blogalizando



O meu perfil
 CATEGORÍAS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

O camiño de Sto. André de Teixido.
Para rematar o Mes de Defuntos procuraremos aprender algo que nos caracteriza como galegos que é a nosa especial relación coa morte: O feito esencial de que vivimos no Cabo do mundo.
Analizaremos unha curiosa peregrinación que debemos realizar todos, ben de vivos ou ben de mortos. Di o refrán: "a Santo André de Teixido, vai de morto quen non foi de vivo".

Este curioso documental que ademais de localizar este santuario na Costa da Serra da Capelada, perto de Fisterra. Logo conta a lenda de Santo André e como hai tradición de que vaian en peregrinación vivos e mortos a aquel lugar. Os mortos necesariamente por seren romeiros do Alén(precisan mesmo a axuda de familiares vivos para atoparen o camiño desa Illa do Alén cara á que se dirixen, iso si, unha vez chegados a Teixido. De aí os amilladoiros de pedras. Os vivos por ofrecemento ou promesa para sandar algún mal para o que moitos acoden co ataúde.
Pero un lugar máxico tamén presenta rituais que teñen que ver coa vida como o asociado á fonte dos tres canos ou a herba de namorar ou o xunco do bon parir.
No santuario, un dos máis visitados de Galicia, véndense tamén un amuleto-recordo que é pan de Santo André.




Imos pois despois de ver o vídeo responder as seguintes cuestións:
- Que significa a expresión romeiros do Alén?
- De que se queixaba Santo André a Xesucristo ao se instalar o seu santuario neste lugar de Teixido? Que lle contesta Cristo?
-Como pode ir un morto que non foi de vivo a Santo André ou a calquera outra romaría ao que estaba ofrecido? Que significa "petar no sartego"?
- Por que motivos acoden ao santuario os vivos?
- Define os seguintes conceptos: Romaría, Alén, ofrecemento, "herba de namorar", amilladoiros, "xunco do bon parir", procura tamén dous sinónimos de ataúde:...
Comentarios (7) - Categoría: TRADICIÓN ORAL - Publicado o 29-11-2017 06:21
# Ligazón permanente a este artigo
A COMPAÑA



Léxico da morte
Comentarios (0) - Categoría: TRADICIÓN ORAL - Publicado o 28-11-2017 06:39
# Ligazón permanente a este artigo
PARA UN 25 N.


Saibamos primeiro definir a palabra machismo.

Logo procuremos a definición no dicionario da palabra feminismo.

A orixe desta data

Tipoloxía:
-Os mM utilitarios, que forzan a disponibilidade feminina aproveitándose de
diversos aspectos "domésticos" do comportamento feminino tradicional, para
aproveitarse deles, especialmente no ámbito das responsabilidades
domésticas. Por exemplo: "Non pasar o ferro, non facer a cama, lavar a louza ou poñer a lavadora na casa"

-Os mM encubertos, que abusan da confianza e credibilidade feminina ocultando o seu obxectivo.Por exemplo: "o control do móbil da túa parell"

-Os mM de crise que forzan a permanencia no statu quo des-igualitario cando este se
desequilibra, xa sexa por aumento do poder persoal da muller, ou por disminución do do
varón. "a igual traballo o soldo da muller é menor que o dun home ou se prefire contratar a un home"

-Os mM coercitivos que serven para reter poder a través de utilizar a forza psicolóxica ou
moral masculina. "As mulleres non saben conducir".
Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 24-11-2017 10:15
# Ligazón permanente a este artigo
PARA A 1ª AVALIACIÓN
Temas do Libro 1, 2 e 3:
EXPRESIÓN E COMUNICACIÓN:
-A descrición:obxectiva e subxectiva.

OS NOMES DAS COUSAS:-A Aula.
- O corpo, os sentimentos e a saúde.
- A morte: (relatos da tradidión oral).

LINGUA E SOCIEDADE:
- As linguas do mundo: As linguas románicas e as da nosa península.
- As familias de linguas do mundo: O indoeuropeo.
- A lingua dos nosos avós.

GRAMÁTICA:
- Clases de palabras.
- Os Sufixos
- O substantivos: Xénero e número.

ESCRIBIR BEN:
-Acentuación

LITERATURA:
- Xéneros literarios. Épica, lírica e dramática.
- O xénero narrativo: os seus elementos.
Comentarios (3) - Categoría: Xeral - Publicado o 19-11-2017 23:06
# Ligazón permanente a este artigo
AS LINGUAS DA NOSA PENÍNSULA

Debemos reparar que as 8 linguas que se falan na península, hai Comunidades Autónomas que non recoñecen como oficial ditas linguas.

Namentres que o castelán é a lingua oficial do Estado Español o galego é cooficial en Galicia, goza dun certo recoñecemento en Castela e León, pero Asturias e Estremadura nin o nomean nos seus respectivos estatutos e os seus falantes nestes territorios están totalmente desprotexidos.

O catalán é cooficial en Cataluña, esta comunidade recoñece comno cooficial tamén o aranés, lingua que se fala tamén en Francia e que alí non está recoñecida. Nas Illas Baleares e na Comunidade valenciá tamén é oficial o catalán, aínda que nesta última recibe o nome de valenciá. Mais o catalán que se fala en Murcia non está recoñecido, como tampouco o que se fala na zona sur de Francia denominada o Rosellón.

O éuscaro é cooficial en Euskadi e en Navarra, pero nas zobnas de Francia onde se fala non está recoñecida esta lingua que é a máis antiga das faladas na península ao non pertencer á familia indoeuropea, como as demais.

O portugués é oficial en Portugal, pero nas zonas de Salamanca, Cáceres ou Badaxoz onde se fala non está recoñecido. Pola contra o estado portugués recoñece o mirandés (unha lingua astur-leonesa) no territorio onde se fala, por iso é curioso que o astur-leonés non estea recoñecido como cooficial nin en Asturias nin en Castela e León.

O aragonés tampouco está recoñecido na súa comunidade e é unha lingua que está nun grave perigo de desaparición pola perda de falantes.

Debemos falar de dúas linguas máis que se sitúan realmente fóra da península, pero nas comunidades norteafricanas de Ceuta e Melilla. Neste territorio hai un importante número de falantes de árabe e de tamazig que son idiomas non recoñecidos polas autoridades destas cidades.

Como podemos apreciar danse situacións ben distintas dependendo do recoñecemento das linguas por parte dos gobernantes que administran estes territorios. Hai estados máis sensibles coa súa protección e outros menos, asi como hai linguas que se respectan plenamente e outras que son atendidas de maneira diferente.
Comentarios (1) - Categoría: AS LINGUAS DO MUNDO - Publicado o 13-11-2017 17:57
# Ligazón permanente a este artigo
SE A AVELAIONA LAIA...

Se a avelaiona laia, prepara a mortalla!!
Comentarios (0) - Categoría: TRADICIÓN ORAL - Publicado o 09-11-2017 18:13
# Ligazón permanente a este artigo
MORTE BRANCA, MORTE MOURA

Hai que ser cego para non ver que en Galicia a morte ten características de auténtico deus. É unha divindade temida, pero tremendamente xusta, que fai a todos por igual porque non ten dúas vara de medir. Ás veces a Morte duplícase en dúas irmás, unha branca e outra moura.

A Morte avisa sempre da súa chegada, esa é a Morte Branca, que se presenta para dar o tempo que os homes precisan para axustar contas e despedírense. Logo virá a Morte Moura, esta xa vestida de negro, para levarse deste mundo aos avisados.

Nunha ocasión a Morte Branca, e como excepción, disque tivo compaixón. Tratábase dun home novo, san, cos fillos sen criar aos que había que manter. Prometeulle volver e avisalo convenientemente. O home chegou a vello. Un día, entre o lusco e fusco, chegou a Morte, petou na porta e ordenoulle:

- Vamos!
- Como? Non quedaches en darme os avisos?
- Xa chos din.
- Non tal.
- Caéronche o pelo e os dentes?
- Caeron.
- Perdiches a vista?
- Perdín.
- Haiche que berrar para que oias?
- Hai.
- Andas engoumado e cos pés a rastro?
- Ando.
- E logo, que máis avisos querías?

A Morte Moura irmá da Morte Branca, nunca fai a viaxe en balde, aínda que se trate de enganala, é inexorable.

Cóntase dun pai moi pobre que se botou aos camiños en busca dun padriño para un fillo acabado de nacer. Ofrecéronselle o Demo e mais Deus, pero non os aceptou por inxustos, por tratar distinto a uns doutros. Despois ofrecéuselle a Morte e aceptouna porque non fai distingos. Ademais a Morte prometeulle facer ao seu afillado rico.
- Será médico sen necesidade de estudos. Se me ve a min á cabeceira dun doente, dirá que non ten remedio; se me ve aos pés da cama, que receite o que se lle ocorra, que non hai perigo.

O afillado medrou, fíxose médico sen estudos e fartouse de gañar cartos. Pero nunha ocasión o doente era rico, moi rico e poderoso e ofreceu montes e moreas se o salvaban. O padriño, a Morte, axexaba á cabeceira da cama, pero o afillado devecía polo capital prometido.
A Morte contaba os segundos. O afillado tivo un alustre e ordenou:

- Sacalo da cama! Agora, deitádeo cos pés para a cabeceira!

Así o fixeron. O doente librou, pero o afillado non se lembrara de que a Morte nunca fai as viaxes en balde e alí mesmo, de pé como estaba, morreu.

CUESTIÓNS
Despois da lectura fai un resumo coas túas palabras destas narracións tradicionais, pero antes debes consultar e apuntar tamén aquelas palabras que non coñezas como, por exemplo: inexorable, alustre...ou expresións como "ter dúas varas de medir" " ofrecer montes e moreas"
Comentarios (0) - Categoría: TRADICIÓN ORAL - Publicado o 06-11-2017 18:54
# Ligazón permanente a este artigo
MES DE DEFUNTOS


Resumimos o contido do vídeo.

GALICIA é o país dos mortos... preparando a entrada no mes de Defuntos deixamos uns enlaces a vieiros da escola, a cultura galega .

Na rede hai abertos debates sobre a denominación destes días, por exemplo, en Bretemas onde hai testemuñas moi interesantes como unha que fala do que se facía tradicionalmente na Illa de Arousa, lugar especialmente interesante no relacionado co culto aos mortos, parece ser que os rapaces ese día van pedir polos defuntiños. Noutro blog, ladrándolle á lúa, dáse esta opinión:

A pesar do que moitos pensan, o Samaín é unha festa que sempre se celebrou en Galicia aínda que non en todas partes con esta denominación. Para moitos será máis coñecida como o día das cabazas ou das caveiras. Parece ser que esta tradición foi espallada polos celtas, que celebraban a chegada do inverno e con el, o nacemento dun novo ano. Samaín vén a significar en gaélico "fin do verán".
Desde sempre, nas vilas e aldeas de Galicia, os rapaces deixaban nas encrucilladas as cabazas ou calacús cunha candea acesa no seu interior para asustar os camiñantes.
Hai outros como Méndez Ferrín que non aceptan esta orixe e sosteñen que se trata dunha manifestación do imperialismo estadounidense que impuxo o Halloween en todo o mundo, fronte aos que aceptan que efectivamente esta manifestación do día 1 de novembro veu dos EE.UU., pero nunha viaxe de volta, pois serían os emigrantes irlandeses os que levaran esa tradición a América durante o século XIX e principios do XX. Sexa como for, cada día se recupera en máis lugares a celebración do Samaín.

Desde o San Narciso pensamos que sendo sensibles coas nosas tradicións debemos ser fieis en primeiro lugar ás denominacións propias como a de Tempo de Santos ou Defuntos. Logo cremos que debería estar tan presente ou máis que a palabra cabaza outras denominacións como calacús, sendo esta denominación a referida a unha cabaza de grandes dimensións e máis propia das hortas de Galicia que a laranxa valenciana que compramos no super.

E xa postos a reivindicar produtos da terra botamos de menos a posta en valor da castaña neste tempo de magostos onde a castaña é símbolo do morto. Antigamente botábanse dende os campanarios das igrexas mamucas(castañas cocidas)ou tamén bullós ( asadas) para que os rapaces e maiores, que as apañaban, rezasen un noso pai pola salvación da ánima que representaba aquela castaña. Tamén era habitual realizar un magosto ao pé dos cemiterios onde antes se facía comida(comer cos defuntiños) cando non se deixaba (aínda se deixa) un prato na mesa baleiro e a mesa sen recoller tal día como hoxe para os defuntos da casa, comíase bacallau e de postre, sempre castañas.

Logo, estamos ou non estamos no país dos mortos?

Tras ler os textos e opinións resposta:

1- Que denominación cres que debemos utilizar para as celebracións tradicionais galegas destes días? Razoa a resposta con dous argumentos.

2- Que é un calacú? Que é unha mamuca?

3- O costume de tallar cabazas é tradicional en Galicia ou veu de fóra?

4- Galicia celebra o Samaín ou o Halloween? razóa a resposta.

5- Que outros costumes tradicionais son propios do mes de Novembro no noso país?
Comentarios (2) - Categoría: TRADICIÓN ORAL - Publicado o 03-11-2017 06:56
# Ligazón permanente a este artigo
© by Abertal

Warning: Unknown: Your script possibly relies on a session side-effect which existed until PHP 4.2.3. Please be advised that the session extension does not consider global variables as a source of data, unless register_globals is enabled. You can disable this functionality and this warning by setting session.bug_compat_42 or session.bug_compat_warn to off, respectively in Unknown on line 0