Bo uso


A BITÁCORA DE FRAN BOUSO
Un blog aberto para falar desde Mondoñedo ou calquera outro lugar do mundo sobre Mondoñedo e as súas cousas ou sobre as cousas do mundo.



Fran Bouso

Crea tu insignia

O meu perfil
 CATEGORÍAS
 GALERÍA FOTOGRÁFICA
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES
 DESTACADOS

Bouso e Perrón nas San Lucas

Publicado en La Voz de Galicia - A Mariña
Luns, 19 de outubro de 2015
Texto: Fran Bouso
Ilustración: Caxoto




A mañá estaba resultando moi animada e a afluencia de público era masiva, non se podía agardar menos cadrando o día principal das feiras en domingo. Polas rúas, literalmente, non se andaba, avanzábase por fricción.

Estaba facendo intentos para entrar na alameda cando vin pasar correndo, ben, á velocidade que a multitude permitía, a Modesto. A intuición fíxome tirar detrás del.

Achegándose como podía pola travesía, avanzaba unha ambulancia e non tardei en ver a Modesto facerlle acenos para indicarlle algo.

Os técnicos do transporte sanitario baixaron a padiola de rodas do vehículo e, coa axuda de Modesto, foron abrindo paso entre a xente para finalmente chegar a unha cantina das que despachan polbo.



Eu, que me sumara á misión de abrir paso, cheguei ao tempo que os sanitarios ao lugar indicado por Modesto e tan axiña coma cheguei xa o recoñecín. Estaba pálido, inmóbil, tal cal parecía que xa iniciara camiño cara o outro mundo, era Bouso de Prado.



Os rapaces da ambulancia coa axuda dalgún dos presentes subiron a Bouso na padiola e nese intre apareceu como se fose chamado Perrón de Braña.



Perrón comezou a falarlle a Bouso e os sanitarios iniciaron a marcha cara a ambulancia. Ao tempo que Perrón falaba, Bouso collía color.



Perrón pediulles por favor aos da ambulancia que lle permitisen examinar aquel home, algo ao que os técnicos de transporte sanitario non accederon, pero como o avance era lento, Perrón, como podía foi masaxeando na cabeza a Bouso de Prado. Antes de que saíran da alameda, Bouso xa revivira por completo.



-A ver Bousiño, xa vas mellor?, preguntou Perrón.

-E logo que pasou?, inquiríu Bouso.

-Foi o oso ese que che da problemas, contestou o de Braña.



Bouso abandonou a padiola sen facer caso aos sanitarios e convidou a Perrón a unhas racións de polbo no mesmo chigre no que lle fora mal.
Comentarios (0) - Categoría: Crónicas das San Lucas - Publicado o 18-09-2016 17:29
# Ligazón permanente a este artigo
Diz da Grota
Ilustración Antón Caxoto
Publicado en La Voz de Galicia - A Mariña
Domingo, 18 de outubro de 2015
Texto: Antonio Reigosa
Ilustración: Caxoto


Segundo a avoa, este Diz viviu na casa da Grota de Zoñán cunha besta chamada Benta. Algunhas noites viña pola casa. Petaba na porta, tres golpes secos, cadenciosos, entraba e sentaba tras da cociña.
A avoa achegáballe unha cunca de caldo quente e un cacho de pan, e logo agardaban a que rematase de papar a comedela por se lle apetecía contar algunha historia.
?A última vez que o vimos ?dixo mamávella? andaba obsesionado coa fin de mundo. Irán os homes polo aire ?dicía? como paxaros. Haberá lumes. Morreran ao nacer as criaturas. Veranse caer fachas cada noite ? E tras mil agoiros e desgrazas púxose de pé, deu as boas noites e dixo: Quen me dera probar como é iso de voar!
Foi o último que lle oíron; non o volveron ver. Desapareceron el e a besta coma se os tragase a terra.
A memoria de Diz esvaeceu, a casa derruíuse e ninguén se acordaría máis del se non existise o día 9 de agosto de 1980.
Celebrábase en Mondoñedo un campionato de voo sen motor. A expectación era enorme. Milleiros de persoas contemplaban a proba nocturna na que uns voadores iluminados con bengalas descendían desde o curuto do Padornelo ata o campo de fútbol.
Todo sucedeu nun relampo. Un daqueles paxaros perdeu a bengala e, ao caer, o resplandor delatou a presenza dunha estraña figura. Un home montado nunha cabalaría, ambos pendurados dun aeroplano, daban voltas en círculo sobre as nosas cabezas.
A bengala, por certo, acabou prendéndolle lume ao monte pola parte de San Carlos.
Algún tempo despois, cando estabamos gardando os cabalos no campo dos Remedios a noite véspera do día grande das San Lucas do ano 1980, pasou algo, e foi que, de repente, os animais agreáronse e comezaron a dar couces e dentadas a algo que debía estar no medio deles.
Que lles pasaría!
Axiña vimos descender un home pendurado nun planador que. antes de pousar no chan no medio das cabalarías, xa comezou a ascender. E debaixo del, entre as pernas, levaba unha besta que semellaba rir de contento.
Canda llo contei á avoa, díxome:
?Pois, que casualidade. Foi polas San Lucas cando notamos a falta de Diz e a da súa besta! Era o ano 45, acórdome ben, que foi cando casamos teu avó e mais eu!
Trinta e cinco anos! Dá que pensar, penso eu agora.
Comentarios (0) - Categoría: Crónicas das San Lucas - Publicado o 18-09-2016 17:25
# Ligazón permanente a este artigo
Como vai o mundo?
Ilustración Antón Caxoto
Publicado en La Voz de Galicia - A Mariña
Sábado, 17 de outubro de 2015
Texto: Francisco Piñeiro González
Ilustración: Caxoto





- Viñera de Noia e aló vai, en Segovia!- dixo meu pai, moi amolado, cos ollos en bágoas pero orgulloso daquel cabalo. - Tres anos eh! Tres anos! -indicaba cos dedos das mans - tres anos o levei ás feiras de As San Lucas e voltamos xuntos para a casa porque separarnos non vos foi doado...! Xuntos fixemos historia e agora mandeino preso, para Segovia! - repetía anoxado, apartando con rabia o embutido que a el máis lle sabía, o salchichón de Cantimpalo.
Agora o entendo. Anque daquela eu era un neno xamais se me esquece a mirada de esguello por entre os barrotes do camión onde o ataban os ?Outros feirantes?, como diría Cunqueiro, a quen, por certo, coñecera nos Xiros, xa había bastante tempo. D. Álvaro camiñaba coas mans no carrelo cara a Pedrido onde tiña por costume parolar con Carmiña do Canelo e, na encosta, detívose para admirar aquel cabalo ceibo, sen ramal, que aterraba nas patacas atendendo a tódalas ordes, sen fallar. Isto levouno a imaxinar que se podía tratar da reencarnacion dun cabalo dos seus relatos e preguntou: - Como vai o mundo?
Meu pai que era galego xa escocido ergueu as pestanas sen quitar o ollo do rego.
- O cabalo dá gloria velo ? insistiu Cunqueiro. Chámase Moro e Alberte Merlo é o seu dono.
- Oia, non soñe! ? contestou meu pai exaltado . ? A ver se vai entendendo que os de Xan Merlo son de San Paio e nós somos do Reguengo! Como se vai chamar Moro un ruán con tres mans brancas igual ca estrela da testa! Entende por Lindo.
Certamente, era Lindo, obediente, sufrido e tan coñecido polas xentes de San Lázaro, O Couto, Valoría, a do barrio dos Muíños, e por todos cantos comían das terras por el labradas con humildade nos arredores da ?vila? con título de cidade. Moitos deles, cando o viron por primeira vez no Campo dos Paxariños botaron as mans á cabeza dicindo: ?Imos mal?. ?O arado en folga, baleira a alforxa?
Os máis aquelados mandaron recados ás autoridades para que se personasen na feira do gando e tomasen as medidas de prevención ou remedio que evitasen a previsible morte do mundo rural mais non houbo sorte, aos gobernantes coincidialles fatal; pillounos coas mans nun asunto moito máis gordo, deses que dá vergonza allea vendo que o polbo se acaba e non chegarmos ao acordo de como repartirmos a derradeira tallada.
Eu non sinto vergoña pois daquela era un cativo mais debo recoñecer e así o escribo que cada dezaoito de outubro D. Álvaro Cunqueiro mailo cabalo de Alberte Merlo agardan por min na feira de As San Lucas e na súa compaña sempre lembro en nunca esquezo aquela ollada de esguello que o meu Lindo me espetou por entre os barrotes daquel camión que o levou de Mondoñedo . Talvez por iso o resto dos días do ano, xusto cando me esperto, marco ao chou un teléfono e a quen lle tocou envíolle o mesmo saudo : - Como vai o mundo?
O máis incrible da historia é que sempre me responden desde Segovia!
Comentarios (0) - Categoría: Crónicas das San Lucas - Publicado o 18-09-2016 17:16
# Ligazón permanente a este artigo
[1] [2] [3] 4
© by Abertal
Fran Bouso - Mondoñedo T.I.C.



Warning: Unknown: Your script possibly relies on a session side-effect which existed until PHP 4.2.3. Please be advised that the session extension does not consider global variables as a source of data, unless register_globals is enabled. You can disable this functionality and this warning by setting session.bug_compat_42 or session.bug_compat_warn to off, respectively in Unknown on line 0