Bo uso


A BITÁCORA DE FRAN BOUSO
Un blog aberto para falar desde Mondoñedo ou calquera outro lugar do mundo sobre Mondoñedo e as súas cousas ou sobre as cousas do mundo.



Fran Bouso

Crea tu insignia

O meu perfil
 CATEGORÍAS
 GALERÍA FOTOGRÁFICA
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES
 DESTACADOS

Falando cos veciños
Ía frío en Mondoñedo o día despois de Reis, pero esa noite non xeara. Como xa remataban as vacacións de Nadal e para ir entrando na dinámica de horarios canónicos decidín erguerme cedo. Ás sete e media da mañá xa estaba na rúa e o certo é que, de quitado o operario que conducía a máquina que limpa as rúas, eu era o único habitante visible, algo que me resultou preocupante posto que acababa de ler na edición dixital de La Voz de Galicia que Mondoñedo perdera 116 habitantes -censados- no último ano e case dez mil no último século -pensei eu ao tempo que lía os datos-.
Din un par de voltas polo centro ata que abriu o Central, o máis madrugador dos locais de hostalería, de sacado ?El Peregrino? -que todo o mundo coñece como ?O Fuxitivo?-. Entrei e Donald deixou de ler a prensa para facerme un café con leite grande e ben quente que acompañei cunhas ?madalenas?.
Despois de almorzar vin que xa había luz na sucursal do que outrora fora o Banco Pastor -xa sei que segue sendo de nome, pero xa non é o que era- e pasei por alí a amañar uns papeis. Nos postos que outrora ocuparan Manolo do Panadeiro, Eulogio do Carballés ou Chus a do Licho non había ninguén coñecido, e seguro estou que de Mondoñedo non era ningún, nin sequera -e diso tiven nova a posteriori- residen aquí. Digo isto do Pastor, pero o mesmo acontece cos demais bancos e o mesmo sucede cos traballadores das oficinas públicas que hai en Mondoñedo e o mesmo sucede coa maior parte do profesorado do Instituto e o mesmo sucede co...
Fun dando un paseo ata o pé da Igrexa dos Remedios, onde me atopei cuns amigos, Toñito da Carnicería e Germán, o municipal, cos que estiven botando unha ?parrafada? antes de coller cara abaixo de novo.
Ao pasar o Porriño, xa vin a Luis de Fermo con Javier da Mecánica diante da casa de Puchades e dixen para min: ?teño leria para rato?, e así foi.
-Pero logo non se traballa hoxe?-Me dixo Luis. Non deixou que rematara a miña resposta cando xa me estaba explicando que morrera Juaquín Milán del Bosch e que había que facerlle unha homenaxe a Ricardo Pedreira ao tempo que me empuxaba escaleiras arriba pola casa de Alicita Villamarín. Cando me din conta da situación xa estabamos sentados á mesa Xosé Ruiz Leivas, José Chao, Puchades, Alicita, Luís e eu, pouco despois chegaría a Sanluqueira do ano pasado, Ester Otero. Antes de que me dera tempo a abrir a boca xa me tiñan encargado presentar a homenaxe, escribir un texto para esta edición do xornal ?Mondoñedo? -?pouca cousa: un par de folios, ou tres...?- e dar a coñecer aos medios de comunicación a celebración da homenaxe a Ricardo Pedreira e os pormenores dos actos.
Sooume o teléfono e foi a miña salvación para darme despegado de Fermo, que xa me quería levar ao Concello para falar con Orlando, o Alcalde sobre este asunto.
Ao saír á rúa atopeime con Isidro, o xastre. Comenteille o da homenaxe a Ricardo Pedreira e enseguida me dixo: ?Sonche moi boa xente, eh!. Eu aprendín o oficio co pai, que tamén se chamaba Ricardo, un home que estivera emigrado en Cuba, alí traballaba nunha gran empresa, algo así como El Corte Inglés de aquí. Un home moi intelixente e esa intelixencia tamén a herdaron os seus fillos. Sonche moi listos, tanto Ricardo coma os irmaos: Gilberto, que morreu, que estaba en Madrid no Ministerio de Educación; Manolo, que tivo durante moitos anos un cargo moi importante en Central Lechera Asturiana...?. ?Pois paréceme moi ben? -me dixo Isidro- ?Paréceme moi ben que se lle faga unha homenaxe a este home, porque el leva feito moito por Mondoñedo. Eu tamén tiña que ir á reunión esa, pero tiven xente na tenda e non me foi posible. Agora quedei con Luís de Fermo para ir falar con Orlando deste tema?.
Xa que Isidro tiña apuro, seguín pola rúa abaixo e entrei na ?Alianza? a comer un par de cañas acompañadas dun vaso de auga da billa. Alí estaba Pablo da Confitería co que empecei a falar. Despois de darlle a volta a varios temas saíu o da Homenaxe a Ricardo. ?Recordo eu -dicíame Pablo- cando nos xuntamos aquí mesmo [na Confi] para comprar os terreos para o campo de fútbol [o Viñas da Veiga]? (...) ?Eles [por Ricardo e Manolo Pedreira] non estaban porque claro, vivían en Oviedo, pero tan axiña como tiveron noticia do asunto puxeron cento cincuenta mil pesetas enriba da mesa, que para aqueles tempos eran moitos cartos. Meu primo [por Florentino] tamén puxera cincuenta mil pesetas e quen máis e quen menos, tivera máis ou tivera menos foi poñendo algo: ninguén menos de mil pesetas. Digo esto porque por aquela época na Coruña fixeran algo parecido para mercar os terreos de Riazor e os bares da zona daban a cen e a duascentas pesetas (...).
Tamén me falou moi ben Pablo de Gilberto, o irmao maior dos Pedreira: ?Daquela que se puxo en marcha o comedor escolar do Grupo, estabamos na asociación de pais Puchades e máis eu, e non había ?menaxe? nin ningún tipo de material para darlle de comer aos pícaros e chamamos a Gilberto, que estaba no Ministerio de Educación e non tardou en vir material para o colexio de Mondoñedo. Fíxate ben: había catro cortafiambres para repartir por toda España e unha desa máquinas veu parar a Mondoñedo?.
Xa se ía achegando a hora de xantar e collín camiño cara Os Muíños, por diante da Biblioteca cruceime con Marisa de Benito a quen saudei, pero non me debeu escoitar que non me contestou: vai maior a muller.
Desde o alto das escaleiras da praza da Catedral vin a José Luís de Fortunato falando cun home a carón dun coche e decidín ir saudalo e comentarlle o da homenaxe a Ricardo. Cando me ía achegando, vin como os dous interlocutores que tiña no meu campo de visión remataban a conversa. José Luís camiñou cara min e o outro meteuse no coche. Logo das pertinentes felicitacións polo ano novo, dinlle a nova e inmediatamente interrompeume para volver falar co home que se acababa de subir ao coche. Enseguida entendín a situación: ?Pues menos mal que me lo comentas porque acababa de fijar una cita con ese señor precisamente para el sábado 26 y ya aproveché el momento para cambiar la fecha, porque yo al homenaje de Ricardo Pedreira no puedo faltar, es un MINDONIENSE?.
Seguín camiñando e pensando e dándolle voltas ao que me foron contando de Ricardo Pedreira e da súa familia e, sobre todo ao que dixo José Luís de Fortunato: un MINDONIENSE. É que ser un mindoniense non che é calquera cousa, pero un MINDONIENSE...
Nos tempos nos que estamos, nos que imperan os mercados, o capital e por tanto a lei da oferta e a demanda, ser mindoniense da moito valor, porque como xa dicía ao inicio deste relato: Cada vez somos menos, pero bos.
Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 01-02-2013 18:55
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:

(Introduce o código da imaxe)
© by Abertal
Fran Bouso - Mondoñedo T.I.C.



Warning: Unknown: Your script possibly relies on a session side-effect which existed until PHP 4.2.3. Please be advised that the session extension does not consider global variables as a source of data, unless register_globals is enabled. You can disable this functionality and this warning by setting session.bug_compat_42 or session.bug_compat_warn to off, respectively in Unknown on line 0