IGUAIS, PERO DIFERENTES.
Como unha especie de ponte cara ao primeiro tema do libro imos falar da identidade, que aínda que é unha palabra cuxo sinónimo é ?igualdade?(se es idéntico a alguén, es igual a esa persoa) curiosamente é unha cualidade que nos fai realmente distintos a uns dos outros. Aplicado este termo a unha comunidade estable en relación coa Natureza, ao longo da Historia, nun Territorio, cunha Cultura e unha Lingua propias, fai de nós un país.
Vaiamos ao dicionario: IDENTIDADE: Conxunto de características ou elementos que definen unha persoa ou cousa fronte ás demais, o que fai que sexa recoñecida como tal.
LINGUA, HISTORIA E SOCIEDADE.
Como somos seres que vivimos en sociedade, como somos persoas con Historia insertos nunha comunidade con pasado imos reparar na nosa árbore filolóxica ou de identidade para saber de quen veño sendo eu, cales son as raíces idiomáticas que me unen a esta Terra que se chama Galicia, para logo poder analizar o presente e mesmo planear a miña actitude futura cara ao galego. Unha autora moi nova, Berta Dávila, dixo recentemente nunha entrevista:
"...a identidade pasa por entender quen somos, quen fomos e por que somos. Somos en función do pasado, do que fomos antes"? ? a lingua vennos dada, pero nunha situación de conflito como a que temos nós, tamén é unha elección.?
NA PROCURA DA ETIMOLOXíA DA PALABRA: GALICIA
Etimos + logos son dúas palabras gregas en orixe. Procurar a orixe verdadeira das palabras é buscar a etimoloxía dunha palabra, indagar de onde procede e cal é o seu significado orixinario.
Imos saber hoxe de onde procede a palabra GALICIA, quen nos puxo este nome, e mesmo coñecer un sufixo moi usado na nosa lingua, tanto que aparece na palabra gal-ego. Visualiza este dous vídeos e logo responde as cuestións:
Cuestións:
1- Cal é o obxectivo do micro programa "Ben falado"?
2- O galego vén do latín, o latín vén a ser a nai da nosa lingua, pero quen é a avoa do galego?
3- Quen lle puxo o nome de Gallaecia a Nosa Terra:
4- Dos sufixos latinos aic /eic = -ego naceu un sufixo moi galego. Cita tres palabras que o conteñan.
5- Por que cres que a montaxe que inclúe o primeiro dos vídeos denomínase "palabras milenarias"? Argumenta a resposta.
6- "Chover miudiño" e ?ás cuncas" ou "a cachón?, "a caldeiro"... Que diferenza hai?
7- Cal é a etimoloxía de "Galicia"ou de Callaecia?
8- O galego forma parte do privilexiado 5% que significa isto?
9-En que continentes hai máis linguas?
10-Cantas das linguas do mundo se falan en Europa?
11-De quen depende a continuidade das nosas linguas?
12- Expresa coas túas palabras como cres que nace un idioma e por que é tan importante a súa pervivencia no mundo.
PROXECTO DE AULA: DA LINGUA DE 1900 ATA HOXE Indaga logo: E TI DE QUEN VÉS SENDO? .
A MIÑA ÁRBORE DE IDENTIDADE
1º Que falaban os meus bisavós entre eles e que lle falaron aos meus avós?
2º Que falaban os meus avós paternos entre eles e que lle falaron aos meus pais? / que falaban meus avós maternos e que lle falaron a miña nai? Uns e outros, sobre que ano naceron, onde viviron, que oficio tiveron? Todas estas cousas influiron no idioma que falan.
3º Que fala o meu pai coa miña nai e en que idioma me fala a min?/ en que idioma fala miña nai ao meu pai e en que idioma me fala ela a min?
O idioma é a chave
coa que abrimos o mundo:
o salouco máis feble,
o pesar máis profundo.
O idioma é a vida,
o coitelo da dor
o murmurio do vento
a palabra de amor.
O idioma é o tempo,
é a voz dos avós
ese breve ronsel
que deixaremos nós.
O idioma é un herdo,
patrimonio do pobo,
maxicamente vello,
eternamente novo.
O idioma é a patria,
a esencia máis nosa,
a creación común
meirande e poderosa.
O idioma é a forza
que nos xungue e sostén
se perdemos a fala
non seremos ninguén.
O idioma é o amor
o latexo, a verdade
a fonte da que agroma
a máis forte irmandade.
Renunciar ao idioma
é ser mudo e morrer
precisamos a lingua
se queremos vencer.
Manuel María.
10- PROXECTO DE AULA DA UNIDADE 0: O poeta emprega unha morea de metáforas para definir o idioma: Unha metáfora é unha identificación dun termo real (o idioma) cun termo imaxinario ( a chave) que é posible porque hai un elemento que as une (o idioma e a chave abren algo). Atopa outras dúas metáforas no poema e indica cal é o seu termo real e o imaxinario.
Crea a túa propia e logo deseñemos a primeira banda deseñada do curso coas distintas ideas que realicemos.
MAIS, COMO NACE UN IDIOMA?
Un idioma non nace pola vontade xenial dun grupo de homes; nace pola disposición psicolóxica dun pobo, que, en condicións históricas favorables, crea unha cultura e a súa correspondente maneira de expresión... un idioma é o corpo sensible dunha cultura, e todo atentado á lingua peculiar dun pobo representa un atentado á súa cultura peculiar. Mais os pobos teñen unha forza máxica, invulnerable, e por iso as nacións asoballadas poden verse privadas do seu poder creador, ou poden converterse en parasitos da cultura dominante; pero endexamais se deixan asimilar.
CASTELAO, Sempre en Galiza.
LEMBRA como o dicía tamén ANTÓN VILAR PONTE: Que cousa máis orixinal que a lingua dun pobo, xerada por accións e reaccións seculares entre o home e a Natureza, para facelo diverso no universo? (...)
O problema do idioma en Galiza é un problema de cultura. Estamos fartos desa cultura esterilizada que nos fan mamar por biberón. Nós queremos mamar a cultura na propia teta. Pedimos garantías legais para o desenvolvemento natural do noso espírito, porque queremos volver a presentarnos dignamente no mundo, levando nas mans o ouro da nosa cultura (sabedoría manifestada) para ofrendarllo ao acervo espiritual da Humanidade.
CASTELAO, Sempre en Galiza
8. A cultura é un alimento dos seres humanos? Propón os termos reais das metáforas do biberón e da teta.
9. Que está pedindo Castelao cando di pedimos garantías legais para o desenvolvemento natural do noso espírito?
10. Como podemos ser creativos coa nosa cultura e coa nosa lingua?
A nosa lingua é o camiño de ouro da nosa redención e do noso progreso: sen a lingua morreremos como pobo, e nada significaremos endexamais na cultura universal. Se o galego quere ser máis que habitante dun territorio, se arela ser un factor de universalidade e de cosmopolitismo, soamente co emprego da lingua propia, obra da natureza, poderá selo. Arrenegando da lingua terá que avergoñarse sempre de si mesmo. Creando valores na lingua propia, axiña seremos universais?
ANTÓN VILAR PONTE, Pensamento e sementeira.
Cuestións sobre o texto:
4.Que diferenza existe, segundo Vilar Ponte, entre un galego habitante ou residente e un galego falante?
5.Como podemos ser verdadeiramente universais?
6.Este texto escribiuse no ano 1918, no contexto da creación das Irmandades da Fala, tendo en conta o seu nome, cal cres ti que é unha das meirandes contribucións deste movemento?
Segue tendo vigor o punto de vista de Vilar Ponte? Razoa a resposta.
Algúns homes -galegos tamén- andan a falaren dun idioma universal, único para toda a nosa especie. Son os mesmos que buscan a perfección baixando pola escada zoolóxica, deica sentiren envexa das formigas e das abellas. Son os mesmos que perderon o anceio de chegaren a ser deuses, e renegan das inquedanzas que produce a sabedoría. Son os mesmos que consideran o mito da Torre de Babel como un castigo, e renegan da vida ascendente. Mais eu dígolles que a variedade de idiomas, coa súa variedade de culturas, é o signo distintivo da nosa especie, o que nos fai superiores aos animais. Velaí vai a demostración: Un can de Turquía ouvea igual que un can de Dinamarca; un cabalo das pampas arxentinas rincha igual que un cabalo de Bretaña. ¿E sabedes por que? Porque os pobres animais aínda están no idioma universal.
CASTELAO, Sempre en Galiza
1- Por que cres que pode haber algúns homes que poidan sentir envexa das formigas e das abellas?
2-Por que cres que esas persoas consideran un castigo o mito da Torre de Babel? Que sabes ti sobre este pasaxe da Biblia? Quererías ti que existise un idioma universal ou conformaríaste con saber idiomas? Por que?
3- Segundo Castelao, que caracteriza ao ser humano fronte ás restantes especies animais?
Benvidos ao curso 2016-17. Esta ano imos traballar co lema da Xustiza e, en relación a nosa materia, hai moito que dicir. Comecemos logo:
Porque somos iguais, pero diferentes.
Porque xustiza non é sempre igualdade.
Porque non debemos silenciar a nosa forma de ver o mundo.
Porque se aínda somos galegos é por obra e graza do idioma.
CALAR OU FALAR?
Leamos o seguinte poema para logo comentalo e realizar un primeiro proxecto, o primeiro do curso, sobre este texto:
A LETANÍA DE GALICIA /1968: Uxío Novoneyra.
De tanto calar xa falo eu solo.
GALICIA digo eu / un di ..............GALICIA
GALICIA decimos todos ..............GALICIA
astr´os que calan din ...................GALICIA
e saben .......................................sabemos
GALICIA da door chora ...............á forza
GALICIA da tristura triste ............á forza
GALICIA do silencio calada ..........á forza
GALICIA da fame emigrante .........á forza
GALICIA vendada cega ................á forza
GALICIA tapeada xorda ...............á forza
GALICIA atrelada queda ...............á forza
libre pra servir ....................libre pra servir
libre pra non ser .................libre pra non ser
libre pra morrer ..................libre pra morrer
libre pra fuxir .....................libre pra fuxir
GALICIA labrega ...............GALICIA nosa
GALICIA mariñeira ............GALICIA nosa
GALICIA obreira ...............GALICIA nosa
GALICIA irmandiña ...........GALICIA viva inda
recóllote da terra ................estás mui fonda
recóllote do pueblo..............estás nil toda
recóllote da HISTORIA ......estás borrosa
recóllote i érgote no verbo enteiro
no verbo verdadeiro que fala o pueblo
recóllote prós novos que vein con forza
prós que inda non marcou a malla d´argolas
prós que saben que ti podes ser outra cousa
prós que saben que o home pode ser outra cousa
sabemos que ti podes ser outra cousa
sabemos que o home pode ser outra cousa.