Tres tegas, tres maquías
Unha vez era un rapaz pouco intelixente, e mandárono ó muiño con tres tegas de centeo e dixéronlle:
-Fíxate ben: das tres tegas ten que che cobrar tres maquías, que non che vaia cobrar de máis.
Entón o rapaz, pra non esquece-lo aviso, foi dicindo polo camiño:
-Tres tegas, tres maquías; tres tegas, tres maquías; tres tegas...
E así chegou onde estaba un home sementando grau, o cal home ao ouvilo pensou: "este lapón vai dicindo que ogallá recolla soio tres maquías de tres tegas de semente.. ¡vouno mallar!"
E pegoulle uns paus, e díxolle despois:
-Deiquí adiante vas ir dicindo: "que salla todo"
Así o fixo o neno, e máis adiante atopou cun arrieiro que estaba tapando un pelexo que lle deitaba o viño, o cal arrieiro, ao ouvirlle dicir, "que salla todo", cheo de coraxe deulle unha malla e despois díxolle:
-Deiquí adiante, has dicir, "que non salla ningún"
Volveu o neno a colle-lo camiño depilindo:
-Que non salla ningún;que non salla ningún...
E deu cun pastor que andaba por voltar con cinco cabalos que se entullaron nunha lagorza e non podían saír. Tras moito traballo saltou un fóra precisamente cando chegaba o neno coa letanía. O pastor, ao sentilo, emprendeu a paus no neno hasta quentalo e por último díxolle:
-Deiquí adiante vas dicir: "donde saltou un, que salte outro"
Ía o neno coa nova letanía hasta que tropezou cun que tiña un ollo valeiro. O torto tomou o dito do neno pra si e, cego de coraxe, mallou nel hastra deixalo eivado no camiño.
Cando puido dar pra casa -que ao muíño non puido chegar- meteuse no leito pois non se tiña de doores, e fixo propósito de non ir repitindo outra vez os encárregos.
Tradición oral
Seleccionado por-Noemi Couso Calvar |