Bo uso


A BITÁCORA DE FRAN BOUSO
Un blog aberto para falar desde Mondoñedo ou calquera outro lugar do mundo sobre Mondoñedo e as súas cousas ou sobre as cousas do mundo.



Fran Bouso

Crea tu insignia

O meu perfil
 CATEGORÍAS
 GALERÍA FOTOGRÁFICA
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES
 DESTACADOS

Guy Parbleu, halóxeno feirante
Antón Caxoto
Publicado en La Voz de Galicia - A Mariña
Domingo, 23 de outubro de 2016
Texto: Xe Freyre
Ilustración: Antón Caxoto



Moito tempo hai que non se deixa ver nas San Lucas Guy Parbleu, o alentiño azul que coa hoste sochantresca fatiga os camiños e as corgas de Bretaña. Digo Bretaña e non se me escapa que a estadea que vaga na patria de De Crozon ?maila merlinesca corte e a xente de acolá, feirante e menciñeira?, por moito que estean feitos da mesma materia coa que se tecen os soños, son tamén, e máis ca nada, parceiros todos eles da materia de Bretoña.
Por iso non é de estrañar que en chegando estas datas os habitantes daquel mundo e trasmundo, máis britoniense ca bretoñés, acudan en tropa á convocatoria sanluqueira. Cada quen ten as súas necesidades, mesmo os que, por deixar de ser quen, se supoñen libres delas.
Sobre as cabezas dos cabalos ás varas da carruaxe, Mamers o Coxo estrala a xostra para afalar as bestas. Galga a Corda a carroza dos defuntiños ó empardecer, e nas enfestas corredoiras que transita, as ferraduras do tiro levantan faisquiñas nos croios, que o halóxeno Guy, sentado no pescante para guiar no escuro, saúda ledo como a fútil parentela. Ó son dun solemne acompañamento de bombardino, no interior da carruaxe os viaxeiros vanse espindo das encarnaduras.
Na Farrapa detense a carroza na que viaxa a osada compaña. A recua de esqueletos descende parsimoniosamente e Mamers, no entanto, ceiba as bestas das varas, que se esfarelan sobre o chan como unha chuvia de poíños de rapé. ?Xa cumpristes, compañeiros?, pensou Mamers. ?Bo descanso?. E un ventiño que se ergue moi mandado esparce ó mundo as cinzas das bestas que un día foron preas.
Catando ó lonxe, no fondal e na escurada do val, adivíñanse os farois, fachos e candís que alumean as rúas e casas da cidade. Cun aceno elegante e coqueto, un esqueleto recompón no pescozo a boa. ?Lembrades?, pregunta, ?cando eu fun Xulieta?? Os demais defuntos asenten, non sen certa señardade, e miran tamén as luces da cidade, daquela cidade que xamais volveron a pisar desde a noite na que se desempeñaron como cómicos improvisados. Só o peidiño francés ten franca a entrada, pois el xamais foi cómico, non sendo senón de atrezo.
Cómpre estar moi atentos para advertir a presenza do sopriño de luz avanzando cara a cidade. Arrola a brétema a súa canseira polas rilleiras e apenas se dexerga que canda ela, agochada no seu ventre, eslima a tremelante luceciña. Na ponte de Ruzos Guy Parbleu saúda unha sombra que porta a súa propia cabeza na man. O saúdo é moi cerimonioso, con reverencia, como corresponde a tan distinguida, aínda que demediada, señoría.
É véspera da feira e o gando pernocta no Campo dos Paxariños. Estomballados sobre feixes de herba seca sonecan nun recuncho os feirantes, alleos ó vermiño de luz que enreda entre as que foron bestas, choutando nas súas illargas, escudriñando dentames, xogando a adentrarse nos cranios baleiros para derramarse logo polas ventas coma un luminoso espirro. Escintila tanto coma Guy Parbleu a carolina onza de ouro que pousa ós pés dun dos tratantes.
Pola empinada calzada, polo camiño real que conduce a onde a fúnebre compaña agarda para proseguir a viaxe, moi poucos, só os máis noctívagos, se decatarán de que ascenden lixeiros os esqueletos de dúas bestas. Unha moxena abaneándose na noite, un sopriño azul coma un vagalume guía na escurada o seu sonoro andar e asubía satisfeito do cabal que lle quedou o trato. É ben doado, xaora, se es o único feirante a quen non lle importa que o gando estea nos ósos.
Comentarios (0) - Categoría: Crónicas das San Lucas - Publicado o 08-12-2016 11:55
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:

(Introduce o código da imaxe)
© by Abertal
Fran Bouso - Mondoñedo T.I.C.



Warning: Unknown: Your script possibly relies on a session side-effect which existed until PHP 4.2.3. Please be advised that the session extension does not consider global variables as a source of data, unless register_globals is enabled. You can disable this functionality and this warning by setting session.bug_compat_42 or session.bug_compat_warn to off, respectively in Unknown on line 0