Bo uso


A BITÁCORA DE FRAN BOUSO
Un blog aberto para falar desde Mondoñedo ou calquera outro lugar do mundo sobre Mondoñedo e as súas cousas ou sobre as cousas do mundo.



Fran Bouso

Crea tu insignia

O meu perfil
 CATEGORÍAS
 GALERÍA FOTOGRÁFICA
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES
 DESTACADOS

X particularmente, dicía Pancho de Martiño
Ilustración: Antón Caxotonº 67 20/06/2017
LVG-AM

Ilustración: Antón Caxoto
Texto: Fran Bouso




O vindeiro luns, 26 de xuño, cumpriranse cen anos do nacemento de Francisco Val López. Seguramente que polo seu nome moitos non o recorden, pero haberá poucos mindonienses maiores de 35 anos que non se lembren de Pancho de Martín ou de Martiño.

Panchiño foi un deses personaxes bohemios que habitaban o barrio dos Muíños na segunda metade do século pasado; asiduo visitador de tabernas; amigo do clarete, do Terry e dos animais.

No pregón das feiras e festas das Quendas do ano 2014 que me encargaron pronunciar falei moito do meu barrio, Os Muíños e non deixei de contar algunha anécdota de Pepe de Pernas, o fotógrafo que sacaba as fotografías sen carrete, algo que hoxe en día non ten mérito pero cincuenta anos atrás si; Rosendo de California, natural de Cadavedo (A Pastoriza) que pasou os últimos anos da súa vida no barrio e que todos os días e coa mesma puntualidade coa que soaba o Esquilón da Catedral berraba a súa letanía no medio da praza: ?Del contración, la artículo. Vai traballar aragán. Tes, cómeo; tes comeo...? e outros máis como Espinete ou Chipo.

De Panchiño dixen que tiña un can, chamado Andarín e nós tiñamos outro ao que as miñas irmás lle puxeron Gen. O Gen e o Andarín sempre andaban a pelexar entre eles, pero se se achegaba outro cuadrúpede á súa área de control axiña facían fronte común para defender os seus territorios, desta defensa librábase o burro de Taliñeira porque non molestaba, unicamente comía papeis de periódico. Tamén lembrei que Pancho tivo diferentes animais de compañía como a galiña Cocó que sempre o acompañaba a tomar os viños aos bares da vila. O cocho Pepito foi outro dos compañeiros de Pancho que, amigo dos animais si, pero cando chegou o San Martiño non dubidou en converter ao Pepito en soá, frebas e chourizos. Daquela para poder facer a matanza había que pagar uns arbitrios que o bo de Panchiño se esqueceu de satisfacer e, ante a ameaza de denuncia ás autoridades por parte dalgún veciño, Pancho decidiu repartir os chourizos entre a veciñanza. Desta anécdota naceu unha canción moi popular en Mondoñedo que di: Pancho matou o Pepito. / Pancho matou o Pepito / e en vez de pagar arbitrios / ?andivo? de porta en porta / repartindo nos chourizos.

Panchiño tiña unha linguaxe moi particular, del son frases tales como: ?De momento, un saco de cemento para la fachada del ayuntamiento" e ?Está Usted hipopotomado? ou expresións como ?X particularmente? que adoitaba empregar ao inicio das súas alocucións ao xeito dun avogado pedindo a venia ao xuíz nunha vista.

De moi novo aprendeu o oficio de zapateiro, profesión que exerceu boa parte da súa vida. Pero a pasividade e desorganización levárono a baixar a garda no seu traballo, ir perdendo ferramenta e outros avatares que o obrigaron a pechar o obradoiro que tiña nos baixos da súa casa sita na rúa San Roque á altura do arranque da estrada que vai cara Argomoso.

Sen emprego e levando mala vida estaba abocado ao fracaso. Alguén quixo mirar por el e buscoulle unha recomendación para conseguir un emprego como ?Peón caminero? na Deputación. O día que se fixo efectivo o seu contrato no organismo provincial dixo: "ahora ya voy a chupar del presupuesto", tal e como me recordou estes días José Ramón Díaz.
Antón Meilán escribe nun artigo publicado neste mesmo xornal polas San Lucas do 2013: ?Algún ano coincidín con Xulio de Marina e Panchiño de Martín, que mercaban catro xarras, dúas dun cuartillo e as outras dun litro. As primeiras para beber entre comidas (a media mañá e tarde) e as outras para as comidas e se cadraba para deixar enriba da mesiña de noite. Escribo por boca deles?.

Francisco Val López morreu o 26 de novembro de 1990 no Hospital da Costa, en Burela. Andrés García Doural apunta na súa bitácora dixital Miscelánea mindoniese: ?Pese a los años transcurridos desde su fallecimiento, es un personaje muy recordado en Mondoñedo y de su ajetreada vida son comentadas numerosas anécdotas?.

Sempre é un bo momento para pasarse polo barrio dos Muíños, pero a vindeira fin de semana ten un aliciente extra. O sábado, 24 de xuño celébrase a terceira edición da ?Feiramostra Os Muíños? que convoca a artesáns e outros comerciantes para mostrar e vender os seus produtos.
Comentarios (0) - Categoría: O OUTEIRO DE MONDOFORTE - Publicado o 07-08-2017 12:53
# Ligazón permanente a este artigo
O rei Cintolo e a néboa do Fiouco
Ilustración: Antón Caxotonº 66 13/06/2017
LVG-AM

Ilustración: Antón Caxoto
Texto: Fran Bouso


Os historiadores non se poñen de acordo en se Hermengario foi rei da Galicia sueva ou non. Benito Vicetto recólleo na súa nómina de monarcas galegos con reinado entre o 429 e 433 e adícalle un capítulo enteiro, o terceiro, do seu ensaio ou novela histórica Los reyes suevos de Galicia (A Coruña, 1860).
Hermengario, o Xusto; fillo de Hermenerico I, o Fundador (409-429) primeiro rei de Galiza; irmán de Genserico, o Alevoso (433-434) e pai de Hermenerico II, o Vitorioso (438-441), quen sucedeu no trono a Heurico, o Usurpador (434-438); foi coroado no alto do Pico Sacro e tivo a súa corte en Lugo. A Hermengario gustáballe moito abandonar o trono e pasar varios días en soidade perdido no monte. Un dos lugares que adoitaba visitar era a Cintola, unha gruta das terras de Britonia situada a dúas leguas de Mondoñedo, no lugar de Supena.
Nun día coma o de hoxe de hai case 1600 anos, o rei Hermengario partiu coa súa escolta de Lucus ao amencer camiño do mar. Cando estaban atravesando os montes da Farrapa por un cruce de camiños que chamaban o Fiouco, ordenou aos seus gardas que repousasen e que lle permitiran continuar camiño en solitario. Hermengario, ao igual que tiña feito noutras ocasións, baixou a cabalo ata a entrada da Cintola.
Os veciños de Supena coñecían ben a Hermengario e sabían do seu gusto por penetrar na cova. Tíñano visto saír das entrañas da terra en múltiples ocasións e sempre parecía encantado, coa mirada perdida, feliz, relaxado. De feito, despois de cada incursión na Cintola, ata perdía a memoria temporalmente.
Naqueles tempos o rexicidio era unha práctica habitual e sobraban os motivos polos que querer asasinar ao monarca.
Aquela mañá, pouco atrás de Hermengario chegaron á Cintola dous parentes do rei acompañados doutros dous soldados mercenarios con ánimo de acabar coa vida do Xusto. Cruzaron con dificultade os primeiros metros da gruta iluminados por uns fachos ata que chegaron a unha gran sala na que se supoñía que estaría o rei.
Heurico, curmán de Hermengario berrou e resoou:
-Hermengario, mengario, gario, rio.
E no momento en que o eco se apagaba empezou a inundar a estancia unha néboa tan espesa que impedía a visión e tan húmida que ata apagaba os fachuzos.
A néboa saíu da Cintola e espallouse por toda a contorna chegando a ser moi densa tamén no Fiouco, onde seguía a garda do rei. Os soldados ao veren, ou máis ben ao deixar de ver, intuíron perigo e puxéronse en marcha cara a cova.
Non foi doado o camiño desde o Fiouco á Cintola coa brétema pechada, pero a garda chegou e entrou discreta ata a sala principal, foi daquela cando a néboa se disipou e por sorpresa apreixaron aos rexicidas frustrados e salvaron a vida de Hermengario a quen, dende entón chamaron o rei Cintolo. Pouco despois, Hermengario desapareceu no fragor dunha batalla expansiva do reino de Galiza cara o sur.
O rei Cintolo volta á súa cova con frecuencia, con tanta frecuencia como a néboa fai presencia nos montes da Farrapa.
Comentarios (0) - Categoría: O OUTEIRO DE MONDOFORTE - Publicado o 07-08-2017 12:48
# Ligazón permanente a este artigo
O pazo do Bo Aire, en coma
Ilustración: Antón Caxotonº 65 06/06/2017
LVG-AM

Ilustración: Antón Caxoto
Texto: Fran Bouso



Naceu como residencia estival de bispos no século XVIII e entrou en coma logo dun incendio cando era centro de desintoxicación de drogodependentes hai case 30 anos, o pazo do Bo Aire, situado na parroquia de Masma (Mondoñedo), parece condenado ao esquecemento.
O bispo Sarmiento foi o impulsor da construción no ano 1735 para o seu uso como residencia estival para el e os seus sucesores na mitra. O complexo conta cun pavillón con dous saíntes no medio dos cales hai unha azotea de considerables dimensións. A fachada principal dispoñía dunha gran balconada realizada en forxa. Sotomayor deixou a súa pegada nun escudo que se atopa na parte traseira dun edificio principal que ten certos aires de arquitectura italiana.
Despois de varios anos sen uso, o pazo foi restaurado na década dos 60 do século pasado e cedido aos Maristas para uso educativo.
Nos primeiros anos da década dos oitenta, o Bispado mindoniense e a Deputación Provincial de Lugo asinaron un convenio de cesión por un tempo que xa se cumpriu. O organismo provincial permitiu o uso das instalacións á asociación ?Le Patriarche?, unha organización que tiña como principal obxectivo a reinserción de toxicómanos.
Segundo o libro de Lucien Engelmajer, o Patriarca, titulado na súa tradución ao español Para los toxicómanos: la esperanza, no que se fai un percorrido pola historia da asociación, o centro de Mondoñedo abriu as súas portas o 3 de xuño de 1983. As mesmas fontes apuntan que o complexo contaba con 80 prazas e que foi a primeira residencia de España de acollida e rehabilitación de menores e que recibía axudas de organismos públicos como o Instituto Nacional de Empleo (INEM). Algúns veciños sinalan que xa había residentes no pazo de Bo Aire antes desa data e o número de internos superaba sobradamente o centenar.
Grazas a unha reportaxe asinada por Ernesto Sánchez Pombo nun diario madrileño, publicada o 30 de marzo de 1984, sabemos que na sede de Le Patriarche en Masma estaban acollidos todos os menores de idade que ingresan na asociación por ser o centro que contaba coas mellores instalacións para a súa atención. Entre as técnicas terapéuticas empregadas figuran os longos paseos, tisanas, masaxes, baños, e traballo manual. Nesta crónica, Sánchez Pombo sinala que nas instalacións do Bo Aire naquel momento había 130 mozos e mozas, 45 dos cales tiñan entre 14 e 18 anos.
Entre os muros do pazo houbo internos como o etarra P. M., xefe do comando ?Txarito? que foi desarticulado polas forzas e corpos de seguridade do Estado en xuño de 1988. Poucos días antes da detención de varios dos membros do comando, o guerrileiro fuxiu de Masma e integrouse no comando Nafarroa ata que o detiveron en Francia, a finais de 1990.
Sen teito, sen vidros, en risco de derrubamento total, sen que haxa quen mire por el, o pazo do Bo Aire segue a custodiar o corazón de Monseñor Antonio Alejandro Sarmiento Sotomayor.
Comentarios (0) - Categoría: O OUTEIRO DE MONDOFORTE - Publicado o 07-08-2017 12:44
# Ligazón permanente a este artigo
[1] ... [5] [6] [7] 8 [9] [10] [11] ... [30]
© by Abertal
Fran Bouso - Mondoñedo T.I.C.



Warning: Unknown: Your script possibly relies on a session side-effect which existed until PHP 4.2.3. Please be advised that the session extension does not consider global variables as a source of data, unless register_globals is enabled. You can disable this functionality and this warning by setting session.bug_compat_42 or session.bug_compat_warn to off, respectively in Unknown on line 0