Bo uso


A BITÁCORA DE FRAN BOUSO
Un blog aberto para falar desde Mondoñedo ou calquera outro lugar do mundo sobre Mondoñedo e as súas cousas ou sobre as cousas do mundo.



Fran Bouso

Crea tu insignia

O meu perfil
 CATEGORÍAS
 GALERÍA FOTOGRÁFICA
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES
 DESTACADOS

A IMPRENTA EN MONDOÑEDO (nº15 14/06/2016 RV-AM e LVG-AM)
Pouco despois de que ao Mariscal Pedro Pardo de Cela lle cortaran a cabeza, logo de estar preso coa mítica Mariscala; no mesmo tempo no que os Reis Católicos remataban coa expulsión dos árabes da Península no nome dun deus e se facían coa beleza granadina e na mesma época na que Pedro Madruga, máis coñecido internacionalmente co nome de Cristóbal Colón, colonizaba un continente descoñecido para nós ata daquela, Mondoñedo xa tiña imprenta.

Diferentes investigadores apuntan, sen ser quen de precisar con certeza o ano, que a finais da década dos oitenta ou comezos dos noventa do século XV en Vilamaior de Mondoñedo xa eran quen de imprentar. Daquela época conservamos un exemplar, polo tanto un incunable por estar impreso antes do 1500, tirado no prelo mindoniense. Trátase do Incunable de Mondoñedo que leva por título Breve forma de confesión do que é autor Alonso de Madrigal, alcumado ?O Tostado?. Desta obra, consérvase un exemplar na Biblioteca e Arquivo Distrital de Évora (Portugal).
Do Incunable de Mondoñedo fíxose unha edición facsímil, cunha tirada de mil exemplares numerados, cincocentos anos despois da súa publicación orixinal. Estre traballo, que correu a cargo de Ignacio Cabano Vázquez e do mindoniense José María Díaz Fernández, foi editado pola Xunta de Galicia. Un exemplar da edición de 1995 está ao dispor do público na Bilioteca Municipal ?Pena Trapero? de Mondoñedo, ao igual que nas máis destacadas bibliotecas de Galiza.
Que Mondoñedo fose un dos primeiros lugares da Penísula Ibérica no que se empregaron as técnicas de impresión é un dato moi destacable, pero non o é menos que a día de hoxe siga en funcionamento unha Imprenta, a dos Sucesores de Mancebo. A imprenta Mancebo funciona ao carón da Paula desde 1870, na actualidade está rexentada por Fernando López e atendida con mestría por Reme e por Suso. Os impresores mindonienses traballan hoxe con métodos modernos coma o offset. A pesar de ir cos tempos, os Sucesores de Mancebo non abandonaron as técnicas de Gutenberg e continúan hoxe facendo encargos en tipografía.

Hai máis de vinte anos que se comezou a falar de crear un museo da imprenta en Mondoñedo, lugar no que hai unha rúa adicada a esta industria, polo de agora a idea aínda non se materializou. A administración local, tal e como se nos anunciou, está en trámites coas autoridades eclesiásticas para acadar os acordos pertinentes coa finalidade de abrir ese museo na Casa dos Coengos, agardo e desexo que desta volta as vontades conflúan e a iniciativa se faga realidade. De chegar a abrirse un museo da imprenta en Mondoñedo, non estaría de máis que na súa inauguración estivese exposto o Incunable de Mondoñedo.

Nos máis cinco séculos de historia da impresión en Mondoñedo cantos ?erros de imprenta? lle serían atribuídos? E deses que cantidade o serían de verdade?. Eu vou ser sincero, no artigo que publicaba no Outeiro de Mondoforte a semana pasada adicado ao Xico de Foz onde dicía 2013 en relación ao ano de pasamento do gardapraias, debería poñer 1993 e a gralla non pode ser atribuída a ningún tipógrafo, linotipista, nin tan sequera a un anano informático. O erro é meu.




Comentarios (0) - Categoría: O OUTEIRO DE MONDOFORTE - Publicado o 18-07-2016 12:58
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:

(Introduce o código da imaxe)
© by Abertal
Fran Bouso - Mondoñedo T.I.C.



Warning: Unknown: Your script possibly relies on a session side-effect which existed until PHP 4.2.3. Please be advised that the session extension does not consider global variables as a source of data, unless register_globals is enabled. You can disable this functionality and this warning by setting session.bug_compat_42 or session.bug_compat_warn to off, respectively in Unknown on line 0