Bo uso


A BITÁCORA DE FRAN BOUSO
Un blog aberto para falar desde Mondoñedo ou calquera outro lugar do mundo sobre Mondoñedo e as súas cousas ou sobre as cousas do mundo.



Fran Bouso

Crea tu insignia

O meu perfil
 CATEGORÍAS
 GALERÍA FOTOGRÁFICA
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES
 DESTACADOS

Luís Cayón: escritor, guionista, actor e case director
Ilustación: Antón Caxoto
Serie: Mondoñedo de cine
nº 70 11/07/2017
LVG-AM

Ilustración: Antón Caxoto
Texto: Fran Bouso


Son moitos os nomes propios de mindonienses que están ligados ao mundo do celuloide ou ao audiovisual. Desde Victoriano López García, Goya de honra na IV edición destes premios e ao que se lle adica a Semana Internacional de Cine de Autor de Lugo este ano, ata Zully Moreno, a Rita Hayworth arxentina e outros moitos dos que trataremos ao longo do verán. Hoxe é a quenda de Luis Cayón.
Luis Cayón Fernández naceu en Santiago de Compostela o 8 de novembro de 1907. A súa familia tiña casa na Cidade da Paula e foi no Pazón de Cayón, situado no barrio de San Lázaro, onde pasou a maior parte da súa mocidade. De feito estivo empadronado en Mondoñedo deste os 15 aos 22 anos. Exercía de escritor e xornalista, pero tamén tivo algunha participación como actor no mundo do celuloide. Estivo emigrado en Arxentina durante a ?Guerra Civil?. Pasado o ano 1939, instálase en Madrid onde mantería o contacto co seu amigo da mocidade Victoriano López García co que colaborou como publicista na revista ?Cine Experimental?. Cayón era un dos habituais nas parolas do café ?La Elipa? nas que un nutrido grupo de personalidades chegadas desde diferentes campos profesionais falaban de cine e tamén de saudade mindoniense, pois na ?peña? ademais de Serrano de Osma, García Basabe, Fernández Armayor, Pepe Fernández, Antonio Aguirre e José Mateo, estaban os mindonienses López García, Cunqueiro Mora e o propio Cayón Fernández.
Como escritor publicou Diccionario de El ingenioso hidalgo don Quijote de la Mancha (1962), Diccionario del novelista (1983) y Antología del pensamiento cinematográfico (1947), que foi a primeira obra que un autor galego adica á técnica cinematográfica e ás súas repercusións artísticas.
En 1945 traballou xunto con Pío Ballesteros no guión dun documental sobre A Costa da Morte que dirixiría Royán Marugán. Ese mesmo ano, escribíu o guión literario para unha curtametraxe titulada ?Celos? que ía ser dirixida por Francisco Ortiz e producida por Solanja Films, pero atopouse co atranco da censura que a desestimou alegando que ?No interesa?.
Participou como actor xunto a Valeriano Andrés, Lola Barrera ou Amparo Reyes na película dirixida por Pio Ballesteros, ?Consultaré a Míster Brown? estreada no ?Cine Colón? de Madrid o 26 de marzo de 1947. Na elaboración dos diálogos desta película colaborou Camilo José Cela na que foi unha das súas primeiras incursións no mundo do celuloide.
Luis Cayón tiña previsto dirixir en 1949 a película ?Nido de Hampa?, pero unha vez máis foi prohibida pola censura porque nunha secuencia a Policía deixaba escapar un malfeitor e os censores entendían que o corpo armado sempre debía aparecer como ?una institución eficiente y de conducta intachable?.
En mayo de 1979, aos 70 anos de idade, Luis Cayón Fernández foi alcanzado pola onda expansiva do artefacto explosivo que a banda terrorista ETA fixo explotar na cafetería ?California 74? de Madrid. Por este motivo tivo que ser hospitalizado aparecendo no parte de lesións: ?Una herida estrellal en la región fronto parietal derecha?. O mindoniense recuperouse das feridas e seguiu a desenvolver unha activa vida social en Madrid e numerosas visitas a Mondoñedo, principalmente na época estival ata que morreu -sen descendencia- nos primeiros días do ano 1999 con 91 anos.



Enlace ao artigo publicado na edición dixital de La Voz de Galicia
Comentarios (0) - Categoría: O OUTEIRO DE MONDOFORTE - Publicado o 07-08-2017 13:14
# Ligazón permanente a este artigo
Mondoñedo, unha sentimental fantasía
Ilustración: Antón CaxotoSerie: Mondoñedo de cine
nº 69 04/07/2017
LVG-AM

Ilustración: Antón Caxoto
Texto: Fran Bouso

Vimos de encetar o mes de xullo que, xunto co de agosto, é un dos meses nos que máis turismo se recibe por estas terras. Estamos pois a recoller unha colleita sementada desde hai moitos anos e abonada de ben diferentes formas, tamén co cine ou o audiovisual.

Unha das primeiras iniciativas de promoción turística que realizaron en conxunto as catro deputacións provinciais de Galiza data do ano 1929, trátase do documental ?Un viaje por Galicia?. Esta película foi realizada con motivo da Exposición Iberoamericana de Sevilla e pretender dar a coñecer as paisaxes e monumentos de Galicia nun percorrido polo máis destacado do seu territorio. Luis R. Alonso dirixiu este documental que se conserva en perfecto estado grazas á restauración que fixo o Centro Galego de Artes da Imaxe (CGAI) no ano 1991.

Na década dos noventa do pasado século houbo unha febre por facer vídeos de promoción turística dos diferentes territorios como ?Mondoñedo, una sentimental fantasía?.

Os servizos técnicos de difusión da Deputación Provincial de Lugo realizaron, con guión de Xe Freyre, este traballo no ano 1996. Comeza e remata o vídeo cunhas imaxes aéreas do val do Valiñadares filmadas desde un helicóptero. Gravouse no interior da Cova do Rei Cintolo e, por primeira vez, fixeron pasar os cabalos que baixan para a feira das San Lucas por diante da Catedral para incluír esta singular secuencia na peza. Un zoom sobre o rosetón da Catedral desde o exterior e un posterior contrazoom no interior permiten ao espectador entrar na basílica dun xeito totalmente diferente ao habitual.

Historia, literatura, música, arquitectura, natureza e demais excelencias do lugar están recollidas neste vídeo gabadas cunha coidada narración.

O escritor, investigador e divulgador Xe Freyre, nacido no mindoniense barrio dos Muíños o 20 de abril de 1962, foi o encargado de elaborar o guión técnico e literario deste vídeo divulgativo. Este guión, dunha elevada calidade e que foi empregado como modelo para impartir cursos sobre elaboración de textos para audiovisuais, tivo dúas versións: unha en galego e outra en castelán. Finalmente, o filme foi editado unicamente en castelán porque a produtora entendía que iría destinado á promoción da localidade fóra de Galiza.

Neste momento está en fase de preprodución a adaptación a linguaxe audiovisual da novela de Xe Freyre ?Cando o gato mira de esguello?, un proxecto que conta coa colaboración de Andrea Rilou como guionista.

Este verán Mondoñedo está de cine, gocémolo.



Enlace ao artigo publicado na edición dixital de La Voz de Galicia
Comentarios (0) - Categoría: O OUTEIRO DE MONDOFORTE - Publicado o 07-08-2017 13:09
# Ligazón permanente a este artigo
Mondoñedo, de cine
Ilustración: Antón CaxotoSerie: Mondoñedo de cine
nº 68 27/06/2017
LVG-AM

Ilustración: Antón Caxoto
Texto: Fran Bouso



O pasado mércores, 21 de xuño, o mesmo día que comezou o verán, Televisión Española (TVE) programou dentro do ciclo ?Historia de nuestro cine? que se emite de luns a venres ás dez da noite a película ?Flor de Santidad? (1973). Ese mesmo día, o Grupo Fotocinematográfico Fonmiñá anunciou a través dunha nota de prensa que a XXXIX Semana Internacional de Cine de Autor de Lugo estará adicada ao mindoniense Victoriano López García e ao binomio Mondoñedo-Cine.
Producida por Avenir Films-Azor e dirixida por Adolfo Marsillach ?Flor de Santidad? foi rodada en 1972 e estreada un ano máis tarde, o 26 de marzo de 1973 no ?Cine Paz? de Madrid. Rodouse en diferentes localizacións de Galicia (Santiago de Compostela, O Cebreiro....), recolle imaxes da praza da Catedral de Mondoñedo, Pazo Episcopal, Fonte Vella e do pazo de San Cidre, no Couto do Outeiro.
O guión de Pedro Carvajal e Adolfo Marsillach está baseado na novela homónima de Ramón María del Valle-Inclán. Describe unha Galicia empobrecida e supersticiosa do século XIX na que un misterioso peregrino abusa dunha campesiña adolescente nunha corte. Os labregos pensan que o camiñante é un enviado do demo e perségueno ata acabar coa súa vida.
Nas secuencias da película rodadas en Mondoñedo participaron moitos extras e auxiliares de produción locais, entre eles varios membros da familia Sordo (dos Barrendeiros), Xaquina da Cordeira, Rosa Rodríguez, Celina Rejes, Florentino Losada, Pedro da Forneira, o Paragüeiro, Pascual Ares, Carlos González e os pícaros, Daniel Rio ?Caxigueiro? e Juan Sante Alfonso Fernández (Alfondo do Chalán). No momento da estrea xa non había salas de cine en Mondoñedo, o lugar máis próximo onde se proxectou foi no cine ?Principal Cinema? de Lourenzá, tal foi a expectativa que causou que se fretaron varios autobuses para que os mindonienses puidesen acudir ás proxeccións.
Alfonso Zarauza e Jaione Camborda rodarán en Mondoñedo no mes de novembro a película "ARIMA" para a produtora Esnatu Zinema. Diferentes localizacións do municipio de Mondoñedo servirán de escenario natural para a rodaxe dunha produción cinematográfica con guión e dirección da cineasta vasca Jaione Camborda.
Segundo adianta a produtora, ?Arima? é a historia de cinco mulleres e unha nena nun lugar chamado Arima que se ven afectadas de diferentes xeitos pola chegada de dous homes ás súas vidas. Un deses homes busca ao outro para matalo. Neste estado de tensión móvese toda a trama de relacións que se establecen entre todos eles.
A natureza da historia en Arima é a de ser unha estrutura, unha cunca ou dalgún xeito unha escusa para poder indagar en emocións, sentimentos e inquedanzas que están na esencia da historia. É, polo tanto, no formal e a través da linguaxe fílmica que se desvela o discurso e se eleva con máis forza que a propia historia.
Trátase dunha película coral na que unha das mulleres actúa como pedra angular, adquirindo máis protagonismo e as demais insinúanse como alteregos ou fragmentacións desta. Estes personaxes teñen autonomía propia e na historia funcionan como personaxes completos, pero é a través de ferramentas fílmicas formais que se establecen como ecos unhas doutras e suxírese sutilmente a sensación de unidade de todas elas.
Polo que parece, preséntase un verán de cine. Gocémolo.



Enlace ao artigo publicado na edición dixital de La Voz de Galicia
Comentarios (0) - Categoría: O OUTEIRO DE MONDOFORTE - Publicado o 07-08-2017 12:58
# Ligazón permanente a este artigo
[1] ... [4] [5] [6] 7 [8] [9] [10] ... [30]
© by Abertal
Fran Bouso - Mondoñedo T.I.C.



Warning: Unknown: Your script possibly relies on a session side-effect which existed until PHP 4.2.3. Please be advised that the session extension does not consider global variables as a source of data, unless register_globals is enabled. You can disable this functionality and this warning by setting session.bug_compat_42 or session.bug_compat_warn to off, respectively in Unknown on line 0