O problema do idioma en Galiza é un problema de cultura. Estamos fartos desa cultura esterilizada que nos fan mamar por biberón. Nós queremos mamar a cultura na propia teta. Pedimos garantías legais para o desenrolo natural do noso espírito, porque queremos volver a presentarnos dignamente no mundo, levando nas mans o ouro da nosa cultura (sabedoría manifestada) para ofrendarllo ao acervo espiritual da Humanidade.
CASTELAO, Sempre en Galiza
8. A cultura é un alimento dos seres humanos? Propón os termos reais das metáforas do ?biberón? e da ?teta?.
9. Que está pedindo Castelao cando di pedimos garantías legais...?
10. Como podemos ser creativos coa nosa cultura e coa nosa lingua?
A nosa lingua é o camiño de ouro da nosa redención e do noso progreso: sen a lingua morreremos como pobo, e nada significaremos endexamais na cultura universal. Se o galego quere ser máis que habitante dun territorio, se arela ser un factor de universalidade e de cosmopolitismo, soamente co emprego da lingua propia, obra da natureza, poderá selo. Arrenegando da lingua terá que avergoñarse sempre de si mesmo. Creando valores na lingua propia, axiña seremos universais.
Eses que viven de costas ás orixes dificilmente poderán redimirse da servidume do mimetismo. Que cousa máis orixinal que a lingua dun pobo, xerada por accións e reaccións seculares entre o home e a Natureza, para facelo diverso no universo?
ANTÓN VILAR PONTE, Pensamento e sementeira.
Cuestións sobre o texto:
5.Que diferenza existe, segundo Vilar Ponte, entre un galego habitante ou residente e un galego falante?
6.Que cres que significa a expresión ?redimirse da servidume do mimetismo?. Por que parece tan importante ser orixinais no universo?
7.Este texto escribiuse no ano 1918, no contexto da creación das Irmandades da Fala, tendo en conta o seu nome, cal cres ti que é unha das meirandes aportes deste movemento? Segue tendo vigor o punto de vista de Vilar Ponte? Razoa a resposta.
Algúns homes -galegos tamén- andan a falaren dun idioma universal, único para toda a nosa especie. Son os mesmos que buscan a perfección baixando pola escada zoolóxica, deica sentiren envexa das formigas e das abellas. Son os mesmos que perderon o anceio de chegaren a ser deuses, e renegan das inquedanzas que produce a sabedoría. Son os mesmos que consideran o mito da Torre de Babel como un castigo, e renegan da vida ascendente. Mais eu dígolles que a variedade de idiomas, coa súa variedade de culturas, é o signo distintivo da nosa especie, o que nos fai superiores aos animais. Velaí vai a demostración: Un can de Turquía ouvea igual que un can de Dinamarca; un cabalo das pampas arxentinas rincha igual que un cabalo de Bretaña. ¿E sabedes por que? Porque os pobres animais aínda están no idioma universal.
CASTELAO, Sempre en Galiza
1- Por que cres que pode haber algúns homes que poidan sentir envexa das formigas e das abellas?
2-Por que cres que esas persoas consideran un castigo o mito da Torre de Babel? Que sabes ti sobre este pasaxe da Biblia? Quererías ti que existise un idioma universal ou conformaríaste con saber idiomas? Por que?
3- Segundo Castelao, ¿que caracteriza ao ser humano fronte ás restantes especies animais?
Comezamos o curso 2015-16 adaptando o lema do centro relacionado coa creatividade e a capacidade de innovación. Nós utilizamos a coñecida cita bíblica " in principio erat verbum..." e un poema como limiar da UNIDADE CERO do CURSO:
Maxicamente vello, eternamente novo
O idioma é a chave
coa que abrimos o mundo:
o salouco máis feble,
o pesar máis profundo.
O idioma é a vida,
o coitelo da dor
o murmurio do vento
a palabra de amor.
O idioma é o tempo,
é a voz dos avós
ese breve ronsel
que deixaremos nós.
O idioma é un herdo,
patrimonio do pobo,
máxicamente vello,
eternamente novo.
O idioma é a patria,
a esencia máis nosa,
a creación común
meirande e poderosa.
O idioma é a forza
que nos xungue e sostén
se perdemos a fala
non seremos ninguén.
O idioma é o amor
o latexo, a verdade
a fonte da que agroma
a máis forte irmandade.
Renunciar ao idioma
é ser mudo e morrer
precisamos a lingua
se queremos vencer.