Bo uso


A BITÁCORA DE FRAN BOUSO
Un blog aberto para falar desde Mondoñedo ou calquera outro lugar do mundo sobre Mondoñedo e as súas cousas ou sobre as cousas do mundo.



Fran Bouso

Crea tu insignia

O meu perfil
 CATEGORÍAS
 GALERÍA FOTOGRÁFICA
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES
 DESTACADOS

SANTIAGO PERNAS, PINTOR E FOTÓGRAFO (Nº26 30/08/2016 RV-AM e LVG-AM)
Estes días atrás, visitando a uns amigos de Mondoñedo, puiden contemplar un cadro (paisaxe pintoresco) de Santiago Pernas Salazar que pertenceu á familia Cunqueiro e que foi restaurado por Juan Puchades. Este feito despertou interese en min por coñecer algo máis sobre a vida e a obra do citado pintor o cal me levou a saber que tal día coma hoxe, hai 65 anos, o 30 de agosto de 1951 finaba o fotógrafo e artista plástico mariñán Santiago Pernas.

Grazas ao impagable traballo investigador de Andrés García Doural sabemos que o pintor naceu en Viveiro o 3 de novembro de 1881 e que era fillo do capitán da Garda Civil José Pernas Díaz e de Ramona Salazar Martínez.

O ingreso dos seus irmáns, José e Jesualdo, no Seminario Santa Catarina de Mondoñedo en situación de alumnado externo motivou o traslado da familia Pernas a Mondoñedo. Foi na cidade da Paula onde Santiago desenvolveu as súas capacidades coma debuxante e pintor, destacaba xa de mozo nas especialidades de paisaxismo e retrato. A súa vocación era clara, pero pouco rendible polo que decidiu formarse na arte da fotografía.

En 1900 trasládase a Madrid, onde comeza a traballar de aprendiz no estudio dun fotógrafo alemán no que se facían principalmente retratos a destacados persoeiros da sociedade madrileña ou que por alí pasaba.

Oito anos despois regresa a Mondoñedo e, logo de casar con Generosa Moirón Paz en 1910, abre o seu primeiro gabinete fotográfico, o ?Modernista Pernas?, situado na rúa da Fonte.

A maior parte da súa vida familiar e profesional transcorreu no barrio dos Muíños de Arriba, nun inmoble que se derrubou para construír unha casa de nova planta dentro do proxecto ?Muíños 2002?. Tal e como se recolle na bitácora en liña Miscelánea Mindoniense ?Nesa vivenda naceron os seus fillos: Susana, Jaime, Jesualdo, José e Elvira e alí o fotógrafo desenvolve toda a súa arte pintando, dando clases de debuxo e fotografando a vida cotiá do seu momento?. Moitos dos decorados fotográficos empregados no estudo dos Muíños foron pintados polo propio Santiago e nese inmoble continuou o oficio de cámara o seu fillo, Pepe de Pernas.

Cando se estaba a proceder ao derrubamento da casa de Pernas vin desde debaixo da parra que adornaba a súa fachada miles de fotografías e negativos en celuloide e cristal tirados no chan polo medio dos escombros, afortunadamente tiven a lucidez e o vagar suficiente para ir ao Concello a comunicar a situación coa finalidade de que ese legado non se perdera.

A maior parte do material que se puido recuperar pasou a mans da fotógrafa Luísa Trigo que o dixitalizou, conservou, clasificou e expuxo ao público na fototeca integrada en Artesanía Os Muíños.

Segundo o portal cibor.org, no que se poden ver algunhas instantáneas de Santiago e Pepe, a colección Pernas consta de 300 placas de cristal de 15x10 cm. na súa maior parte fotos de estudo, de Santiago Pernas e case 3000 negativos en branco e negro de 35 mm., de José Pernas.

A paixón de Santiago Pernas pola pintura continua viva hoxe da man dunha das súas netas, Beatriz Fernández Pernas, residente en Gondomar (Pontevedra) quen traballa diferentes técnicas plásticas coma o pastel, acuarela e sobre todo o óleo sobre tea.




Comentarios (0) - Categoría: O OUTEIRO DE MONDOFORTE - Publicado o 31-08-2016 12:28
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:

(Introduce o código da imaxe)
© by Abertal
Fran Bouso - Mondoñedo T.I.C.



Warning: Unknown: Your script possibly relies on a session side-effect which existed until PHP 4.2.3. Please be advised that the session extension does not consider global variables as a source of data, unless register_globals is enabled. You can disable this functionality and this warning by setting session.bug_compat_42 or session.bug_compat_warn to off, respectively in Unknown on line 0