Bo uso


A BITÁCORA DE FRAN BOUSO
Un blog aberto para falar desde Mondoñedo ou calquera outro lugar do mundo sobre Mondoñedo e as súas cousas ou sobre as cousas do mundo.



Fran Bouso

Crea tu insignia

O meu perfil
 CATEGORÍAS
 GALERÍA FOTOGRÁFICA
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES
 DESTACADOS

Cine de verán
Ilustración: Antón CaxotoSerie: Mondoñedo de cine
nº 73 01/08/2017
LVG-AM

Ilustración: Antón Caxoto
Texto: Fran Bouso


O verán é praia, piscina e río; sesta á sombra dun castiñeiro, vagar e merenda no prado; volver ás orixes ou fuxir moi lonxe; e tamén é cine, cine de verán ao aire libre. Como presta!
Algunhas administracións e colectivos programan en época estival ciclos de cine en prazas que congregan diante da gran pantalla a centos de persoas desexosas de cubrir o seu tempo de ocio unha vez que a noite ten vencido ao día.
Nos veráns do ano 1999 ao 2001 tiven a sorte de proxectar películas nunha máquina Philips de 35 mm. con lámpada de xenon de 2000 wats. que o Concello de Mondoñedo mercara á empresa Sercine, de Salamanca, con motivo da celebración do centenario da chegada do cinematógrafo á Cidade da Paula. Ao longo do ano organizábanse pases en diferentes lugares e, coa chegada do verán, instalábase na Praza do Concello unha pantalla de 7x4 metros e todo o necesario para as proxeccións. Un día á semana, como mínimo, proxectábase algunha película.
As estrelas do celuloide estaban e están encantadas de pasearse polas pantallas das prazas das vilas para servir de inspiración aos soños de verán, iso si, pasada a canícula e chegada a noite xa se fai necesario unha chaqueta para poñer, aínda que só sexa, por encima dos ombreiros.
Teño mágoa de non ter proxectado ningunha ?españolada? desas nas que se cita a Mondoñedo, como por exemplo no filme protagonizado por Fernando Esteso e Andrés Pajares e dirixido por Mariano Ozores ?Padre no hay más que dos? (1982). Cara ao final da película un matrimonio de anciáns (Emilio Fornet e María Álvarez) visita a casa na que habitan os protagonistas xunto cunha nutrida prole de fillos con intención de mercala, algo que os cativos non queren que suceda. Para evitar que os compradores se interesen no inmoble provocan unha serie de sucesos como goteiras ou fallos eléctricos, o que leva a que Emilio Fornet escape dicindo: ?Esta casa es como vivir en Mondoñedo?.
Sen lugar a dúbidas a película que me gustaría proxectar este verán é ?El bar? (2017), de Álex de la Iglesia que está inspirada nun local de hostalaría do madrileño barrio de Malasaña chamado ?Palentino?, un dos locais con máis carisma de Madrid. O mítico bar está rexentado por Casto e Lola; e resulta que Lola é Dolores López Rejes, natural de Mondoñedo e residente en Madrid desde a década dos setenta.



Comentarios (0) - Categoría: O OUTEIRO DE MONDOFORTE - Publicado o 07-08-2017 13:25
# Ligazón permanente a este artigo
Cunqueiro, a Cova e a Catedral
Ilustración: Antón CaxotoSerie: Mondoñedo de cine
nº 72 25/07/2017
LVG-AM

Ilustración: Antón Caxoto
Texto: Fran Bouso



Son moitos os que opinan que os principais recursos turísticos de Mondoñedo son a Catedral e a Cova do Rei Cintolo. Eu non lles vou sacar a razón, pero permítanme que engada outro máis: o xenial fabulador Álvaro Cunqueiro.
Cunqueiro, ademais de cultivar con grande éxito tódolos xéneros literarios, tamén escribiu guións para radio e a televisión e deixou traballo adiantado para o cine. O director Guerín Hill rodou, en base a texto de Don Álvaro, en 1966 un documental titulado ?Galicia? no que se facía un percorrido histórico polo país. Nese mesmo ano, o mindoniense escribiu o guión de ?Xantares?, un capítulo pertencente á serie de Televisión Española ?Conozca usted España?. Nondebemos esquecer que no 2011 Antón Dobao dirixiu a adaptación para a gran pantalla da novela cunqueiriana «Se o vello Sinbad volvese ás illas» e, ademais, A primeira tvmovie que se filmou en Galicia, ?Novo de Parmuide? (1987), dirixida por Roberto Vidal Bolaño, está inspirada nun personaxe de Cunqueiro ao igual que os seis capítulos da serie de ficción ?Os outros feirantes? que foi a primeira que emitiu a Televisión de Galicia.
A Catedral da Asunción aparece na práctica totalidade das grandes producións cinematográficas e audiovisuais filmadas en Mondoñedo. Desde a primeira do ano 1929, ?Un viaje por Galicia? ata as máis recentes ?Miranda, mítica e real? (2013), ?O incerto Señor Cunqueiro? (2011), ?O Mariscal. Mito, lenda e realidade? (2007-2009), ?Terras de Miranda? (2001-2007), ?Mondoñedo, unha sentimental fantasía? (1996), ?Del Miño al Bidasoa? (1990), a xa citada ?Novo de Parmuide? (1987) e, por suposto, en ?Flor de Santidad? (1973). Ben seguro que ?Arima?, que se rodará o vindeiro outono, non deixará de lado a basílica.
A primeira incursión dunha cámara de cine na Cova do Rei Cintolo tivo lugar a comezos da década dos oitenta do pasado século. Un equipo de Televisión Española encabezado polo xornalista Xosé Manuel Orriols rodou en 16 milímetros o interior da cavidade de Supena na que, ademais de fixar en celuloide as principais salas e galerías da gruta, tamén quedaron rexistradas entrevistas a Mario Bahamonde, Javier Río e Alfredo Losada, membros do grupo de espeleoloxía local ?Topos?. Esta reportaxe emitiuse en galego no programa ?Panorama de Galicia? e tamén nunha versión en castelán en ?Informe Semanal?.
Parece lóxico que o que hoxe son os principais valores de atracción turística mindonienses tamén resultaran de interese para o cine e o audiovisual e, ben seguro que, o feito de apareceren na pequena ou na gran pantalla axuda a que cada vez sexan máis os visitantes interesados en coñecelos.
Mondoñedo este verán esta ?de cine?, gocémolo.



Enlace ao artigo publicado na edición dixital de La Voz de Galicia
Comentarios (0) - Categoría: O OUTEIRO DE MONDOFORTE - Publicado o 07-08-2017 13:20
# Ligazón permanente a este artigo
Mirando ao outro lado do charco
Ilustación: Antón CaxotoSerie: Mondoñedo de cine
nº 71 18/07/2017
LVG-AM

Ilustración: Antón Caxoto
Texto: Fran Bouso


Mondoñedo aportou gran talento á cinematografía e ao audiovisual do ?Novo continente?. Sen ir máis lonxe, unha das máis afamadas actrices sudamericanas de todos os tempos era filla dunha emigrante nacida no Monfadal, un barrio da parroquia mindoniense do Carme situado na ladeira do monte Padornelo que mira á vila. Trátase de Zully Moreno, a Rita Hayworth arxentina, descendente da familia dos Ferreales.
Zulema Esther González Borbón naceu en Villa Ballester, provincia de Bos Aires o 17 de outubro de 1920. Ao cumprir dez anos, morreu o seu pai, situación que a obrigou a buscar traballo para axudar á economía familiar. Sendo unha pícara, comezou a traballar de costureira e ao chegar aos 18 anos presentouse a un casting mediante o cal accedeu a un papel secundario no filme ?Cándida?, de Luis Bayón Herrera. Ese sería o inicio dunha gloriosa carreira profesional que a levaría a rodar arredor de corenta películas e participar como actriz en varias obras de teatro. O seu primeiro papel protagonista chegoulle con ?Stella? (1943).
Aos 27 anos, casou co director de cine Luis César Amadori e tiveron un fillo, Luis Amadori. Consagrouse protagonizando títulos como ?Dios se lo pague? ou Nacha Regules, de Arturo de Córdova e tamén traballou baixo as ordes de Mario Soffici en ?La Gata?; de Carlos Hugo Christensen, en ?La trampa?; de Carlos Schlieper, en ?Cosas de mujer?; de Ernesto Arancibia, en ?La mujer de las camelias? ou de Lucas Demare, en ?Nunca te diré adiós?. En México filmou tres películas e en España participou na rodaxe de ?Madrugada?, ?Una Gran señora? e ?Un trono para Cristi?.
Morreu aos 79 anos, o 25 de decembro de 1999 en Bos Aires logo de padecer Alzheímer nos últimos anos da súa vida.
O seu irmán, Alberto, encargouse da xestión das empresas de Zulema cando apareceron os primeiros síntomas do Alzheímer. Alberto Óscar González foi un empresario de éxito e o creador de ?Canal Satelital? a primeira plataforma de televisión que emitiu vía satélite no cono sur americano.
Outro galego con éxito en América é Pío Núñez. Naceu na parroquia de Azúmara, en Castro de Rei no ano 1940 e viviu en Bretoña onde o seu pai era mestre de escola. Estudou no Seminario Santa Catarina de Mondoñedo entre o ano 1949 e o 1954 . En 2008 converteuse no primeiro produtor galego dunha película norteamericana co filme ?In the Shadow of Wings?.
En 1999 exerceu de produtor e guionista da primeira mini-serie de ficción para Antena 3 con ?Camino de Santiago? que consta de tres episodios e conta cun reparto de luxo encabezado por Anthony Quinn e Charlton Heston.
Nos 90 fundou en Madrid os estudos cinematográficos ?El Álamo?, onde se rodaron películas como ?Los otros? (2001), ?Mar adentro? (2004), ?Alatriste? (2006) e ?Volver? (2006). As dimensións dos ?platós?, que suman case 16.000 metros cadrados, e as dotacións coas que contan permiten tamén a gravación de series e programas de televisión, así como a emisión en directo destes últimos.
Antonio Reigosa apúntanos a posibilidade de que un pintor nacido en Mondoñedo o 7 de decembro de 1895, José María Rodríguez González, traballara en Hollywood facendo decorados para películas.
Mondoñedo este verán está de cine, gocémolo.



Enlace ao artigo publicado na edición dixital de La Voz de Galicia
Comentarios (0) - Categoría: O OUTEIRO DE MONDOFORTE - Publicado o 07-08-2017 13:17
# Ligazón permanente a este artigo
[1] ... [3] [4] [5] 6 [7] [8] [9] ... [30]
© by Abertal
Fran Bouso - Mondoñedo T.I.C.



Warning: Unknown: Your script possibly relies on a session side-effect which existed until PHP 4.2.3. Please be advised that the session extension does not consider global variables as a source of data, unless register_globals is enabled. You can disable this functionality and this warning by setting session.bug_compat_42 or session.bug_compat_warn to off, respectively in Unknown on line 0