Bo uso


A BITÁCORA DE FRAN BOUSO
Un blog aberto para falar desde Mondoñedo ou calquera outro lugar do mundo sobre Mondoñedo e as súas cousas ou sobre as cousas do mundo.



Fran Bouso

Crea tu insignia

O meu perfil
 CATEGORÍAS
 GALERÍA FOTOGRÁFICA
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES
 DESTACADOS

Cines en Mondoñedo

Serie: Mondoñedo de cine
nº 80 19/09/2017
LVG-AM e RV

Ilustración: Antón Caxoto
Texto: Fran Bouso


Caxoto, Yumita e eu pasamos o verán nos cines para poder contarlles unha historia do cine e o audiovisual en Mondoñedo alimentándonos exclusivamente de flocos. Eles dous xa tiñan ganas de que chegara este momento: o remate desta serie, que cadra coa fin da estación de estío e coa celebración da XXXIX Semana Internacional de Cine de Autor de Lugo. Percorremos moitas salas ao longo da provincia, ben moitas non porque xa non quedan. Monforte, a capital, Viveiro e Ribadeo son os únicos concellos nos que a día de hoxe continúan a exhibirse películas en salas comerciais, pero tamén pasamos polo ?Cinema Palleiriso? de Chantada e por todos cantos lugares proxectaron películas, moitas delas ao aire libre.
Dous locais En Mondoñedo funcionaron dous locais como cines comerciais: o Salón-Teatro do Casino que albergou as proxeccións ambulantes que chegaron á cidade a fins do século XIX e tamén o ?Cine Galicia?, dos empresarios García e Lombardía (na segunda década do século XX) e ?Principal Cinema? que puxo a funcionar o empresario Telófilo Arias en 1924 e que axiña pasaría a rexentar Justo Gómez. A mediados do século pasado (1942, segundo fontes orais ou 1946 segundo o Inventario de cines do Ministerio de Cultura de 2016), Ángel Castañal converteu o salón de actos da Sociedade de Obreiros no ?Cine Pacheco?. Esta sala estivo en funcionamento ata o 28 de novembro de 1964. Cinco anos despois tamén pasaría a chave de maneira definitiva o ?Principal Cinema?. Despois do peche das salas comerciais, a maxia do cine continuou en Mondoñedo en lugares como o Seminario, o Instituto, os baixos da Praza de Abastos e tamén en proxeccións ao aire libre. A mediados da década dos oitenta, pouco despois de constituírse legalmente a asociación cultural ?Leiras Pulpeiro?, que contaba cunha sección de cine coordinada por Víctor Vila, púxose en marcha un cineforum que estivo activo entre o ano 1985 e 1987. Pasaban películas alternativas de temáticas que xeraban debate. A fornecedora era unha distribuidora santanderina e entre os títulos que se proxectaron están ?Face to Face? (1976), de Ingmar Bergman; ?Janis, The way she was? (1974), un documental sobre a cantante; ?Uccelacci e uccelini? (1966) e ?Il Decameron? (1971), de Pier Paolo Pasolini. Os pases tiñan lugar no salón do Instituto ?San Rosendo? e empregábase un proxector deste centro que non estaba en moi boas condicións (en ocasións fallaba a imaxe ou o son), debido a estes problemas técnicos e ante a imposibilidade de reparar a máquina ou facerse con outra deixouse esmorecer esta iniciativa que contou con bastantes seguidores. Que pasará co cine en Mondoñedo? O tempo o dirá. Polo de agora estamos á espera de que se inicie a rodaxe de ?Arima? prevista para o vindeiro mes de novembro. O Outeiro de Mondoforte continuará, se non hai novidade, con outras historias.
Comentarios (0) - Categoría: O OUTEIRO DE MONDOFORTE - Publicado o 29-11-2017 10:01
# Ligazón permanente a este artigo
A Semana de Cine de Autor e Mondoñedo
Serie: Mondoñedo de cine
nº 79 12/09/2017
LVG-AM e RV

Ilustración: Antón Caxoto
Texto: Fran Bouso


A Semana Internacional de Cine de Autor de Lugo vén cargada de actividades que se desenvolverán en diferentes lugares da Cidade das Murallas entre o luns, 18 e o sábado, 23 de setembro. O Auditorio ?Gustavo Freire? acollerá o Ciclo Infantil tódolos días, a sección denominada O Mellor do Ano? e a Sección Oficial. La tortuga roja, Ribbit, Los superhéroes, ORM en el reino de las nieves, La vida de Calabacín e Albert son as películas escollidas para o goce dos mais novos. Ao entender do Grupo Fonocinematográfico ?Fonmiñá?, entidade organizadora da SICA, ?O Mellor do Ano? son estas sete películas: Migas de pan, Psiconautas. Los niños olvidados, Maria (y los demás), Las inocentes, Sólo el fin del mundo e Un hombre llamado Ove. Serán proxectadas na Sección oficial A foresta das almas perdidas, Encadenados, Bajo la rosa, Días y noches en el área, Zoe e Llueven vacas. O cine adicado á gastronomía conta cun apartado denominado ?E para comer... Lugo?. Os filmes relacionados coa comida pasaranse na Biblioteca Provincial de Lugo ás sete e media da tarde ao igual que o Ciclo cárceres que, como non podía ser doutro xeito, terá lugar no Vello Cárcere. Estas dúas seccións e a denominada Arte de Cine, celebra
ranse de martes a venres. As películas que tratan diferentes disciplinas artísticas pasaranse no Museo Provincial de Lugo ás sete da tarde. Se non hai quen o impida, o Museo Interactivo de Historia de Lugo (MIHL) acollerá de martes a sábado ás seis da tarde a sección Grandes Historias que conta cos seguintes títulos: Te quiero, hermano; Una lucha contra el tiempo; Mujer (es) mujer; O tempo futuro e Shoots fron Abbyssinia. As curtametraxes proxectaranse no Vicerreitorado da Universidade de luns a venres ás sete da tarde e o cine galego farase un oco na Deputación de luns a xoves unha hora antes con títulos como Pelerinaxes, Esquece Monelos e Historias de un viejo camionero, entre outros. Como levamos anunciando desde o inicio do verán, a XXXIX edición da SICA está adicada ao mindoniense Victoriano López García. Con tal motivo, o venres, 22 de setembro ás seis da tarde presentarase, no salón de actos da Deputación, un libro no que se recolle o máis amplo estudo realizado ata o momento sobre o gran renovador do cine español e un repaso pola historia cinematográfica e audiovisual de Mondoñedo. Acto seguido, pasarase a cinta Una cubana en España, produción na que participou López García. E como dixo a semana pasada Dani de la Torre en Monforte ao rematar a roda
xe da súa segunda longametraxe de ficción, ?La sombra de la ley?: ?Vémonos nos cines?.
Comentarios (0) - Categoría: O OUTEIRO DE MONDOFORTE - Publicado o 28-11-2017 18:00
# Ligazón permanente a este artigo
Victoriano López García, o Señor do cine
De río a Río
Serie: Mondoñedo de cine
nº 77 29/08/2017
LVG-AM e RV

Ilustración: Antón Caxoto
Texto: Fran Bouso


Sen lugar a dúbidas, o mindoniense máis destacado dentro do mundo cinematográfico é o enxeñeiro industrial Victoriano López García quen, na IV edición dos premios Goya recibiu o premio de honra en recoñecemento a toda unha vida adicada ao cine de mans do seu alumno, Luis García Berlanga. Victoriano ingresou na Subcomisión Reguladora da Cinematrografía en marzo de 1940 co cargo de xefe de sección de materias primas e laboratorios. Cando se disolveu esta subcomisión, pasou ao Servizo de Ordenación Económica da Cinematografía, sendo designado subxefe do servizo e xefe da sección de industria tal e como se publica no B.O.E. do 12 de xuño de 1952. Tempo máis tarde desempeñou o cargo de xefe de créditos e secretario técnico do Instituto Nacional de Cinematografía, xefe de mercados cinematográficos e de subvencións. Ao inicio dos anos corenta do pasado século inicia o seu labor como docente nun curso de cine organizado pola Escola Especial de Enxeñeiros de Madrid e a finais desa década fundou e dirixiu o Instituto de Investigacións e Experiencias Cinematográficas (IIEC), que posteriormente se pasaría a cha
mar Escola Oficial de Cinematografía. Foi profesor de destacados directores como Luís García Berlanga, José Luís Borau, Juan Antonio Bardem e Carlos Saura, entre outros. Tivo tempo tamén para fundar e dirixir a revista ?Cine experimental?, coa cal editou once números no ano 1945. ?Técnica del cine so
noro, en color y relieve?, ?Lecciones sobre cinematografía?, ?La industria y la producción de películas?, ?La industria cinematográfica española?, ?Electroacústica?, ?Acústica? ou ?Chequeo al cine español? son algúns dos tratados que publicou o mindoniense. A XXXIX Semana Internacional de Cine de Autor de Lugo (SICA) que terá lugar do 18 ao 23 do vindeiro mes de setembro está adicada a Victoriano López García. Con tal motivo, o grupo fotocinematográfico ?Fonmiñá? vai editar un libro no que o profesor Emilio Carlos García Fernández, Catedrático da Universidad Complutense de Madrid, publicará o maior estudo realizado ata o momento sobre o gran renovador do cine español. Noutra parte do libro faise un repaso pola historia do cine e o audiovisual en relación con Mondoñedo. Victoriano naceu o 22 de marzo de 1910 no número 16 da rúa Leiras Pulpeiro de Mondoñedo nunha casa na que loce, desde o ano 1999, unha placa que o recorda dicindo: ?Aquí naceu Don Victoriano López García, Enxeñeiro industrial e ilustre mindoniense, que adicou a súa vida a engrandecer o cine español. 30 de abril de 1999. Centenario do cine en Mondoñedo?. O Señor do cine morreu en Madrid o 31 de agosto de 1995, o vindeiro xoves fará 22 anos.
Comentarios (0) - Categoría: O OUTEIRO DE MONDOFORTE - Publicado o 28-11-2017 17:42
# Ligazón permanente a este artigo
© by Abertal
Fran Bouso - Mondoñedo T.I.C.



Warning: Unknown: Your script possibly relies on a session side-effect which existed until PHP 4.2.3. Please be advised that the session extension does not consider global variables as a source of data, unless register_globals is enabled. You can disable this functionality and this warning by setting session.bug_compat_42 or session.bug_compat_warn to off, respectively in Unknown on line 0