Bo uso


A BITÁCORA DE FRAN BOUSO
Un blog aberto para falar desde Mondoñedo ou calquera outro lugar do mundo sobre Mondoñedo e as súas cousas ou sobre as cousas do mundo.



Fran Bouso

Crea tu insignia

O meu perfil
 CATEGORÍAS
 GALERÍA FOTOGRÁFICA
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES
 DESTACADOS

Fermín viaxa a Leningrado
Antón Caxoto
nº 42 13/12/2016 RV-AM LVG-AM día ILUSTRACIÓN: ANTÓN CAXOTO



Hai uns anos, o meu veciño Fermín de Arias estaba canso de estar en Mondoñedo. Entroulle a fame por coñecer mundo. Colleu un globo terráqueo que tiña no escritorio onde habitualmente facía os traballos do instituto, fíxoo xirar, pechou os ollos e parou o avance colocando o seu furabolos sobre a esfera. Abriu os ollos e mirou o que poñía ao carón da súa pegada: Leningrado.
Non o dubidou nin un segundo. Foise á cociña onde estaban Azucena e Manuel, os seus pais e contoulles que tiña a necesidade de ir a Leningrado. Despois de darlle moitas voltas, os pais non viron outra solución máis que darlle algúns cartos e prepararlle a maleta para que cumprira o seu desexo.
Á mañá seguinte, ben cedo agarrou os bártulos e colleu camiño cara Os Remedios, chegou a xunto de Rubiños e pediulle un billete para Leningrado.
-Ai filliño (unha expresión tamén moi empregada polo Porriño) eu non che sei onde queda iso! Se queres véndoche un billete para Lugo e alí xa amañarás.
Subiuse a un coche da Empresa Ribadeo ou de IASA (xa non lembro moi ben, en todo caso dalgunha das que foron absorbidas pola británica ARRIVA en primeira ou segunda instancia) e logo de percorrer boa parte das localidades da Chaira chegou a Lugo. Baixou do ómnibus e dirixiuse a unha das moitas xanelas que había daquela na descoidada estación de Autobuses capitalina.
-Déame un billete para Leningrado.
Ao encargado do despacho de billetes quedáronselle os ollos coma pratos, se fose hoxe igual non os abría tanto pois a empresa para a que traballaba, na actualidade, dispón de servizos de liña regular en países do leste e outros lugares do mundo. O bo do home vendeulle un billete para Madrid e rematou a conversa cun "e logo alí xa te amañarás".
Non foi curta a viaxe pola N-VI con varias paradas en lugares concertados onde o café subía unhas pesetas se se vía que o cliente proviña dun autobús.
E chegou a Madrid.
E agora que fago? -Pensou Fermín que levaba unha bágoa no ollo dereito e a punta do fuciño colorada-. Vou para a estación de tren, métome no metro, tiro cara o aeroporto...
O caso é que botou a andar e foi dar á estación de Chamartín ao cabo dunhas horas.
-Un billete para Leningrado -pedíu nun despacho de Renfe-
-Nuestros servicios alcanzan hasta París -contestou con voz de máquina un home de bigote que portaba un elegante uniforme-.
-Déamelo luego. Dixo o meu veciño.
Foise de alí sen que ninguen lle dixera aquelo de "e logo alí xa te amañarás", pero chegado a París amañouse ben. Non tardou en ir en autobús desde a estación de tren ao aeroporto, onde conseguiu billete para o seu destino non sen antes decatarse que ía cara San Petesburgo e non para Leningrado, pois ese topónimo xa era historia.
Chegou a San Petesburgo ou a Leningrado, se queremos que o seu propósito fose acadado ao cento por cento e estivo alí unha semana, dúas, tres, un mes... e cando se cansou baixou a unha axencia de viaxes que había na esquina da rúa onde se atopaba o hostal no que se hospedaba e pediu un billete para Os Muíños, ao que unha elegante señorita de melena rechamante respondeu: Para os de Arriba ou para os de Abaixo?.



Comentarios (0) - Categoría: O OUTEIRO DE MONDOFORTE - Publicado o 20-12-2016 19:40
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:

(Introduce o código da imaxe)
© by Abertal
Fran Bouso - Mondoñedo T.I.C.



Warning: Unknown: Your script possibly relies on a session side-effect which existed until PHP 4.2.3. Please be advised that the session extension does not consider global variables as a source of data, unless register_globals is enabled. You can disable this functionality and this warning by setting session.bug_compat_42 or session.bug_compat_warn to off, respectively in Unknown on line 0