XOSE MARIA ÁLVAREZ BLÁZQUEZ
1915, Tui - 1985, Vigo
Poeta, narrador, ensaísta, historiador e editor
A figura elixida para o Día das Letras Galegas 2008 é unha das máis polifacéticas da nosa literatura. Membro dunha ampla saga de literatos, Xosé María Álvarez Blázquez cultivou múltiples xéneros, desenvolveu unha extensa actividade investigadora en literatura, historia e xeografía, dedicouse á docencia e á arqueoloxía, foi articulista e orador e levou a cabo un traballo crucial a prol das nosas letras como fundador e animador das editoriais Monterrey e Castrelos.
Nado no seo dunha familia da pequena burguesía ilustrada, Álvarez Blázquez axiña tivo contacto co galeguismo ao ingresar na Federación de Mocedades Galeguistas. No 1930 trasládase a Pontevedra estudar Maxisterio e alí escribe os seus primeiros poemas, chegando a fundar a revista Cristal con Juan Vidal en 1932. Unha vez graduado mestre, comezará Filosofía e Letras na Universidade de Santiago de Compostela, pero a guerra impediralle rematar a carreira. En 1935 comeza a exercer a docencia en diversas localidades da provincia de Pontevedra, mais durante a guerra é desterrado a Coreses (Zamora). Logo de cinco anos regresa a Galicia e compaxina diversos traballos coa literatura, a investigación e mesmo a arqueoloxía, chegando a dirixir numerosas escavacións realizadas en Vigo. Desta cidade rematará sendo cronista oficial.
Durante os anos corenta dedícase á creación literaria e tamén ao ensaio científico e literario, en galego e castelán. No clima de recuperación cultural que se vive en Galicia desde a publicación de Cómaros verdes (A. Iglesia Alvariño, 1947), a creación da Editorial Monterrey xunto co seu irmán Emilio en 1950 supuxo un novo paso decisivo.
Aquí comeza unha intensa actividade editorial do autor que culmina en 1964 coa fundación de Edicións Castrelos, pioneira na edición de coleccións populares como O Moucho e Pombal. Membro da Real Academia Galega desde 1962, Xosé María Álvarez Blázquez regresa á docencia a finais dos sesenta, mantendo o seu compromiso coa literatura, a arqueoloxía e a investigación.
A súa obra lírica deu para catro libros. En 1949 publicárase na colección de poesía Benito Soto -primeiro esforzo de recuperación editorial da poesía galega no país- Poemas de ti e de min, obra realizada en diálogo polos dous irmáns Álvarez Blazquez. A proposta estética da obra é claramente imaxinista no caso de Emilio, mentres que Xosé María combina imaxinismo e neotrobadorismo.
Segundo apuntou Méndez Ferrín, tanto neste primeiro libro coma nos tres seguintes, Xosé María Álvarez Blázquez fai unha aposta estilística parella á xeración de 1925. En Roseira do teu mencer (1950), Cancioeiro de Monfero (1953) e Romance do escritor peleriño (1954), todas elas publicadas en Monterrey, o autor mestura con enorme acerto -un tanto á maneira de Cunqueiro- imaxinismo, popularismo, neotrobadorismo e mesmo lorquismo. O gusto do poeta pola composición lírica medieval, que coñece á perfección, adquire a súa máxima expresión na sorte de xogo erudito que é o Cancioeiro. A anterior Roseira do teu mencer fora unha aproximación ao mundo familiar e íntimo baixo as formas populares da canción tradicional.
Desde unha óptica máis persoal e íntima, Canle segredo mergúllase na familia, na infancia, no misterio do cotián. Considerada pola crítica a súa mellor obra, foi Premio Pondal do Centro Galego en Bos Aires en 1954, mais non sería publicada en Galicia até 1976. Por este motivo ficou un tanto esluída a fundamental achega que Canle segredo tería ofrecido á evolución da poesía galega da época.
Ademais da súa obra lírica, Álvarez Blázquez cultivou a poesía satírica nos anos setenta baixo o heterónimo de Pepe do Rollo. Toda a súa obra poética, incluídos varios poemas inéditos e outros escollidos de entre distintas publicacións, está publicada na edición elaborada polo seu fillo Xosé María Álvarez Cáccamo baixo o título Poesía galega completa (1987).
A súa obra ensaística e investigadora en arqueoloxía e literatura foi enormemente fértil. Destacan os seus estudos de literatura popular e, de maneira especial, as súas escolmas de literatura medieval e dos séculos escuros, que trouxeron á luz textos até entón descoñecidos e contribuíron decisivamente a divulgar a historia da literatura galega nun intre de grande descoñecemento da mesma.
A súa obra narrativa é maioritariamente castelá. A súa novela En el pueblo hay caras nuevas foi finalista do primeiro Premio Nadal, que obtivo Carmen Laforet por Nada en 1945. Outras obras son Una cabaña en el cielo (1952), Las estatuas no hablan (1955) e Crecen las aguas (1956). En galego escribiu Os ruíns (1936) e mais A pega rabilonga e outras historias de tesouros (1971). En colaboración co seu irmán Emilio escribiu as pezas teatrais El zapato de cristal e Los pazos altivos, estreadas ambas as dúas en 1947
ANTÓN FERNÁNDEZ,Elba
|