ORIXES DA FESTA DOS MAIOS
A Festa dos Maios, naceu na prehistoria cando os primeiros homes se preguntaban sobre esa forza renovadora que cada ano , tras a época das chuvias e o frío facía abrota-la semente e revestía os campos de variadas cores. Nunha sociedade neolítica a dependencia do ciclo regular das estacións, da forza da natureza provocan o nacemento do culto a "deidades" do mundo vexetal coma ás árbores. Debíalles sorprender a aqueles homes a coincidencia da estación primaveral coa fecundidade animal que non tardaron en relacionar, tamén, coa fertilidade da especie humana; de aí nacerá o culto á fecundidade e ós amuletos máxicos.
Os gregos, unha das máis avanzadas culturas mediterráneas, foron máis inxeniosos creando un mito para explica-lo cambeo estacional: " Perséfone, filla da deusa da fertilidade da terra ( Deméter para os gregos, Ceres para os romanos) que foi raptada polo señor do escuro e friorento mundo subterráneo, cando ,como tódolos anos ,volta á terra despois do inverno que pasa co seu esposo Hades , a súa nai recibea cunha explosión de ledos verdes e frores multicores " . Esta eclosión primaveral celebrabana as mulleres da Atenas clásica coas festas mistéricas ,de carácter secreto e prohibidas ós homes , adicadas a deusa dos cereais.
Os cidadáns romanos, pola súa parte , xa antes de ter escravos que lles traballaran as terras, festexaban á Maia, nai do nome do mes ( que desde os romanos está no calendario dos pobos conquistados por eles ) durante a que se purificaban os campos coa realización de sacrificios de animais. Os cristiáns adaptarán , en grande medida , estas festividades no seu santoral transformando o nome , pero non os contidos.
Mais chegará a Idade medieval na que as novas técnicas agrícolas fan medrar tanto a producción coma a poboación. Nestas sociedades xerarquizadas nos que guerrean (reis e nobres) , os que oran ( monxes e bispos) e os que laboran para eles, os labregos, sufrían ,ademáis de guerras e pestes , as malas colleitas; e ,do mesmo xeito , bricáballes o corazón no peito co bo tempo, doado para as mellores colleitas. Por iso, pódese asegurar que na etapa medieval a celebración de rituais propiciatorios do espertar da natureza , expresión cultural dunha sociedade agraria na que xogan un papel fundamental os cambios estacionais para o seu traballo, para a súa existencia, experimentou ,sen dúbida, un notable desenrolo. Dos festexos transmitidos polos vellos labregos ós seus fillos e netos estarían , sen dúbida , os do mes de Maio ( tras da sementeira) e os do tempo da colleita, preferentemente a do pan.
Como exemplo do vencellamento do mes de Maio coas colleitas serva a cita do Libro de Alexandre: " Sedie el mes de Maio coronado de flores afeitando los campos de diversas colores, organeando las Maias e cantando d' amores espigando las mieses que siembran labradores "... Precisamente as colleitas, é dicir, a fecundidade dos campos ,víronse interrelacionadas inevitablemente coa fertilidade do gando, e , cómo non ,perto dos fruitos propios dos amores entre homes e mulleres. Este tópico da literatura popular e culta sitúa con nítida claridade ó mes das frores como " locus amoenus" ( lugar e momento ideal ) para o froreceren dos amores humanos.
Para os estudiosos do tema , como Xosé Filgueira Valverde, o sustrato preromano ,de certa tradición celta, pervivíu nas prácticas heterodoxas de Prisciliano e os seus seguidores (século IV d.n.e. ), herexía que atopou un gran número de seguidores no que é hoxe Galicia,norte de Portugal e terras próximas. Sabemos , por outra banda , que o culto ás árbores estaba , entre os Suevos ( poboadores da Provincia Gallaecia romana), estreitamente emparellado co deus Thor ou Donnar, a quen cosagraban árbores grosos e vellos. A catequización do reino Suevo de Galicia, tentando de paso eliminar as prácticas naturísticas dos priscilianistas, encargarase a San Martiño de Dumio no século VI d.n.e., gracias ó que dispoñemos das primeiras referencias escritas da celebración destes ceremoniais nestas terras pola súa obra De correctione rusticorum .
Mais é tamén no século VI cando o Papa Gregorio Magno , segundo nos comenta Clodio González Pérez no seu libro sobre os maios en Galicia, recomendaba: " Non suprimades os festíns que celebran aquelas xentes nos sacrificios que ofrecen ós seus deuses; transladalos ó día das festas dos santos mártires, coa fin de que , conservando algunhas groserias , alegrías da idolatría, se predispoñan máis doadamente a gostar das ledicias espirituais da fe cristiá ." Aínda que non remataron as prohibicións dos maios e das xuntanzas campestres, foise impoñendo esta tendencia de sacralizar as festas estacionais.
OS MAIOS EN GALICIA
Abordemos a clasificación plantexada polos estudiosos galegos onde atoparemos unha gran de diversidade de rituais primaverais coexistentes en Galicia :
a) Manifestacións agrarias ou propiciatorias: cando se quere unha abundante colleita. Propias de persoas maiores polo xeral . Destacamos entre estas o " alumea-lo pan ou danzas do pan " consistentes no percorrido dos campos sementados con fachucos de palla prendidos ( o lume coma elemento purificador ) e recitando invocacións, tamén acendendo fogueiras nesta última noite de Abril , noite por outra banda vencellada as meigas en Centroeuropa. O "poñe-lo ramo " nas leiras, cortes, animais e incluso os apeiros coa fin de afasta-lo mal xunto coa "bendición dos campos" con auga (outro elemento purificador) bendita ou de fontes de recoñecida valía son cerimonias propiciatorias de boa colleita.
b) Manifestacións propias de nenos ou mozos. De entre estas citaremos en primer lugar a entrega de " ramos de flores " cantando algunha copla no día ún do mes de Maio á noiva, ás mozas ou ós viandantes . Os "arcos de flores " estaban feitos nos camiños con polas,bimbias adobiados con cintas e flores tanto no día 1, no Corpus Christi,ou na da Sta. Cruz , neste día constrúense "cruces de flores " que tamén se chaman maios .
A " árbore de maio " é moi rara en Galicia, parece ser que a tradición mandaba roubala antes de chantala nunha praza para queimala ou pendurar un boneco dela.
Un tratamento específico merecen "os maios-mozos " dos que temos un magnífico exemplo en Vilafranca do Bierzo, un mozo véstese con plantas e atavíase con flores.
As coplas consérvanse sempre iguais na actualidade na Galicia administrativa que nós teñamos coñecimento xa non sae ningún cando fai cen anos eran moitas as vilas que os mantiñan vivos. Doutro xeito, sendo maios humanos como os precedentes, definimos " as maias " como grupiños de nenas vestidas de branco e con coroas de flores ou arcos que se adican a pedir para un santo ,ou a Sta.Cruz ,polas rúas ou instalando altares nun lugar céntrico.
Dentro do que se denominan " maios figurativos " o máis común é unha figura cónica ou piramidal con estructura de paus e recuberta de follas , flores e outros adobíos ( ovos, laranxas,etc...) transportable gracias ás andas que lle son acopladas polos mozos , que a acompañan cantando coplas que varían de ano en ano . Estas coplas as máis das veces conteñen críticas sociais contra alcaldes,gobernadores,caciques; outras ridiculizan a personaxes famosos,modas,feitos chocantes. Pero todas elas na súa meirande parte parecen seguir un esquema tradicional onde sempre afloran alusións ó mes de Maio. O canto é acompañado con golpes de palitroques que levan nas mans. Por último, están os " barcos de maio " que se tratan dunha reprodución dun barco ó que se lle colocan unhas rodiñas para movelo polas rúas.Como é de supoñer son tradicionais nas vilas como Marín ou Vilagarcía de Arousa ,vilas mariñeiras . Tendo enconta que moitas delas xa teñen desaparecido namentres que outras ainda seguen vivas situamos no seguinte resumo os lugares
-ANTÓN FERNÁNDEZ,elba
|