Poderemos visitar a Mámoa do Rei... na contorna da lagoa de Castiñeiras. Coñécese co nome de Chan de Castiñeiras un conxunto megalítico formado por sete mámoas, agrupadas en dúas áreas. Datan do Calcolítico, entre o 2500 e o 2000 a. C., e de entre todas elas destaca a Mámoa do Rei, un amplo túmulo de trinta metros de diámetro con dolmen de corredor.
PARA CREAR OPINIÓN.Estamos preparando un debate para chegar a definir a denominación máis axeitada para estas manifestacións culturais que se realizaban e que se están de novo impulsando nestes primeiros días de novembro. Para preparar o debate aquí deixamos uns enlaces a vieiros da escola, a cultura galega .
Na rede hai abertos debates semellantes, por exemplo, en Bretemas onde hai testemuñas moi interesantes como unha que fala do que se facía tradicionalmente na Illa de Arousa, lugar especialmente interesante no relacionado co culto aos mortos, parece ser que os rapaces ese día van pedir polos defuntiños. Noutro blog, ladrándolle á lúa, dáse esta opinión:
A pesar do que moitos pensan, o Samaín é unha festa que sempre se celebrou en Galicia aínda que non en todas partes con esta denominación. Para moitos será máis coñecida como o día das cabazas ou das caveiras. Parece ser que esta tradición foi espallada polos celtas, que celebraban a chegada do inverno e con el, o nacemento dun novo ano. Samaín vén a significar en gaélico "fin do verán".
Desde sempre, nas vilas e aldeas de Galicia, os rapaces deixaban nas encrucilladas as cabazas ou calacús cunha candea acesa no seu interior para asustar os camiñantes.
Hai outros como Méndez Ferrín que non aceptan esta orixe e sosteñen que se trata dunha manifestación do imperialismo estadounidense que impuxo o Halloween en todo o mundo, fronte aos que aceptan que efectivamente esta manifestación do día 1 de novembro veu dos EE.UU., pero nunha viaxe de volta, pois serían os emigrantes irlandeses os que levaran esa tradición a América durante o século XIX e principios do XX. Sexa como for, cada día se recupera en máis lugares a celebración do Samaín.
Desde o San Narciso pensamos que na procura da verdade debemos ser fieis en primeiro lugar ás denominacións propias como a de Tempo de Santos ou Defuntos. Logo cremos que debería estar tan presente ou máis que a palabra cabaza outra sdenominacións como calacús, sendo esta denominación a referida a unha cabaza de grandes dimensións e máis propia das hortas de Galicia que a laranxa valenciana que compramos no super. E xa postos a reivindicar produtos da terra botamos de menos a posta en valor da castaña neste tempo de magostos onde a castaña é símbolo do morto. Antigamente botábanse dende os campanarios das igrexas mamucas(castañas cocidas)ou tamén bullós ( asadas) para que os rapaces e maiores que as apañaban rezasen un noso pai pola salvación da ánima que representavba aquela castaña. Tamén era habitual realizar un magosto ao pé dos cemiterios onde antes se facía comida( comer cos defuntiños) cando non se deixaba (aínda se deixa) un prato na mesa baleiro e a mesa sen recoller tal día como hoxe para os defuntos da casa, comíase bacallau e de postre, sempre castañas. Logo, estamos ou non estamos no país dos mortos?