Bo uso


A BITÁCORA DE FRAN BOUSO
Un blog aberto para falar desde Mondoñedo ou calquera outro lugar do mundo sobre Mondoñedo e as súas cousas ou sobre as cousas do mundo.



Fran Bouso

Crea tu insignia

O meu perfil
 CATEGORÍAS
 GALERÍA FOTOGRÁFICA
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES
 DESTACADOS

Miguel Anxo Murado, o pregoeiro
nº 84 17/10/2017
LVG-AM e RV

Ilustración: Antón Caxoto
Texto: Fran Bouso


Xeógrafo e historiador, especialista en arqueoloxía de formación, con necesidade case innata de contar historias ou, mellor aínda que contalas, escribilas. Miguel Anxo Murado é un escritor que, ao igual que Cunqueiro, cultiva con grande habilidade tódolos xéneros literarios tanto escritos coma audiovisuais. No xornalismo é un 4x4 capaz de avanzar con seguridade por terreos tan dispares coma a dirección, o reporteirismo de guerra, a análise internacional para medios de aquí e acolá coma La Voz de Galicia, xornais e cadeas de radio españolas e tamén internacionais como a RT rusa, Al Jazeera, a BBC, The New York Times ou The Guardian. Vivíu cinco anos en Palestina no tempo da Segunda Intifada. Bota de menos os tempos nos que existían as corresponsalías, pero segue gozando de ser correspondente. Desde hoxe o seu currículum engade un ítem: Pregoeiro das feiras e festas máis antigas de Galiza, As San Lucas do seu familiar Mondoñedo. O parentesco mindoniense vénlle a través da súa avoa paterna. Naceu en Lugo o día despois do grande das Quendas nun tempo, 1965, no que as feiras da primavera mindoniense durmían. Coñece ben as terras da Paula tanto polas súas visitas desde Meira ou Lugo nos tempos da infancia e mocidade coma polas historias que os seus devanceiros lle contaron desde pícaro. «Siento un amor infantil por la ciudad de Mondoñedo. Infantil porque lo contraje en la infancia, cuando mis padres nos llevaban a As San Lucas», así comeza un artigo titulado Mondoñedo de la imaginación, publicado hai agora dous anos neste mesmo xornal no que recorda o Pazo de San Sidro -onde casaron os seus pais-, hoxe BIC e outrora propiedade da súa familia, «Visitarlo era como adentrarse en una novela gótica inglesa».
O seu amplo coñecemento e capacidade investigadora permítelle tratar temas que aconteceron antes de que nacera como se os tivese vivido, sabe ler e escoitar sen inventar o pasado. Fala do péndulo da democracia mentres trata de buscar o equilibrio. Mira dúas Galicias desde moito antes de que unha caixa as pintara con dúas velas, unha azul e outra verde e, aínda así ten outra idea do país. Miguel coñece a Leiras Pulpeiro, a Cunqueiro... Este último, un escritor que non cría no bilingüismo». Murado non ten complexos coas linguas, emprega o código e a variante diafásica máis axeitada aos seus receptores e non pon barreiras para ser entendido. Como bo comunicador sempre quere chegar a cantos máis receptores lle sexa posible. Teño entendido que é capaz de defenderse en cinco idiomas nos cales nunca oculta o seu acento galego.

O pregón

Hoxe Murado seguro que nos sorprenderá gratamente falando dos tempos nos que
Mondoñedo era unha potencia no téxtil ou do cura adiantado aos seus tempos que foi amoestado pola Inquisición por explicarlle aos seus parroquianos que a comuñón é tan doce coma comer unha filloa. Hoxe, Miguel Anxo Murado pregoa As San Lucas, hoxe é un bo día para cantar ao unísono: Vivan As San Lucas! Viva Mondoñedo!
Comentarios (0) - Categoría: O OUTEIRO DE MONDOFORTE - Publicado o 29-11-2017 10:15
# Ligazón permanente a este artigo
O Cancioneiro das San Lucas de Mondoñedo

nº 82 03/10/2017
LVG-AM e RV

Ilustración: Antón Caxoto
Texto: Fran Bouso



Chegou outubro e con el dúas grandes citas festivas na provincia, primeiro o San Froilán e arredor do 18 as San Lucas de Mondoñedo. As feiras e as festas sempre tiveron a súa banda sonora, para esta ocasión non escollo unha actual, voume aos anos setenta do pasado século. En outubro de 1970 celebrouse a primeira edición do Cancioneiro das San Lucas, un festival da canción galega que tivo continuidade ata o 73 e que volveu a convocarse por quinta e (que eu saiba) última vez no 1986.
Los Trovadores de Mondoñedo Na primeira edición acadou o primeiro premio dotado con 10.000 pesetas o grupo ?Cantigas?, de Ourense; os mindonienses Irma, Lalo e David -que se farían chamar ?Los Trovadores de Mondoñedo?- obtiveron as 5.000 pesetas do segundo; José Enríquez Fernández, da Coruña, fíxose co terceiro premio e 3.500 pesetas e o cuarto premio e 2.000 pesetas recaeu en Miguel Enríquez, tamén de A Coruña. Este festival celebrouse no Salón de Actos do Seminario ?Santa Catarina?. A segunda edición do certamen, celebrado en 1971, contaba con dúas modalidades de participación: ?Canción novas? para temas inéditos e ?Cancións vellas? no que se valoraba a calidade interpretativa de cancións xa coñecidas. ?Los Trovadores de Mondoñedo? co tema titulado ?O meu corazón?, musicado por Uxío Gar
cía Amor sobre unha letra do poeta santiagués Victoriano Taibo. ?Rosiña?, de Antón de Santiago e Ramiro Cartelle fíxose coas 25.000 pesetas ao quedar segundos na modalidade de ?Cancións novas?.
Los Apaches, de Foz, e Jei Noguerol, de Viveiro Os premiados na categoría de ?Cancións vellas? -por esta orde- foron:?Los Trovadores de Mondoñedo?; Xoán Rubia, de Mugardos; Ramiro Cartelle, de A Coruña e Enri
que Fernández Carou, de Rianxo. ?Los Apaches?, de Foz; Jei Noguerol, de Viveiro e un grupo de Bretoña foron outros dos participantes ademais do dúo local formado por Rosa López Rejes e Fernando do Redondelo. Os gañadores da terceira edición foron ?Folk 72?, de Lugo coa canción ?Fuxan os ventos?, título que lles deu nome a partir daquel momento; segundos quedaron ?Verbas xeitosas?, da Coruña co tema ?Nunca marcharei? e o terceiro premio foi para Ramiro Cartelle e Antón de Santiago que interpretaron ?Falareite de amores?. A praza da Catedral foi o lugar escollido para a celebración.
Chis, de Lourenzá, e Nós, de Mondoñedo No 1986, o primeiro premio foi para ?Chis?, de Lourenzá coa canción ?Lonxe de ti?; o segundo, para ?Nos?, de Mondoñedo por ?Cantas veces te chorei? e o terceiro concedéronllo a Miguel Rivas, de Lugo, que interpretou ?Poetas, cantantes e bardos?. José Manuel Orriols foi o encargado de presentar o festival que contou cun xurado integrado por Manuel Araújo, Xosé Díaz Jácome, Uxío García Amor e Félix Villares, que actuou como secretario. Neste momento hai moitos grupos e solistas amadores creando cancións, na Mariña e en toda Galicia, e un gran escenario para dalas a coñecer poderían ser as nosas festas máis antigas populares, As feiras e festas das San Lucas en Mondoñedo.
Comentarios (0) - Categoría: O OUTEIRO DE MONDOFORTE - Publicado o 29-11-2017 10:08
# Ligazón permanente a este artigo
A señora do cabalo, Maicarmen, estraperlista
nº 81 26/09/2017
LVG-AM e RV

Ilustración: Antón Caxoto
Texto: Fran Bouso


Os que a coñeceron ben, cando falan dela non tardan en dicir e repetir a palabra ?boa?. Chamar, chamábase Maria del Carmen, pero todos a coñeciamos por Maicarmen. Polo que me contaron non tivo unha vida doada, pero sempre soubo tirar cara diante, fora cal fora a situación. O seu marido era enfermo, por épocas -nos meses máis fríos do ano-, inválido. Ela tivo que buscar a forma de gañar a vida, porque ademais dun compañeiro doente, tiña fillos que manter. Meteuse no estraperlo. Polas alforxas do seu cabalo pasaban a Raia quilos e quilos de café, arroz e fariña, tamén aceite, mistos e ata teas para facer roupa. Maicarmen, muller previsora, sabía que habían chegar tempos peores nos que xa non tería forzas para baixar unha e ata dúas veces por semana a Portugal e por iso pagou o Censo. Maicarmen era respectada polos Gardiñas e pola Garda Civil. Das veces que lle deron o alto, soubo convencer aos axentes da lei dun e doutro lado da fronteira para que lle permitiran seguir co seu negocio, ela contáballes a súa situación e deixáballes caer algún paquete de café ou arroz, incluso tabaco. Maicarmen era respectada aquí e acolá. Ata salvou vidas naqueles momentos nos que deste lado da fronteira non había ou escaseaba a penicilina. Efectivamente, os tempos nos que o corpo xa no valía para pasar horas e horas, día e noite da cabalo do cabalo, mollada ou enxoita, con vento frío ou caendo os paxaros mortos chegaron. Por sorte, foi tempo despois da xubilación e Maicarmen xa tiña a súa paga para valerse e valer aos seus. Maicarmen tamén era xenerosa. Cando chegaba a pensión sempre había algo para repartir entre os seus e os seus eran moitos porque seus eran todos.
Sempre que a vin ía subida no cabalo, un animal moi alto -se cadra pasaba do metro e medio de alzada- , a pata dianteira dereita era negra como o resto do seu corpo e as outras tres brancas do xeonllo para abaixo, tiña pelo ata por riba dos cascos. Ela, alí arriba, parecía un xoguete.

Morreu con 102 anos

Catro ou cinco anos despois de empezar a recibir a paga empezáronlle unhas dores que cada vez ían a máis, chegando incluso a facerlle perder o coñecemento. Consultou con varios médicos do lugar, cada un ofrecía un diagnóstico diferente e un tratamento que non facía efecto. Un doutor de Santiago, que pasaba algún tempo polos veráns nun pazo das Rodrigas, díxolle que tiña cancro, anuncioulle que lle quedaba pouco de vida e receitoulle morfina nas doses que quixera para que fose levando os insoportables tormentos. Daquela Maicarmen andaba polos 70 anos. Maicarmen morreu con 102 anos, sen cancro e drogadicta por prescrición médica.
Comentarios (0) - Categoría: O OUTEIRO DE MONDOFORTE - Publicado o 29-11-2017 10:05
# Ligazón permanente a este artigo
© by Abertal
Fran Bouso - Mondoñedo T.I.C.



Warning: Unknown: Your script possibly relies on a session side-effect which existed until PHP 4.2.3. Please be advised that the session extension does not consider global variables as a source of data, unless register_globals is enabled. You can disable this functionality and this warning by setting session.bug_compat_42 or session.bug_compat_warn to off, respectively in Unknown on line 0