Bo uso


A BITÁCORA DE FRAN BOUSO
Un blog aberto para falar desde Mondoñedo ou calquera outro lugar do mundo sobre Mondoñedo e as súas cousas ou sobre as cousas do mundo.



Fran Bouso

Crea tu insignia

O meu perfil
 CATEGORÍAS
 GALERÍA FOTOGRÁFICA
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES
 DESTACADOS

De banana azul e plátanos estériles
nº 89 2111/2017
LVG-AM

Ilustración: Antón Caxoto
Texto: Fran Bouso


A Banana Azul é unha megalópole descontinua europea que se estende desde o noroeste de Inglaterra ata Milán trazando unha liña curva imaxinaria semellante a un plátano -de aí o nome-. Neste territorio atópanse cidades e áreas como Mánchester, Londres, Bruxelas, Ámsterdan, Colonia, Frankfort, a Conca do Ruhr, Luxemburgo, Estrasburgo, Basilea, Zúrich, Milán e Turín. A tendencia tamén vai camiño que ir englobando nesta macroterritorio a París, Xénova, Mónaco e Niza. Se se preguntan cal é a característica unificadora de todas estas grandes urbes e rexións? Os xeógrafos cadran en que se trata dunha das maiores concentracións de habitantes, capital e industria do mundo, así se fixo saber nun congreso de especialistas celebrado en Dortmund hai dez anos. Eu vivín alleo -ou sen ser consciente desta realidade- ata hai cousa dun mes. Foi a xeógrafa e poeta Chus Pato a primeira que me falou do asunto durante os actos de entrega do Premio Mondoñedo10 de Poesía que se entregou nas San Lucas deste ano.

Poucos días despois, escoiteille a un amigo médico cuestionar as propiedades nutritivas dos plátanos que consumimos porque carecen de sementes e, polo tanto, son estériles. A conversa foi breve porque a noite xa ía longa e o frío metérasenos no corpo, pero o dato gardeino e, aos poucos días, indaguei sobre este particular. A miña sorpresa foi maiúscula cando me atopei con titulares en medios de comunicación de solvencia tales como ?O plátano, ao borde da extinción? ou ?A froita máis antiga do planeta Terra podería extinguirse en dez anos?. Dende mediados dos anos 60 do pasado século, a variedade de plátano máis consumida no mundo é a Cavendish despois de que o fungo Fusarium oxisporum provocara a práctica extinción do plátano Gros Michel. Pois agora o Cavendish parece que está a ter a mesma sorte que o Gros Michel ou Big Mike? porque se está vendo afectado por outro fungo que pon en perigo a súa supervivencia. Aínda por riba o que dicía o meu amigo médico vai resultar que é verdade, polo menos na parte referente ás sementes. Os plátanos que están nas cadeas de distribución na actualidade son híbridos de dúas especies, a Musa acuminata e a Musa balbisiana e durante a combinación xenética perderon a capacidade reprodutiva, agora as bananeiras reprodúcense por excisión a partir dun pedazo de toro ou de raíz.

Agardo que os habitantes das cidades que pertencen á banana azul non se vexan afectados por ningunha praga, nin que sofran de esterilidade, pero o certo é que a taxa de natalidade dos países nos que se integran é das máis baixas de Europa.

Está ben preocuparse por medrar, mellorar en calidade de vida, ser competitivos a nivel mundial, ter industria, postos de traballo... Pero non debemos esquecer nunca as funcións vitais de todo ser vivo: nutrición, relación e reprodución.

En Galicia nacemos preto de corenta e cinco mil pícaros no 1976, o ano pasado non chegamos aos dezanove mil nacementos o que fixo baixar a taxa de natalidade do 16,27 no 76 (11,39 na provincia de Lugo) ao 7,12 no 2015 (6,44 na nosa provincia). En Lugo provincia nacemos 4814 no ano 1976 e menos da metade (2085) o pasado ano. Pero non perdamos a esperanza, en Mondoñedo viñeron ao mundo dez bebés máis no ano 2016 que os 17 nacidos un ano antes. Iso si, o dato está moi lonxe dos rexistrados no ?babyboom? do 76 cando os nacemos 90 mindonienses.
Comentarios (0) - Categoría: O OUTEIRO DE MONDOFORTE - Publicado o 29-11-2017 13:05
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:

(Introduce o código da imaxe)
© by Abertal
Fran Bouso - Mondoñedo T.I.C.



Warning: Unknown: Your script possibly relies on a session side-effect which existed until PHP 4.2.3. Please be advised that the session extension does not consider global variables as a source of data, unless register_globals is enabled. You can disable this functionality and this warning by setting session.bug_compat_42 or session.bug_compat_warn to off, respectively in Unknown on line 0