Bo uso


A BITÁCORA DE FRAN BOUSO
Un blog aberto para falar desde Mondoñedo ou calquera outro lugar do mundo sobre Mondoñedo e as súas cousas ou sobre as cousas do mundo.



Fran Bouso

Crea tu insignia

O meu perfil
 CATEGORÍAS
 GALERÍA FOTOGRÁFICA
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES
 DESTACADOS

TÍTERES (nº1 23/02/2016 Radiovoz-A Mariña)
Saúdos desde o Outeiro de Mondoforte, un lugar do meu maxín no que me sinto aforado e desde o que lles falarei a partir de hoxe a través das ondas de Radiovoz-A Mariña de cousas que me interesan ou me preocupan e que se cadra a vostedes tamén lles poden resultar interesantes, sempre dende a óptica dun mariñán de Mondoñedo que non se cre posuidor da verdade absoluta. En Mondoforte impera a liberdade e o respecto, algo que non sempre se da no mundo como aconteu cuns titiriteiros hai uns días e, precisamente, de marionetas imos falar hoxe.


Hai uns días, nun centro comercial, a miña filla e eu presenciamos, sen telo previsto, un espectáculo de monicreces (permítanme que desta volta lles chame ?títeres? para achegarme máis a outras linguas, aínda que esta expresión non veña recollida no dicionario da Real Academia Galega da Lingua).

Mentres os pícaros e pícaras rían e poñían cara de asombro ou admiración, eu estaba mandando unha información por ?e-mail? desde o ?smartphone? sobre as Fabas de Lourenzá a un xornal da Mariña, polo que a miña atención non estaba plenamente centrada no espectáculo. Aínda así ben me din conta de que os monicreques dixeran unhas frases nas que se incluían ?palabrotas? (dito en linguaxe infantil).

Ao rematar a sesión de marionetas, Paula e eu paseamos polo centro comercial ao tempo que conversabamos e non tardou moito tempo en reproducir esas palabras mal soantes.

- Pero ti como dis iso?, preguntei.
- Dixérono os títeres. Respondeu.
- Ah, claro e como o dixeron as marionetas vas ti e repítelo. Pero ti non sabes que non son palabras bonitas?

Desde entón non llo volvín a escoitar.

Afortunadamente non se produciron detencións.

De todo se aprende, amigos, do bo e do malo.

Larga vida e liberdade aos monicreques e sexamos monicreques unicamente cando o desexemos!

E desta volta permítanme que me despida lembrando a Barriga Verde:

Morreu o Demo, acabouse a peseta.



Comentarios (0) - Categoría: O OUTEIRO DE MONDOFORTE - Publicado o 18-07-2016 12:09
# Ligazón permanente a este artigo
O Outeiro de Mondoforte
A primeira vez que se empregou o imaxinario topónimo de Mondoforte foi nunha carta escrita ao señor Cunqueiro:

Mondoforte, 22 de nadal de 2011


Admirado Sr. Cunqueiro:
Desculpe o meu atrevemento ao molestalo con estas verbas nun día tan especial para Vostede.
Antes de nada, permítame presentarme, pois nunca antes me tivera dirixido a VD.; cando marchou do Mondoñedo da terra eu tan só tiña cinco anos recén cumpridos e, que eu recorde, nunca nos temos cruzado pola Venecia mindoniense que por aquel entón era o meu espazo vital. Mellor que presentarme, se quere saber de min, pódelle preguntar ao meu pai que está moi preto de VD. aí no ceo dos mindonienses.
Teño entendido que cando estivo aquí as cousas, a nivel persoal, non lle foron todo o ben que deberían en moitos aspectos, pero quero que saiba que hoxe, nesta ?cunquiña deleitosa? da que falou Leiras ténselle gran respecto e admiración, proba delo é que o pasado sábado nos xuntamos en Mondoñedo preto de milleiro e medio de persoas para renderlle merecido homenaxe nun novo atrevemento de pór en escena a súa obra ?Merlín e familia?. Se desde aí arriba nos estivo mirando, ben seguro que lle provocamos a risa en máis dunha ocasión, sobre todo pola mañá no transcurso da mesa redonda que tiven a honra de moderar na compaña de Antonio Reigosa, Armando Requeixo e a dona de Francisco Piñeiro. O amigo Paco non puido estar presente, pois ese día despedía ao seu pai que collía o camiño que VD. botou a andar o vinteoito de febreiro do oitenta e un. Alí tamén estaba Suso do Bahía e outros moitos amigos e amigas de aquí e de acolá. E (...) agora que me dou conta VD. tamén. Non me decatara diso ata este momento no que lle estou escribindo, pero neste intre confirmo a súa presenza: Con quen falaba Suso senón cando interrompeu o seu discurso?.
E foi o último en marchar: Cando todos abandonamos a sala para ir cara ao Auditorio, mirei á pantalla de proxección que hai no salón de actos da Casa da Xuventude e vin a sombra da súa figura, pero pasoume desapercibida, de non ser así teríao saudado. Descúlpeme. Dous días máis tarde, o pasado luns, recibín unha chamada de José Manuel Corral preguntándome que que fixera co proxector de vídeo que na pantalla aparecía unha sombra que non daba desaparecido... Eu non fixera nada... agora caio... era VD. que seguía alí
Ben, xa non sei que é o que lle ía contar, pásame moito ultimamente, que quero falar dunha cousa e acabo botando un discurso interminable sobre algo que non ten nada que ver, pode influír que mentres estou escribindo esta carta a miña filla Paula está pedíndome que lle saque a bata, que lle deixe buscar a Hello Kity no ordenador, que vaiamos a Mondoñedo, que a colla no colo, que lle cante unha canción...
Pois nada, xa me despido que vou cantar ?No niño novo do vento?.
Parabéns e que cumpra moitos máis.
Atentamente,
Fran Bouso.
Comentarios (0) - Categoría: O OUTEIRO DE MONDOFORTE - Publicado o 18-07-2016 12:01
# Ligazón permanente a este artigo
© by Abertal
Fran Bouso - Mondoñedo T.I.C.



Warning: Unknown: Your script possibly relies on a session side-effect which existed until PHP 4.2.3. Please be advised that the session extension does not consider global variables as a source of data, unless register_globals is enabled. You can disable this functionality and this warning by setting session.bug_compat_42 or session.bug_compat_warn to off, respectively in Unknown on line 0