Despois de moitos anos sen saírmos navegar, por fin partimos de novo e botamos os aparellos na rede. Este é o noso bou, non será o enxebre, pero esperamos que embarquedes connosco como antes fixo a xentalla que vos precedeu.
Pretendemos darnos a coñecer, contarvos todo o que está pasando e tamén que vos fagades oír contándonos o que queirades. Podedes entregarlle os vosos traballos a calquera membro do equipo e tamén acudir ás reunións que se vaian convocando.
Esperamos que vos guste e agardamos as vosas colaboracións! E se non, sempre podedes ofrecernos a vosas opinións (favorábeis ; ) por suposto) nos comentarios do blogue.
Saúdos enxebres desde Bueu!
Un ano máis animámosvos a participar na concurso de felicitacións, que se rexe polas seguintes bases:
1. Pódese participar dentro das seguintes categorías:
Categoría A: Alumnado de 1º ciclo de ESO
Categoría B: Alumnado de 2º ciclo de ESO e PCPI
Categoría C: Alumnado de Ciclos Formativos e Bacharelato
2. Cada participante presentará o deseño dunha felicitación de Nadal orixinal e inédita que ocupe, como máximo, a metade dun tamaño A4.
3. A técnica utilizada será libre e, se se acompaña de texto, este deberá estar escrito en galego.
4. Os traballos entregaranse na Conserxería ata o venres 9 de decembro.
5. No reverso das felicitacións deberán figurar o nome e curso do autor ou autora, así como a categoría pola que participa.
6. Premiarase un traballo en cada categoría. Se nalgunha das categorías o premio quedase deserto, poderá darse un primeiro e segundo premio nalgunha das outras categorías.
7. A obra escollida polo xurado entre as premiadas, será editada e enviada ás casas.
8. Establécense os seguintes premios:
- Postal escollida para ser editada: vale de 40 euros.
- As outras premiadas: vale de 30 euros.
Moita sorte a todose a todas!
Este recreo pasámolo de medo cun grupo de alumnos e alumnas do Equipo que nos agardaba caracterizado para a ocasión... Ademais coa axuda do alumnado de 1º de ESO decoramos a entrada do centro e as alumnas de Estética tamén nos amosaron as súas terroríficas maquillaxes. Axiña veredes as fotos.
Onte pasamos un día inesquecible na cidade portuguesa de Porto. Visitamos a famosa livraria Lello e Irmao, coñecida por aparecer nunha secuencia dun dos filmes de Harry Potter; e a Casa da Música, onde nos explicaron algunhas curiosidades desta arte e do edificio.
Decatámonos de que ao sabermos galego sabemos portugués e podemos comunicarnos coas persoas do país veciño sen dificultades.
Agora toca descansar para collermos forzas para o vindeiro curso. Agardámosvos!!!
BO VERÁN!!!
O pasado venres 24 celebramos a despedida do Club de Lectura e o comezo das vacacións de verán cunha ruta por Donón e Cabo Home. Pasamos ademais unha xornada de praia estupenda. Xa sabedes, se vos animades a ler connosco o vindeiro curso seguro que o pasaremos igual de ben ca este. Boas vacacións e a seguir lendo!
O pasado día 25 de maio os nosos contadores e contadoras de contos acudiron ao CEIP A Pedra para contar as súas historias. Os contos foron os seguintes:
- Tío Lobo
- O segredo da illa de Ons
- Once damas atrevidas
- O home que quedou na casa
- A nova historia de Carapuchiña
O alumnado dos diferentes niveis foi pasando pola biblioteca do colexio para gozar da representación dos nosos contacontos de 1º de ESO, 2º de ESO e 1º de Bacharelato.
Se quederes visitar a biblioteca do cole A PEDRA e saber más da súa actividade podedes facelo pinchando aquí.
O pasado xoves 27 de abril o alumnado de 3º de ESO do CPI Santa Lucía de Moraña veu coñecer Bueu e o noso centro, dentro do intercambio organizado polos EDLG de ambos os centros. Xuntos visitaron o noso instituto, a lonxa, o centro da vila e a zona de Udra, onde comemos e mesmo algún atrevido-a se meteu na auga. No Faro de Vigo quedou constancia desta visita.
Posteriormente, o 9 de maio foi o noso alumnado o que viaxou ata Moraña. Alí fixeron unha ruta de sendeirismo por unha zona espectacular, foron convidados a xantar no comedor do centro e acudiron á presentación de varios traballos elaborados polo propio alumnado sobre a zona.
Un ano máis, coñecemos xente nova, un lugar diferente e vivimos unhas xornadas moi divertidas.
Aínda que non o tivo nada fácil, o xurado por fin escolleu os dous traballos premiados. Tratábase de ilustrar uns versos de LOIS PEREIRO, autor homenaxeado nas LETRAS GALEGAS 2011.
O primeiro premio foi para EVA AVENDAÑO e BELÉN AGULLA e o segundo para SANDRO CAEIRO, todos eles de 4º de ESO. Parabéns!
Moitas grazas a todas as persoas que participastes, pois a calidade dos traballos foi moi alta e a decisión difícil.
O mércores día 25 tivemos a oportunidade de parolar co escritorFran Alonso, autor do libro Cartas de amor, unha serie de relatos en forma de cartas escritas por diferentes mulleres relacionadas polo amor, o desamor, as desgracias e as lemnranzas.
Puidemos falar con el sobre os temas que o inspiran á hora de escribir ou sobre a escolla dos títulos e das portadas dos libros, pero tamén o escoitamos recitar poemas do seu último libro O meu gato é un poeta.
Se queredes saber máis sobre el, recomendámosvos os seguintes enlaces sobre o autor. Se preferides entrar no seu Facebook, podedes facelo dende aquí.