|
|
|
O poema Penélope |
|
Ao traballar este ano o xénero literario da poesía desde principio de curso, vimos facendo fincapé na sensibilidade do alumnado para achegarse a textos como o presente realizando un esforzo á hora de intentar abordar unha interpretación o máis axustada posible ás intencións creativas e literarias do autor.Realizamos logo un achegamento ao vocabulario deste poema, ao tipo de estrofas, medida, estrutura e rima dos seus versos. Tamén reparamos na súa estrutura desde o punto de vista do contido.
Analizamos para a súa interpretación os principais recursos e a significación. Partimos para elo do repaso do contido da Odisea e dos seus personaxes mitolóxicos ata lembrar os problemas que tiña Galicia ao longo do século XX, na época na que vivía Díaz Castro.
O texto do poema e tamén varias versións cantadas, atópase na entrada de máis abaixo, ademais de que realizamos un ditado na aula, polo que cada alumno ten o seu texto na libreta. |
|
|
|
SOBRE DÍAZ CASTRO |
|
Con motivo das Letras Galegas, cada curso temos que organizar un tema específico sobre o autor que se homenaxea. Trátase dun tema especial cuxa materia aparece na programación, materia avaliable , pero que elaboramos e traballamos na aula. Este ano 2014 o autor é Díaz Castro. Nesta semana traballamos sobre a súa vida e a súa obra, na aula.
Un enlace como o que incorporamos, permítenos ver a Exposición sobre Díaz Castro que está na Biblioteca de Secundaria, que se pode visitar en horario de recreo, ademais das actividades que se poder realizar a partir da mesma. Podedes ver tamén neste enlace os carteis de secundaria.
REALIZAREMOS UNS CUESTIONARIOS BÁSICOS PARA SIMPLIFICAR O TRABALLO E OS CONTIDOS ESIXIBLES:
CUESTIONARIO DÍAZ CASTRO (I)
1-En que ano e en que lugar e concello naceu Díaz Castro?
2- Díaz Castro era de familia...? En que lugar estudou?
3- De que forma inflúe o lugar de estudo á hora de crear a súa poesía?
4- En que cidade fóra de Galicia residiu 20 anos da súa vida? A que se dedicaba?
5- Cantos idiomas dominaba?
6- Deixou dous poemarios inéditos, que significa iso? Como se chaman?
7- En onde publica o seu poema máis famoso por vez primeira? Como se chama este poema?
8- Cal é o título do seu poemario editado no ano 1961?
De que partes está formado?
9- Cando volve a súa vila natal? En que revista e con que asociación colabora?
10- En que ano morreu? Que corrente literaria de preguerra inflúe na súa obra? Que outros poetas lugueses inflúen nos seus versos?
|
|
|
|
Un poema de Díaz Castro: Penélope |
|
Penélope
Un paso adiante e outro atrás, Galiza,
e a tea dos teus soños non se move.
A espranza nos teus ollos se esperguiza.
Aran os bois e chove.
Un bruar de navíos moi lonxanos
che estrolla o sono mol coma unha uva.
Pro tí envólveste en sabas de mil anos,
e en sonos volves a escoitar a chuva.
Traguerán os camiños algún día
a xente que levaron. Deus é o mesmo.
Suco vai, suco vén, Xesús María!,
e toda a cousa ha de pagar seu desmo.
Desorballando os prados coma sono,
o Tempo vai de Parga a Pastoriza.
Vaise enterrando, suco a suco, o Outono.
Un paso adiante e outro atrás, Galiza!
Xosé María Díaz Castro, Nimbos (1961)
CUESTIÓNS:
Despois de ler o poema procura no diccionario o significado das palabras que non coñezas.
Quen era Penélope? Por que cres que leva este título o poema?
Imos logo saber máis sobre Díaz Castro
|
|
|
|
DE ROSALÍA |
|
En Follas novas atopase un dos máis logrados poemas de Rosalía sobre a muller do emigrante. Vemos un retrato desta muller forte que realiza soa as máis duras tarefas: sementa o campo, recolle leña no monte, leva a herba e a augua... A rudeza dos traballos contrasta coa tenrura e delicadeza que reflicten as súas palabras:
Tecín soia a miña tea,
sembréi soia o meu nabal,
soia vou por leña ó monte,
soia a vexo arder no lar.
Nin na fonte nin no prado,
así morra coa carrax,
él non ha de virme a erguer,
él xa non me pousará.
¡Qué tristeza! O vento soa,
canta o grilo ó seu compás...;
ferve o pote..., mais, meu caldo,
soíña te hei de cear.
Cala, rula; os teus arrulos
ganas de morrer me dan;
cala, grilo, que si cantas,
sinto negras soidás.
O meu homiño perdéuse,
ninguén sabe en ónde vai...
Anduriña que pasache
con él as ondas do mar;
anduriña, voa, voa,
ven e dime en ónde está.
(F. N. 287)
O final lembra, como o poema citado anteriormente, as cantigas de amigo medievais, pero ao carácter intensamente lírico destas engádense notas de realismo que asocian o poema a unha estrutura social moi determinada, as xentes humildes. Os traballos enumerados no poema só en Galicia son realizados por mulleres, e non só en ausencia dos homes, senón na súa compaña. Fixémonos en que ela di que, aínda que morra baixo o peso da carga, el non ha de vir a axudala a erguer e a pousar. En Galicia, as mujeres labregas transportan, apoiándoos nos ombreiros ou sobre a cabeza, grandes pesos (feixes de herba, cestas e cántaros...) que outra persoa ten que axudarlles a subir e baixar.
A carón das notas realistas achamos no poema unha intensa vivencia da soidade -obsérvese a reiteración expresiva da palabra soia-, sentimento que, posiblemente, está moi presente na propia Rosalía, pero que é tamén unha característica galaica (a saudade é un trazo típico da nosa literatura). E, informando, envolvendo ao poema en unha atmosfera especial, sitúase como esencial a tenrura; tenrura disimulada baixo a dureza dos primeiros versos, que pintan a unha muller solitaria entregada a rudas tarefas, e que se manifesta por primeira vez nesa reiteración expresiva da palabra el: «él non ha de virme a erguer, él xa non me pousará», e nese adverbio xa, evocador de tempos pasados. A partir de ese momento, a afectividade maniféstase na proliferación de posesivos e diminutivos: «Ferve o pote, mais, meu caldo, soíña te hei de cear», «o meu homiño perdéuse»; perfectos exemplos estes do carácter afectivo e non cuantitativo dos diminutivos en galego.
As evocacións ao mundo natural poñen de relevo a súa sensibilidade a través da natureza que a rodea: vento, grilo, rulas e anduriña son outro elemento destacable funcionando como símbolos do paso do tempo en soidade, do amor e da saudade que sinte.
Polo seu realismo, a súa saudade e a súa tenrura, o poema constitúe un fermoso canto á personalidade da labrega galega no que se evidencia tamén ese pensamento protofeminista que Rosalía representa ao poñer a súa atención o seu centro de interese sobre a muller e as súas condicións de vida. A sá soidade asociada a súa fortaleza e capacidade de valerse por si mesma en situacións duras.
|
|
|
|
|