Bo uso


A BITÁCORA DE FRAN BOUSO
Un blog aberto para falar desde Mondoñedo ou calquera outro lugar do mundo sobre Mondoñedo e as súas cousas ou sobre as cousas do mundo.



Fran Bouso

Crea tu insignia

O meu perfil
 CATEGORÍAS
 GALERÍA FOTOGRÁFICA
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES
 DESTACADOS

O cabalar das San Lucas
Antón Caxoto
Publicado en La Voz de Galicia - A Mariña
Xoves, 20 de outubro de 2016
Texto: César Morán
Ilustración: Antón Caxoto




Ben sabido é que Felipe de Amancia, ao facer o índice onomástico do Merlín, definiu Mondoñedo como ?cidade de Galicia, sonada polos bispos e polo cabalar das San Lucas, i onde naceu o señor Cunqueiro, que puxo en formado istas historias. É rica en pan, en augas i en latín?. Así é que, entre os trazos esenciais da cidade está esa feira cabalar que se celebra desde hai máis de oitocentos anos, e faille compaña ao canto eclesial, ao pan da memoria, ás augas mananciais e ás palabras herdadas. Felipe non ten cabalo, que o seu é arrendar as cabalarías dos viaxeiros que van e vén polo camiño de Belvís, ou polo camiño real, mentres van ter co seu amo un parrafeio ou unha consulta, e mirar acaso se veñen mancados na mao ou nalgures. Cabalos principais chegan por veces a Miranda, dos que desmontan os máis ilustres e alertantes pasaxeiros. Mais Felipe tamén cabalga nunha besta ou mula máis discreta para ir procurar os moradores de baixoterra.

As San Lucas de Mondoñedo son o tropel de cabalos que de súbito irrompen na praza da catedral vindo dos montes de arredor. O viaxeiro está agora a contemplar o que son as pedras catedralícias, e de sotaque, por un intre, todo é un resoar das bestas que inzan a praza toda, e o cheiro montaraz revoa nas fachadas onde espella unha faísca que brinca nas laxes. Ninguén é quen de deter ese estrondo de vento tolo nen o arrouto selvaxe deste embate, porque é a hora dos cabalos. Nas San Lucas, polo outono, son as fondas humidades que anuncian a invernía, cando as follas amarelas se espallan e arremoíñan polas rúas da cidade, facendo no verso de Noriega esa ondeante manteliña verde. É entón cando se ouve a vaca do vento que muxe como un boi, ou é cando ?bortela que bortela? se pode moer o grao do vento.

Cando son as San Lucas hai cabalos diversos. Uns repousan mainamente na parte baixa da cidade. Outros reméxense inquedos e algo indómitos entre os feirantes por riba do campo dos Remedios. Algún deles lembra o ?percherón? que pasara o vao do río Aulne, con aquel mozo tan ben parecido que ia namorado e levaba nos ollos a morte. Outros son máis ergueitos, como o Lionfante de Fantini, e outros fixéronse tan mansos que mesmo chegan a falar co seu amo. Iso foi o que lle aconteceu a Alberte Merlo, do que pode dar fe.

Polos camiños de Miranda vai a hoste cabalar en rebumbio de vento, e a máis diminuta crianza, recén nada, non sabe se vai ser a ledicia dun neno ou arrombada de vez no balbordo que pasa. É a hora enteira.
Comentarios (0) - Categoría: Crónicas das San Lucas - Publicado o 08-12-2016 11:55
# Ligazón permanente a este artigo
A que hora pasará por Mondoñedo o tren das catro?
Antón Caxoto
Publicado en La Voz de Galicia - A Mariña
Mércores, 19 de outubro de 20156
Texto: Francisco Piñeiro González
Ilustración: Antón Caxoto




Chegou o día de contar o segredo polo cal, sen haber vía, crúzanse a diario dous trens en Mondoñedo. No da fantasía viaxan aqueles que cumpren co ritual de sentar no colo de Cunqueiro; vai e volve por riba da catedral cargadiño de soños para ir repoñendo aqueles que, adurmiñados entre a néboa e o vento, pouco a pouco van esmorecendo. Tamén carga coa herdanza dos milleiros de sanluqueiros que nel viaxaron desexosos de atopar nas ?feiras da vila? o capital humano que lles permitira remoer o resto do ano as crudezas da vida porque todo hai que dicilo: a fama das San Lucas e o seu prestixio merecido non se debería medir polo froito ecónomico dun xeito exclusivo. Intercambiar retranqueiras conversas, apertas de amigos, retrincos e cantigas entre empanadas, polbo, aturuxos e bo viño axudaron a manter esta romaxe de outono ao longo de oitocentos sesenta anos.
O outro tren, o do realismo diario, tivo aprobado proxecto ( Ribadeo- Mondoñedo - Lugo) hai case cen anos mais no 1925, cando Gumersindo Otero estrenou a ferretería no Cristo dos Remedios, o pobo rosmaba pola falta de acordo na comisión encargada de elexir estación entre o Couto e Valiño.
Por esa razón, o día das maulas, un veciño dese lugar requentaba a batalla, mentres mercaba nas varas de avelao, xusto no Cristo, berrándolle a Gumersindo:
- Ferreteiro, tés rateiras?
- Teño - respostou desde dentro.
- Logo dame unha á présa que vou pillar o tren a Valiño.
- Home, tan grandes non as teño! - repostou Gumersindo.
- Entón haberá que ir pilla-lo ao Couto onde, por ser costento, o tren
será cativeiro e subirá despaciño.
Nese momento outro do Couto que escoitaba cambiou a vara por outra que levaba un afiado ferrete no extremo mentres dixo:
- Mellor levarei esta. Ten na punta unha ?retranca? que saca moi ben a chispa das cachas e a algún poda que lle faga falta!
Excuso dicir que o froito da desunión sempre conduce ao fracaso asi que estrear a aguillada non foi necesario. O proxecto real, coma tantos outros, convertiuse en borrallo e aboia entre a néboa, aló no Fiouco onde precisamente D. Álvaro Cunqueiro escolle os soños para subilos ao tren pero dende que mira sen lentes debe ter medo a que cheguen con retraso porque me pregunta sempre :
- A que hora pasará por Mondoñedo o tren das catro?
Comentarios (0) - Categoría: Crónicas das San Lucas - Publicado o 08-12-2016 11:55
# Ligazón permanente a este artigo
Morreu Pepe da Palla
Antón Caxoto
Publicado en La Voz de Galicia - A Mariña
Martes, 18 de outubro de 2016
Texto: Antonio Reigosa
Ilustración: Antón Caxoto




Os da Palla desapareceron da face de Mondoñedo hai moitos anos e, polo que acabo de saber, xa fican tamén totalmente ausentes da face da Terra toda. Sóubeno lendo o dixital Herald Soun, de Melbourne, onde se conta que o noso antigo veciño, Pepe da Palla, morreu alí hai uns días.
Chamábanlles os ?da Palla? porque o primeiro do que hai memoria, que é quen lles deu o título a todos os que viñeron detrás, morreu cunha palla na boca. Xuventino; un home de porte descomunal.
Cóntase que nas Feiras das San Lucas de 1892 ou 1893 tivo a ocorrencia de montar un espectáculo que consistía en soprar cunha palla de centeo polo cenzo dun animal, e a forza de aire (sempre que alguén colaborase tapándolle a boca á besta) conseguía que se erguese un ou dous palmos do chan. Traballaba sobre todo con bacoriños e años, sempre cuadrúpedes infantes. Cando morreu, que foi nas San Lucas de 1895, disque non foi do esforzo, que lle sobraba peito, senón do couce que lle deu un poldro bravo cando intentaba que levitase.
Marchou para Australia o 18 de outubro de 1976, o mesmo día que cumpría 25 anos. Vira un anuncio nun xornal no que se ofrecía traballo para pastorear ovellas e para alá foi. Aínda me lembro daquel libriño que mercara para aprender catro palabras en inglés.
Segundo o Herald Soun alí fíxose moi popular, grazas precisamente a esa habilidade herdada da familia, aínda que aquí só lla víramos practicar unha vez. Por pasar o tempo fixéralle a operación a unha galiña, pero como voan, aínda que sexa mal, non logrou que quedase estática eses segundos necesarios para validar a proba. Vese que cos bípedes a técnica non ten o mesmo éxito que cos cuadrúpedes.
Porén, en Australia especializouse en cargar e descargar ovellas nos remolques e camións co método familiar. Parece que refinara a palla, que non era de centeo nin de trigo, senón feita de materiais máis consistentes; e que dunha sentada subía ou baixaba, regulando aire para conseguir un ou outro efecto, un cento das meiriñas xigantes que hai por alí.
Pero Pepe non morreu traballando senón de impaciencia. Expirou logo de inspirar dun pequeno botello aire de Mondoñedo.
Mandárallo unha prima segunda que ten en Viloalle como agasallo de aniversario, e tamén como anticipo do inminente regreso á terra natal. Faría 65 e íase xubilar pero non puido agardar á data para gozar do regalo.
A señardade, ao que parece, tamén pode matar.
Comentarios (0) - Categoría: Crónicas das San Lucas - Publicado o 08-12-2016 11:54
# Ligazón permanente a este artigo
[1] 2 [3] [4]
© by Abertal
Fran Bouso - Mondoñedo T.I.C.



Warning: Unknown: Your script possibly relies on a session side-effect which existed until PHP 4.2.3. Please be advised that the session extension does not consider global variables as a source of data, unless register_globals is enabled. You can disable this functionality and this warning by setting session.bug_compat_42 or session.bug_compat_warn to off, respectively in Unknown on line 0