blogalizando



O meu perfil
 CATEGORÍAS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

Obra literaria de Xosé María Álvarez Blázquez
Xosé María Álvarez Blázquez publicou en vida tres libros de versos: Poemas de ti e de min (1949), a medias con seu irmán Emilio pero con autorías ben diferenciadas; Roseira do teu mencer (1950), e Canle segredo (impreso en 1976, pero escrito entre 1951 e 1953). Deixou tamén un bo número de poemas soltos, inéditos ou publicados en revistas ou folletos, coma tal o fermoso "Romance do pescador peleriño" (1954), ou os epigramas que asinaba co pseudónimo Pepe do Rollo; e é xustamente célebre o engano -rapidamente desfeito por el mesmo- que causou a publicación, no día dos Santos Inocentes de 1953, do seu Cancioneiro de Monfero, con cántigas tan imitantes ás medievais que o mesmo Rodrigues Lapa as creu auténticas. Metido en grandes angueiras doutro tipo, nos seus derradeiros vinte anos escribiu moi pouca poesía lírica; pero ás veces, case como obrigado pola emoción, construía algún poema tan absoluto coma o derradeiro, datado no 29 de agosto de 1982 e titulado "Solpor", que comeza "Xa non é tempo de falar das rosas".

Se Poemas de ti e de min paga un belo tributo ó popularismo, ó imaxinismo e ó neotrobadorismo, moito no ronsel de Amado Carballo e un pouco no de Bouza-Brey -mais cunha habelencia e unha graza que a miúdo o fan superar os mestres e atuarse con Cunqueiro-, Roseira do teu mencer, que permanece fiel ás mesmas liñas formais, constitúese como un libro profundamente conmovedor, pois ninguén tiña cantado tan altamente na nosa lingua a emoción gozosa da paternidade. En canto a Canle segredo, escrito nel mezzo del cammin pero inédito durante máis de vinte anos, é un libro grave, sabio e fondo do que Ferrín dixo que se se publicara no tempo en que foi escrito tería sido o sinal dun cambio de rumbo da poesía galega. Pero tamén se pode sospeitar que, aínda inédito, tivese algunha influencia; naqueles duros anos da longa noite de pedra, mesmo sen se publicaren, os poemas circulaban, e un dos que leron Canle segredo con proveito foi sen ningunha dúbida Celso Emilio Ferreiro, amigo especialmente íntimo de Xosé María.

A obra poética de Xosé María Álvarez Blázquez tivo nas antoloxías derradeiras unha fortuna moi inferior -ou mesmo infinitamente inferior- ó seu valor real. O volume da súa Poesía galega completa -que non é completa de todo-, preparado polo seu fillo Xosé María Álvarez Cáccamo, recolle unha obra máis ben breve na que se contan algúns dos máis fermosos poemas xamais escritos na nosa lingua, e o conxunto deles é sen dúbida ningunha un dos máis valiosos da súa xeración.

A obra narrativa en galego de Xosé María Álvarez Blázquez é de menor importancia, non por calidade, senón pola súa extrema brevidade. Os cinco relatos d'Os ruíns impresos na revista Nós, 1936 (pero non distribuídos), xunto cos cinco d'A pega rabilonga, de feitío moi clásico, máis ben oteriano, son practicamente a súa totalidade. Como é ben sabido, nos anos da posguerra, sempre á beira do que para un fillo do médico fusilado de Tui era a pobreza material, e logo xa casado e cos fillos vindo, Xosé María intentou case desesperadamente gañar diñeiro por diversos medios; un deles foi a literatura, e concretamente a novela, para a que estaba moi ben dotado. Así foi que escribiu varias novelas en castelán, coas que gañou diversos premios e obtivo un mediano éxito editorial. As mellores destas novelas -Crecen las aguas, En el pueblo hay caras nuevas- fóronlle restituídas en certo xeito á nosa literatura polo seu fillo Alfonso Álvarez Cáccamo, que as traduciu ó galego cos títulos de Enchen as augas e Na vila hai caras novas.


Creado por:Noemi Couso e Aida Amoedo .
Comentarios (0) - Categoría: GALEGO - Publicado o 15-05-2008 10:44
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal

Warning: Unknown: Your script possibly relies on a session side-effect which existed until PHP 4.2.3. Please be advised that the session extension does not consider global variables as a source of data, unless register_globals is enabled. You can disable this functionality and this warning by setting session.bug_compat_42 or session.bug_compat_warn to off, respectively in Unknown on line 0