedral de Mondoñedo e no pazo de San Cidre do Couto do Outeiro.







Enlace para alugar "Flor de Santidad"




Tal e como reza nos títulos de crédito de ?O cadaleito?, os interiores e exteriores da película foron rodados en Fontao, Nois, Alfoz e Foz; tamén figura un agradecemento ao Conde de Fontao e a Antonio Rodríguez Mas pola súa colaboración. Viveiro aparece nos exteriores de ?Óscar, Kina y el láser?, unha fita de José María Blanco estreada en 1978.





Cervo, Sargadelos e Viveiro entre outros moitos lugares de Galicia son testemuñas da filmación de ?A Contratiempo?, de Óscar Ladoire, estreada en 1981. En 1985, Marío Camus, realiza ?La vieja música?, con localizacións en Viveiro e en Estaca de Bares, ademais de Lugo, Santiago, Ponferrada ou Madrid.





Con argumento de Camilo José Cela e a sinatura do director José Briz plásmase en celuloide a docuserie ?Del Miño al Bidasoa?, recordo ver partes desa rodaxe e recoñecín algunha taberna próxima ao porto de Ribadeo cando a vin na pantalla de Televisión Española por primeira vez.



En 1996, La Cuadrilla estrea ?Matías, juez de línea?, algún dos seus planos, foron tomados en Viveiro.



Sen lugar a dúbidas unha das localizacións máis prezadas para o audiovisual nos últimos anos é a praia das Catedrais, este espazo natural aparece no cine da man de Xavier Villaverde, en 1998 con ?Fisterre?.





No novo milenio tivemos que agardar ata o 2006-2007 para ver equipos de rodaxe cinematográfica na comarca, daquela en Viveiro, Celeiro, O Barqueiro, Bares, Espasante, A Coruña e Barcelona rexistrouse ?El Tesouro?, de Manuel Martín Cuenca.



Cun agora sí, agora non, ?Os mortos van ás présas?, de Ángel de la Cruz, colonizou Rinlo en diferentes momentos para por fin ser estreada en 2008. Nas escenas finais podemos ver ao actual alcalde de Ribadeo, Fernándo Suárez Barcia, a Balvino Pérez Vacas e a Miguel Anxo Fernández, crítico de cine de La Voz de Galicia facendo un ?cameo? como curas oficiando un funeral.




En 2013 e 2014 Ribadeo, Barreiros, San Cibrao e Viveiro acolleu a rodaxe de ?Caminando al Atlántico?, dirixida por J. K. Álvarez.




? A Chocolateira? (Xosé Reigosa) ou ?Dictado? (Antonio Chavarrías) son outros exemplos de producións rodadas en celuloide na comarca de A Mariña e ben seguro que aínda quedan algunhas no tinteiro. Evidentemente aquí non aparecen recollidas outras producións audiovisuais coma series televisivas, nin spots publicitarios, nin videoclips; nese terreo teríamos unha longa lista só no areal de Augas Santas.








Edición dixital LVG-AM
Comentarios (0) - Categoría: O OUTEIRO DE MONDOFORTE - Publicado o 08-12-2016 12:19
# Ligazón permanente a este artigo
Cada quen interpreta o mundo como quere ou pode

nº 40 29/11/2016 RV-AM LVG-AM ILUSTRACIÓN: ANTÓN CAXOTO



Cando era pícaro, aló por finais dos setenta e comezos dos oitenta esforzábame por coñecer ás persoas cando me chamaban a atención, por exemplo: Daquela oía falar de Fidel Castro e para min ese home era Fidel, o panadeiro, o da Panadaría de Castro. Entendía, oíra o que oíra daquela persoa que algúns a pintaban coma un demo, que era un home bo. Vía a Fidel cando viña repartir o pan polos Muíños e, se estabamos xogando ao balón parábase con nós a darlle unhas patadas á pelota. Tamén teño cadrado con el cargando a fariña no muíño de Edelmiro e velo discutir amigablemente co muiñeiro sobre fútbol, creo que un é do Barcelona e o outro do Madrid, Fidel sempre vestía de branco, agora que o penso, se cadra levaba esas roupas polo seu oficio.

Cousa parecida tamén me pasaba con Rosalía de Castro, pensaba que a poeta era unha señora de Argomoso que vivía en Vigo. Hoxe sei que aquela muller que levaba un peiteado tan singular é Berta Gacio, a nai de Susana Rodríguez que foi a pregoeira das San Lucas nesta pasada edición. Ela, loxicamente non o sabía e eu nunca llo comentara ata hai uns meses.

Co paso do tempo, e sen decatarme, fun sabendo que Fidel Castro era de Cuba, o que mandaba alí, un ditador e -por como vestía- que era militar, chamábanlle o Comandante. Relacionaba a ditadura e o exército con realidades que non me gustaban nada e cando o vía na televisión escoitábao falar e falar e falar e falar... sen que nada lle entendera, cun acento e unhas formas graciosas, iso si.

Cando empecei a interesarme pola política souben que era comunista e iso dáballe moitos puntos ao seu favor, as ideas de defensa do colectivo, dos bens comúns, da igualdade gustábanme e gústanme. Pero que dirixira o dedo apuntando ao seu irmán ou que o tivera apuntado nun caderno non me parece ben, eu son máis de democracia, interna tamén.

Nunca fun a Cuba polo momento, non porque non o intentara, o que me parece saber de aló polo que se di nos medios de comunicación e polo que teño falado con xente que si foi, é que é unha sociedade pobre no sentido de falta de bens materiais -incluso dos chamados esenciais, nalgúns casos- e rica e coñecemento e felicidade.

E hoxe, uns días despois do seu pasamento, sigo sen saber quen é Fidel Castro nesa catalogación inocente de bo ou malo. Como todo nesta vida, non é nin absolutamente bo, nin absolutamente malo. Descanse en paz.

E foi morrer nun día dos que din máis tristes do ano pola chegada do frío -en Cuba non tanto, para nós- e as poucas horas de luz solar, ou polo que sexa, un día no que os americanos se poñen a comprar coma posesos. Chámanlle o Black Friday, por aquí leva pouco tempo, pero parece como se os suevos xa o festexaran.

Agora, sigo interpretando a realidade como podo, incluso como quero. A veces coma un xogo como me pasa con Donald Trump, pero iso quedará para outro día.



Comentarios (0) - Categoría: O OUTEIRO DE MONDOFORTE - Publicado o 08-12-2016 12:15
# Ligazón permanente a este artigo
O día dos músicos
Antón Caxoto
nº 39 22/11/2016 RV-AM LVG-AM ILUSTRACIÓN: ANTÓN CAXOTO



Hoxe é día de Santa Cilla, Icía, Cecilia ou Cecía de Roma, patroa dos músicos. Sancta Cæcilia (en latín) foi unha nobre romana convertida ao cristianismo e martirizada que viviu dacabalo entre os séculos II e III d.C., ao dicir da igrexa católica é a madriña dos músicos, poetas e cegos.


Para min, como músico, o día de hoxe ten un sabor especial e está cheo de moitas lembranzas. Cando formaba parte da banda de música da Asociación Cultural ?Pascual Veiga? sempre honrabamos á nosa patroa cun xantar de confraternidade, algunhas veces na compaña dos compañeiros e compañeiras do orfeón da Sociedade de Obreiros. Nunha desas comidas aprendín por boca do sacerdote Alfonso de la Torre, director do coro, que Sheila é unha variante deste nome tan sonoro; agora sei que á longa lista de ?tocaios? tamén lle podemos sumar Celeste, Celestina, Celina e Celsa.

A banda de música da que formei parte naceu no ano 1998 e mantívose activa ata finais do milenio, tal e como teño escrito neste mesmo xornal nun artigo titulado ?Historia dunha banda? (La Voz de Galicia-A Mariña, Martes, 9 de diecembro de 2014, L6). Ao longo da súa existencia a formación estivo dirixida por Enrique Teijeiro Rodríguez, Arcadio Mon García e ocasionalmente ten asumido a responsabilidade da batuta Antonio Seivane Casabella. Enrique Teijeiro (Kike), o meu primeiro profesor de música, era capaz de instruír na arte de ben combinar os sons co tempo a máis de cen educandos á vez nun local que pouco máis grande era que a caixa dun camión de dous eixos, finou no mes de novembro de 2004. Arcadio Mon, como ben recordan, deixounos este ano, o 26 de abril. Desde aquí vai a lembranza e admiración para estes dous bos homes e grandes músicos ao igual que para todos os compañeiros que xa habitan outros mundos. Lémbrome de Alfredo Chamosa (percusión); Ventura Fernández, das veciñas Terras Abertas do Valadouro (clarinete e frauta doce); Ángel (percusión) e José Rodríguez Soto (clarinete); Baltasar Graña (percusión); e José Lombardero Val (Saxofón e percusión).

Co rexurdir da banda de música de Mondoñedo a finais da década dos oitenta do pasado século, xa houbera outras bandas con anterioridade na Cidade da Paula e en parroquias como a de Santa María Maior, tamén apareceron na comarca outras formacións aínda activas a día de hoxe como a de Burela, a de Foz ou a de Ribadeo; a de Viveiro penso que é anterior. Vaian tamén os parabéns no día de hoxe para os seus integrantes e por extensión para todos os músicos.

Non quixera deixar pasar a ocasión de animar publicamente ás compañeiras e compañeiros da banda ?Pascual Veiga? para que no 2018 -xa sei que fío a longo prazo- nos xuntemos para comer e lembrar aqueles tempos que nos fixeron ser, en boa parte, o que hoxe somos.

Viva a música, vivan os músicos, vivan as músicas!!!
Comentarios (0) - Categoría: O OUTEIRO DE MONDOFORTE - Publicado o 08-12-2016 12:10
# Ligazón permanente a este artigo
© by Abertal
Fran Bouso - Mondoñedo T.I.C.



Warning: Unknown: Your script possibly relies on a session side-effect which existed until PHP 4.2.3. Please be advised that the session extension does not consider global variables as a source of data, unless register_globals is enabled. You can disable this functionality and this warning by setting session.bug_compat_42 or session.bug_compat_warn to off, respectively in Unknown on line 0