Bo uso


A BITÁCORA DE FRAN BOUSO
Un blog aberto para falar desde Mondoñedo ou calquera outro lugar do mundo sobre Mondoñedo e as súas cousas ou sobre as cousas do mundo.



Fran Bouso

Crea tu insignia

O meu perfil
 CATEGORÍAS
 GALERÍA FOTOGRÁFICA
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES
 DESTACADOS

Mauro Leivas: o pregoeiro.
O encargado de pronunciar o Pregón das Feiras de Festas de "As Quendas" este ano será o artísta plástico mindoniense Mauro Leivas.
De Mauro e da súa obra póderianse dicir moitas cousas, somos veciños e tiven a oportunidade de traballar con el na maquetación do libro "Palabra de Amigo" hai xa uns anos, pero, parafraseando a Cunqueiro: "mellor que dicilo, será copialo" (de www.galegos.info):

A obra pictórica de Mauro Leivas non pode separarse da súa personalidade e biografía, xa que ambas responden a unha mesma actitude vital: a liberdade sen concesións. Nace no seno dunha familia liberal que forma en Mondoñedo un peculiar falansterio utópico e contracultural. O estilo de vida dos seus pais segue as fórmulas que algúns movementos xuvenís americanos toman como modelo na década dos sesenta. Unha orientación hippy á que non lle interesa transformar a sociedade nova comunal, constituída como unha organización libre e sen xerarquía, en contraposición co modelo burgués que rexurde tras superarse os anos máis duros da posguerra, adoptando como valores básicos a tolerancia e o amor.
Mauro Leivas fórmase neste ambiente extremadamente singular para a Galicia dos anos sesenta. Desde que ten uso de razón é consciente de que é pintor e absolutamente libertario, circunstancias persoais que se transmite inamoviblemente en toda a súa obra. Dos seus pais adquire os primeiros coñecementos de deseño e debuxo e eles, conscientes das súas aptitudes, deciden a ampliación da súa aprendizaxe con Juan Bautista Puchades, escultor valenciano establecido en Mondoñedo
Con 17 años, Mauro pinta o primeiro cadro, co que se sente absolutamente satisfeito. Trátase dun dramático estudio, un nu deformado e amputado no que se advirte a influencia dos tenebristas italianos, especialmente de Caravaggio, que o seduce tanto polo seu virtuosismo plástico como pola súa personalidade turbulenta.
Durante o bacharelato en Mondoñedo, faise amigo de Caxigueiro e Artiaga, cos que comparte as súas inquietudes artísticas e culturais. Tras rematar o bacharelato, comeza estudos de Bellas Artes en Madrid. É expulsado da facultade con ameaza de abrírselle un expediente a causa dun accidente ocorrido cun profesor que avaliaba as capacidades do alumno de maneira arbitraria. Ese mesmo ano, 1975, morre o xeneral Franco e tras unha serie de experiencias adversas, entra en contacto con Nina Álvarez (1), ceramista e pintora, residente neses anos na localidade suíza de Chaux-de-Fonds, nas proximidades de Xenebra. Nina contraera matrimonio co escultor Charles-Martin Hirschy (2), personaxe inquieto que colabora nos labores de restauración da Acrópole de Atenas. Mauro Leivas traballa con ambos durante algo máis de tres anos tendo a oportunidade dea prender novas técnicas e colaborar con eles en diferentes países, Francia, Suíza e Grecia.
Regresa a Galicia e ingresa na Escola de Artes Aplicadas de Lugo, graduándose na especialidade de cerámica. Nestes anos mantense unido e colabora, en 1983, con Caxigueiro e Artiaga na exposición ?Nova Generación? patrocinada pola Deputación de Lugo. A pintura de Mauro Leivas no inicio dos anos oitenta é unha abstracción matérica de corte informalista e xestual que alterna cunha figuración con indicios de inspiración surreal.
A mediados dos oitenta trasládase a Madrid, onde se integra no ambiente artístico e cultural da ?Movida madrileña?. A súa experiencia na capital de España puido ser o detonante dun cambio radical na súa estética, que queda reflectido nunha serigrafía que realiza para a Galería Sen. A utilización de formas triangulares, grafismos de liña emparentados cos expresionismos alemáns da primeira vangarda europea e signos procedentes da cultura protohistórica ibérica, materializados nunha composición ingrávida de cores agresivos e puros, son os sinais identificadores dun traballo que será determinante e influinte na súa produción futura inmediata.
Tras o abandono da abstracción xestual orienta a súa pintura, en 1986, cara a unha figuración expresionista con certo sabor medieval alemán. Nos seus cadros representa un universo de demo se monstros de intensas cores, pincelada rápida, grosa e agresiva. Unha obra que titula en alemán coa intención de crear a confusión e provocar ó espectador. En ?Die Grossen Krokodil?, un dos lenzos destes anos, apréciase o dinamismo do animal xerado a través dunha composición circular de intenso cromatismo. A figuración e o fondo do óleo están formados mediante o uso de escamas triangulares similares ás utilizadas, previamente, na serigrafía da Galería Sen de Madrid. O primitivismo da imaxe resultante e o seu agresivo dinamismo irradian enerxía e optimismo na súa contemplación. Esta serie será obxecto de exposicións polo territorio nacional.
Tras esta expresiva figuración, na década dos noventa, cambia a súa estética cara a fórmulas que entroncan co mundo da ilustración. Unhas obras máis lineais, nas que o debuxo é o protagonista, creando unha acusada liña de contorno chea dunha cor vibrante. Entre os primeiros lenzos desta serie atópase ?Autorretrato das neobáquicas?, cunha curiosa composición na que o personaxe levita ingrávido sostendo unha copa de viño, coroado dunha coroa de loureiro. A alusión a un universo máis narrativo ábrese con esta nova fórmula plástica. Unha nova estética que ten o seu punto de partida en bosquexos e coidados libros repletos de debuxos realizados á acuarela e ó gouache, que se mesturan entre escritos e ideas que o artista, minuciosamente, vai plasmando día a día. Estes detallados debuxos son o substrato do que xurde a maioría da produción do artista nos últimos dez anos. Trátase dunha pintura narrativa, persoal e de clave autobiográfica. Nela deposita Mauro Leivas as súas inquietudes, o seu inconformismo, a súa personalidade. O substrato é o mundo que o rodea peneirado a través do seu amplo e particular coñecemento persoal. Desde o punto de vista formal, os debuxos teñen un intenso compoñente kitsch ou, máis aínda, ?pompier?. É unha estética que se non fora pola ironía e a intensa carga social que leva implícita podería caer, parafraseando as palabras do autor, na ?maior vulgaridade?. Sen embargo, a mensaxe é de tal intensidade ou acidez, segundo os casos, que é necesario dulcificalo coa factura amable de fermosos xardíns románticos, profundas paisaxes abisais ou, incluso, desertos habitados por personaxes robóticos da Guerra das Galaxias. Un festival de imaxes a través do que brilla unha personalidade de desbordada creatividade que se mantén á marxe de tendencias, modas e mercados artísticos. É a pintura dun ?freelance? realizada coa intención de autosatisfacerse cun onanismo plástico que queda fóra de calquera espectador, ata que o propio Mauro decida transmitilo. É a obra dun creador nato que trata de manterse á marxe de tendencias e influencias externas. Psicoloxicamente inconformista, heterodoxo, libertario e defensor das súas crenzas, entre as que se atopa no respecto cidadán, a paixón ecoloxista ou a aversión pola hipocrisía e a inxustiza.
Por iso, os espectadores desta exposición do Concello de Cervo ?Fluxo e refluxo no mar da arte?, teñen a oportunidade de gozar de dúas obras que xurdiron dese maná reservado que sae ocasionalmente a la luz.
Nestas obras reflíctese e critícase, con altas doses de ironía, un mundo que se desenvolve ós eu arredor co que non está conforme. En ?Autorretrato?, acrílico presentado para esta exposición, a amorosa e amable imaxe de catro paxariños nun fío de telégrafo, ?tres unidos e un separado?, poñen de manifesto a intolerancia e a marxinación cara ás diferenzas. No políptico ?Homes ovella e illa dende o satélite? establécense diferentes mensaxes como o control ó que dunha maneira crecente está sendo sometida a humanidade, cada vez máis dirixida e alienada, ou a alusión a un hábitat que se destrúe a pesar da invención dunha complicada tecnoloxía de vixilancia.
Co cambio de século, Mauro Leivas concentra a súa creatividade cara ó mundo da arte electrónica. Son imaxes de síntese, vídeo se creacións multimedia. Unha produción que na actualidade está en pleno proceso de investigación.
Paralelamente a estes traballos dixitais, traballa de modo experimental en dúas series nas que predomina o debuxo e o collaxe. Unha delas créase na ambigüidade que proporciona a imaxe descontextualizada da historia. Son traballos para cuxo soporte utiliza papeis especiais ?papel fabricado a man, cartón fallero, etc.?, incidindo na importancia que ten para o artista as texturas e a fabricación artesanal. O contido dos debuxos incide en sucesos que se difunden polos medios de comunicación que mediante o recurso de separar a imaxe do contexto se crean ambigüidades paradoxais e, nalgún caso, sorprendentes. Tal é o caso do debuxo que recrea unha fotografía de prensa de Fidel Castro e o Che Guevara encarcerados en México, en 1956, no momento en que se visten para declarar ante o xuíz. Unha imaxe que, descoñecendo a súa procedencia, podo inducir a quen a contempla a unha percepción equivocada de contido sexual entre personaxes anónimos. Algo similar ocorre co debuxo que mostra a secuencia dun neno de curta idade chorando desconsoladamente e que alude ó escándalo producido nos medios pola fotógrafa Jill Greenberg coa súa exposición de nenos chorando, realizada na galería de Paul Kopeikin, no bulevar Wilshire, de Los Ángeles. Para conseguir o desconsolado planto, a fotógrafa deu primeiro ós nenos un caramelo que posteriormente lles quita. En certa forma, o propósito final podería contemplarse como unha metáfora sobre las consecuencias nefastas da política da administración Bush. Mauro recrea imaxes inspiradas na obra de Hill Greenberg, dunha maneira secuencial, a modo de cómic, dando unha nova lectura ó feito e establecendo unha reflexión sobre o mundo da comunicación e a súa interpretación pola sociedade occidental actual.
Outros debuxos desta mesma serie non teñen unha base ?histórica?, senón que son produto da imaxinación do artista que xoga coas mesmas fórmulas visuais que favorecen a confusión a causa dun fallo na maneira de emitir a mensaxe no proceso comunicativo que se establece entre o emisor e o receptor.
A serie ?Empanada de papel? tamén realizada nestes últimos anos ten un marcado compoñente construtivo no seu proceso creativo. Uns traballos nos que a artesanía fai acto de presenza na elaboración dun soporte consistente en varias capas de papel e poliuretano que confire ó material final unha textura mulida, confortable. Sobre este inusual soporte realízanse ?collaxes? de recortes de xornais, noticias, fotografías que se mesturan con imaxes creadas polo pintor. Nalgún caso, as fotografías de prensa son intervida se alteradas cunha intención especificamente provocadora. O resultado posúe un compoñente ?kitsch? acentuado tanto na textura e a brillantez da superficie debido ó verniz de acabado como na formulación compositiva final.
Comentarios (3) - Categoría: Xeral - Publicado o 22-04-2009 13:24
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
3 Comentario(s)
1 Noraboa a Mauro Leivas, por fín en Mondoñedo parece que se está recoñecendo a laboura da xente que tempos atrás eran rexeitados po la clase política e boa parte da sociedade mindoniense, gustaríame Fran que pudeses conque#blgtk08#rir unha copia de ese pregón para todos os que nos atopamos lonxe da terra e dende a rede poder disfrutar coas verbas de Mauro, graciñas anticipadas e de novo a miña felicitación mais sincera para o pregoeiro de este ano.
Comentario por Zalo (23-04-2009 02:14)
2 Moi boas Zalo, o xoves creo que estarei en Mondo#blgtk08#ñedo e tentarei conseguir unha copia do pregón.
Comentario por Fran Bouso (23-04-2009 10:45)
3 Ó Pregoeiro
(Mauro Leivas)

Bebendo airiños da aldea
nos Remedios ó pregoeiro
olleino coma un romeiro
cun canciño pola correa,
esculcando a recandea
no Campo dos Paxariños
entre os taboleiriños
dos curros das Feiras d´Abril,
para recoller o grácil
cunh#blgtk08#os óleos no lenciño.

Volta a musa...!. E rosmea,
pra que Mauro no turreiro
colla a gaita ou un pandeiro.
Cunha guapa ou cunha fea,
acaloumiñe a morea
destes versos mimosiños;
estro dos seus deboxiños
do rexurdimento baril
con coidado esprito xentil.

Comentario por Pepe de Noriega (28-04-2009 23:12)
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:

(Introduce o código da imaxe)
© by Abertal
Fran Bouso - Mondoñedo T.I.C.



Warning: Unknown: Your script possibly relies on a session side-effect which existed until PHP 4.2.3. Please be advised that the session extension does not consider global variables as a source of data, unless register_globals is enabled. You can disable this functionality and this warning by setting session.bug_compat_42 or session.bug_compat_warn to off, respectively in Unknown on line 0