Bo uso


A BITÁCORA DE FRAN BOUSO
Un blog aberto para falar desde Mondoñedo ou calquera outro lugar do mundo sobre Mondoñedo e as súas cousas ou sobre as cousas do mundo.



Fran Bouso

Crea tu insignia

O meu perfil
 CATEGORÍAS
 GALERÍA FOTOGRÁFICA
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES
 DESTACADOS

Manuela Rey, a muller lirio

No Teatro D. María II de Lisboa brillou como ningunha a estrela rutilante desta actriz que naceu en Mondoñedo en 1842 e morreu, cando o éxito máis lle sorría, con tan só 23 anos.

De Mondoñedo a Lisboa

Debuxo Manoela Rey Retrato de Pastor (1904)Nun libro titulado ?Manuela Lopes Rey?, o nº 3 da colección Os Contemporaneos, editado en Lisboa probablemente en 1867, dise que naceu en Mondoñedo o 24 de outubro de 1843. En realidade, e así consta no rexistro da parroquia de Santiago de Mondoñedo, chamábase María Manuela Ramona Rey González e naceu o 1 de outubro de 1842, tal e como xa nos descubrira D. Gamallo Fierros en 1960.

Segundo o texto de Os Contemporaneos, cando a pícara ten entre 4 e 5 anos pasa por Mondoñedo unha compañía dramática itinerante que se hospeda na fonda onde a nai de Manuela, unha viúva cercada de dez fillos, traballaba. A meniña conquistaría a estima dos comediantes, e estes propoñeríanlle á nai que llela cedese en adopción.

O apelido ?Lopes?, ao entender da Grande Enciclopédia Portuguesa e Brasileira, era o da súa nai adoptiva.

A faranduleira

Puido comezar así a vida nómade de Manuela, a carón dunha familia postiza, cun pai cariñoso pero cunha nai desafecta. Só unha muller vella lle amosaba o cariño dunha auténtica avoa.

Dise que aos 6 anos xa recitaba versos no escenario e facía pequenos papeis. Aos 8 representa na cidade de León a obra ?O Gaiato de París?, e aos 9, estando en Palencia, morre o pai adoptivo, e un fillo da vella que lle facía de avoa (ao que Manuela chamaba tío) casa coa viúva e convértese no seu titor.

A compañía entra en Portugal por Valença, Chaves, Bragança ? mais seguen as desgrazas. Estando na Régoa morre a avoíña, D. Dolores. Logo viría o deambular por Viana, Ponte de Lima, indo e vindo, collendo oficio. A saúde éralle esquiva, agora por febres intermitentes.

No Porto non tiveron éxito e a compañía disólvese. O seu titor viaxa a Lisboa e leva a Manuela canda si.


Outra versión dos primeiros anos

Gamallo Fierros desmente en parte, en artigos publicados en El Progreso o 9 de outubro e o 19 de novembro de 1960, esta versión. Transcribe a partida de nacemento, que confirma que tivo lugar o 1 de outubro de 1842. Era filla de Andrés Rey Expósito e de Francisca González, entón solteiros, veciños de Pradela, na Rilleira de Trigás, un lugar que pertence hoxe á parroquia de San Vicente. O seus pais casan o 11 de febreiro de 1843, e de aí en adiante van nacendo ata 7 irmáns máis: Dominica (1844), Rosa (1846), Bernardo (1848), Filomena (1851), Manuel (1854), morto axiña, outro Manuel (1856) e María (1860).

Imaxina Gamallo que Manuela aínda andaría por Mondoñedo aos 10 anos, e que logo emigraría a Portugal. Supón que en 1856 xa estaría en Lisboa, fose cal fose a maneira ou o motivo polo que marcha de Mondoñedo. Apunta Gamallo que Cunqueiro (por tanto, Cunqueiro soubo da existencia de Manuela) lle expresara verbalmente a opinión de que puidera terse ido para Lisboa como asistenta con alguén da familia Barro de Viloalle. De momento, outra imaxinación, neste caso de Cunqueiro.

Manuela en Lisboa

Segundo o historiador J. César Machado, quen tivo a fortuna de asistir como espectador á súa estrea como actriz, Manuela Rey chega en 1856, con 14 anos, a Lisboa da man do seu pai, formando parte dunha compañía de teatro ambulante. En Lisboa comeza recitando en español no Teatro do Salitre no drama O Filho do Cego. Fai de menino e conquista xa entón o favor do público.

Actúa en Setúbal, fai probas para o Teatro de San Carlos, declama en español e portugués ata que membros do consello dramático consideran que ? a hespanhola? ten algo; un don.

Duarte Cardoso de Sá dálle leccións de educación gramática e de lingua portuguesa, e axiña é contratada polo Theatro D. Maria II, onde estrea con éxito o 23 de novembro de 1857 a comedia A alegria traz o susto. O primeiro papel, sen embargo, ía ser o de ?María? na obra Frei Luiz de Sousa, pero ao morrer o actor principal, houbo que suspender.

Theatro Dona María II.

O pouco que gaña Manuela entrégallo á familia. Viste pobremente e peitéase peor. Cando representa a obra Os homens sérios tivo que empeñar o colar de ouro que lle deixara en herdo a avoa para poder mercar a roupa e os aderezos necesarios para as representacións.

Pouco a pouco vai gañando prestixio. En 1859 xa figura nunha listaxe de biografías de actores e actrices destacados de Portugal e Brasil que se ía publicar baixo o título ?Galería artística? da autoría do propio Machado, Andrade e Ferreira.

Neste mesmo ano, polo outono, Manuela Rey lidera unha reclamación polémica ao solicitar do Teatro Nacional un pago mensual de 72 mil réis, unha nómina moi considerable para a época e para ela mesma, tendo en conta que tan só era unha promesa.

Tamén en 1859 recita por primeira vez, nunha sociedade dramática, unha poesía en portugués: Eu pobre donzella, na aurora da vida / já tenho tragado mil gotas de fel ?

Aos poucos vai conquistando ao público en papeis menores, de ?ingênua?, ata que a partir de 1864 van chegando outros máis importantes en obras como Os Fidalgos do Bois Doré, Fogo no convento, Vida de um rapaz pobre, Nobres e plebeus ? xunto a actores e actrices de moito renome na época: Rossa, Theodorico, Tasso, Emilia das Neves ou Soller.

Amores e desamores

Ao parecer era alta e elegante, de pé pequeno, ollos entre verde e azul, cabelo entre louro e castaño, fermosa ?loura musa de escena-; un tipo de beleza e elegancia nunca visto. De ollar vivísimo, o leve encrespar da fronte, ?a prega eloquente dos cantos da boca, o ar ora triste, ora inocentemente alegre, o aroma de juventude e de poesia, a força e a graça daquele talento peregrino?.

En 1865 o escritor dramático J. A. Correia de Barros e o xornalista Francisco Serra, bátense en duelo por ela.

Pero antes, moitos antes, en Lisboa prendeu insistente o rumor de que o rei Pedro V, antes de casar coa princesa Estefanía de Hohenzollern-Sigmaringen, sentíu grande debilidade pola actriz e mesmo a quixo condecorar coa medalla da Orde de Santiago.


Escritora, pensadora

Manuela, ademais de actriz, escribiu algunhas obras como a comedia titulada A actriz e a o proverbio Por este deixarás pae e mãe, disque nun estilo elegantísimo. Atopáronse capítulos truncados de romances da súa autoría; tamén cartas, escritos filosóficos e apuntamentos autobiográficos. Neles percíbese a sensibilidade dunha muller aflixida cando se lamenta de non ter gozado da infancia nin das alegrías do corazón. Ou cando bota en falta o afecto maternal, ou un namoramento fallido, e ata reflexións arredor do feito de ser muller e de que os homes non comprendan: ?Cegos que a não consideram como metade da sua alma senão como precisa á sua vaidade e aos seus caprichos ?Para ao outro dia se afastarem d?ella como se desviariam dun lamaçal, não se lembrando que días antes eran elles propios que jubilosos se engolphavam n?essa lama?

A morte

En decembro de 1865 aínda brillaba no escenario. A principios do 1866 intervén en Um cura de almas, e recita, coa palidez no rostro, o poema Primeiros Amores de E. Vidal. Xa ten febre. O 5 de febreiro dá un paseo polo Jardim da Estrela e ao regreso séntese peor. O día 8 encamou. O 26 de febreiro sobre as 6 e media da tarde morre na Praça da Figueira, 46, 3º andar. Acompañábana naquela hora amigos poetas e actores.

O funeral tivo lugar na igrexa de San Domingos, e o seu corpo foi soterrado no Cemiterio dos Prazeres no espazo reservado pola Associação dos Socorros Mútuos dos Actores Portugueses.

Só os funerais do rei don Pedro V e os do gran orador José Estevão, desaparecidos cinco e catro anos antes, poderían comparárselle en número de acompañantes.

Elegancia, talento e graza singular; rara, encantadora actriz. Unha das mellores crónicas da súa morte, de alto contido literario, fíxoa o escritor Ramalho Ortigão para a Revista do Porto. No ?Diccionario do theatro portuguez? dise que foi das máis ilustres artistas. Ernesto Marecos escribiulle unha sentida elexía fúnebre titulada Coroa de Perpétuas.


A muller lirio

Foise na tardiña do 26 de febreiro de 1866. Matouna o tifo e unha curta e intensa vida chea de penalidades e mala saúde. Manuela Rey, ?notabilidade dramática?, a mellor actriz que tiña o teatro nacional portugués daquel entón contaba tan só 23 anos. Elegancia, talento e graza, xunto coa fermosura que se reitera en cada crónica, convertérona nun mito.

César Machado, o gran historiador do teatro portugués, dixo dela que era ?mulher lírio? e o seu mal fado quixo que o seu derradeiro recitado diante o público (4 de xaneiro de 1866), un poema de E. Vidal, comezase sí: O lyrio desponta e cresce / á luz da manhã que assoma /tudo é viço e tudo aroma /n?aquella graciosa flor.

A sú carreira foi ?rápida e brilhante?. O público adorábaa. Morreu? Non morreu; disipouse coma un relampo!

©Antonio Reigosa

Artigo publicado en ?El Progreso? (2 de xaneiro de 2016)



Comentarios (0) - Categoría: Cousas (con perdón de Castelao) - Publicado o 09-10-2016 16:29
# Ligazón permanente a este artigo
Conversas de cabalos
O mércores ao rematar o Pregón fun na compaña de Miguel Souto e outros amigos probar a carne de poldro galego ao Bar-polbería ?O Bigotes?. Eu, que son moi mirado para as cousas de comer non puxen reparos en probala pois a pinta era exquisita. O certo é que estaba moi boa e que ten moitas posibilidades culinarias tal e como nos demostrará a cociñeira Rocío Rodríguez Caramés no Showcooking do sábado combinándoo con fabas de Lourenzá e queixo de San Simón.
Estabamos escoitando aos Satélites na Alameda dos Remedios e empecei a notar un proído por todo o corpo que non tardou en desaparecer, non lle din a maior importancia pois é algo que me acontece con relativa frecuencia cando como determinados produtos como gominolas que leven azucre.
O cansanzo xa se apoderaba de min e decidín marchar para a casa non sen antes pasar pola Sala que festexaba o seu trixésimo aniversario. Pero unha vez na cama volvín notar o proído e unha sensación estraña no corpo que non me permitía durmir. Empecei a escoitar voces nada coñecidas e pensei que xa andarían moitos quendeiros polos Muíños, pero cada vez ían a máis. Mirei pola ventá e vin como subían pola Rúa San Roque reas de cabalos en dirección ao Campo dos Paxariños e pasóuseme pola cabeza a posibilidade de que os estaba escoitando falar, digo falar e non rinchar. Pero os cabalos continuaron o seu camiño e o silencio volveu a apoderarse do barrio. Non tardei en coller o sono.
Ao día seguinte, o Día Grande das Quendas erguinme ben cedo para poder ir dar unha volta pola feira antes de cumprir coas miñas obrigas no programa ?Mondoñedo é poesía? e cando me ía acercando ao Campo dos Paxariños volvín escoitar aquelas voces descoñecidas que falaban agora cunha cadencia máis tranquila que a da noite anterior como a de parentes ou amigos que se atopan logo de non verse en moito tempo e se contas as novidades.
Entrei no campo da feira e descubrín que aquelas voces eran dos cabalos que alí estaban. Nun principio era incapaz de entender nada pero ao pasar polo seu lado fun comprendendo perfectamente tódalas conversas.
Escoitei a un cabalo de pelo marrón claro comentarlle a outro negro que na zona onde vivía fixeran unha estrada moi ancha pola que pasan os coches e camións a moita velocidade. Axiña me din conta de que era un cabalo do Campo do Oso, do Fiouco ou de Curros e do que falaba era da A8.
Quixen entrar na conversa pero enseguida me decatei de que eles a min non me entendían (ou, se cadra, me ignoraban), daquela dediqueime a escoitar con atención. O cabalo marrón chamábase Albino e de vez en cando queixábase das feridas que lle causara una tranca que o seu dono xa lle sacara hai tempo. O outro cabalo era da zona de Estelo e non tardou en entrar na conversa un terceiro équido, un pura sangue español de porte elegante que lles falou da súa viaxe desde Brión. Este último chamábase Rulfo, traballaba nun picadeiro brionés e esa mesma mañá desprazárase ata Mondoñedo no remolque do todoterreo do seu dono. Comentaba que a viaxe fora estupenda, pero que ao chegar á Xesta o condutor despistárase e pasárase o primeiro enlace a Mondoñedo pola N-634 e que colleran a segunda, supuxen eu que se refería á que enlaza coa LU-124, dixo que ao abandonar a autovía que empezara a marearse con tanta curva e que ata houbo un momento no que viu perigar a súa vida e a do seu dono porque nunha curva colleron grava e que o coche e o remolque empezaron a facer estranos na estrada.
Comentaba Rulfo que días atrás estivera no picadeiro onde traballa un profesor da USC natural de Celanova que dixo estar casado cunha rapaza de Mondoñedo (decateime de que se querían os cabalos a min podíanme entender, pero estaba claro que me ignoraban). Cando estaban dando un paseo escoitara como o profesor universitario lle comentaba ao seu acompañante cousas sobre os accesos desde a Autovía do Cantábrico a Mondoñedo, en concreto dicíalles que o que mellor poderían ter feito e que aínda se pode facer é un enlace á altura do Monfadal.
Cando a conversa se estaba a poñer máis interesante volvéronme os proídos e pouco a pouco as voces dos cabalos fóronse convertendo en rinchos. Parecíame un desperdicio non escoitar os animais polo que fun de novo ao ?Bigotes? a ver se había algunha ración de carne de poldro para catar, pero o tempo botábaseme encima e tiven que ir para a Casa do Concello á recepción dos poetas que participaron en ?Mondoñedo é poesía?.
Terei que probar de novo a carne de poldro a ver se realmente a súa inxesta despertan en min a capacidade de escoitar ao cabalos. Se iso sucede xa llelo contarei.

Esta historia foi publicada en La Voz de Galicia - A Mariña nas Quendas de 2014.
No enlace de abaixo pode lerse unha continuación que publicou no mesmo medio no outro dese ano.

Conversas de cabalos nas San Lucas
Comentarios (0) - Categoría: Cousas (con perdón de Castelao) - Publicado o 07-09-2016 23:38
# Ligazón permanente a este artigo
Ó Pregoeiro (Mauro Leivas)

Pepe de Noriega remítenos este poema adicado ao Pregoeiro de "As Quendas" 2009, Mauro Leivas. Desde Bo uso damos as grazas ao poeta-estudioso-mindoniense-blogueiro autor da composición.



Bebendo airiños da aldea
nos Remedios ó pregoeiro
olleino coma un romeiro
cun canciño pola correa,
esculcando a recandea
no Campo dos Paxariños
entre os taboleiriños
dos curros das Feiras d´Abril,
para recoller o grácil
cunhos óleos no lenciño.

Volta a musa...!. E rosmea,
pra que Mauro no turreiro
colla a gaita ou un pandeiro.
Cunha guapa ou cunha fea,
acaloumiñe a morea
destes versos mimosiños;
estro dos seus deboxiños
do rexurdimento baril
con coidado esprito xentil.



Pepe de Noriega
Comentarios (0) - Categoría: Cousas (con perdón de Castelao) - Publicado o 29-04-2009 16:46
# Ligazón permanente a este artigo
© by Abertal
Fran Bouso - Mondoñedo T.I.C.



Warning: Unknown: Your script possibly relies on a session side-effect which existed until PHP 4.2.3. Please be advised that the session extension does not consider global variables as a source of data, unless register_globals is enabled. You can disable this functionality and this warning by setting session.bug_compat_42 or session.bug_compat_warn to off, respectively in Unknown on line 0