 TIPOS DE TOPÓNIMOS
Podemos establecer distintos criterios para clasificar os topónimos pola entidade (tamaño do territorio ao que se fai referencia) xa falamos de:
Macrotopónimos: Galicia, Pontevedra(provincia), Marín
Microtopónimos: Chan do Monte, A Suvidá, A Mouta…
Pero as tipoloxías máis usuais responden a:
A) Tipos de topónimos segundo o seu significado
B) Tipos de topónimos segundo á etapa ou época da súa orixe
POLO SEU SIGNIFICADO
A) Seguindo a Elixio Rivas e atendendo ao significado, usaremos a seguinte tipoloxía:
Oronimia ou orotopónimos: Referidos a xeografía ou forma do terreo (As Pedreiras, Arealonga, Penizas, Cantodarea, Mogor, Chan do Monte, O Montecelo, Seixo, O Tombo…)
Hidronimia ou hidrotopónimos: relacionados coa auga (Fonfría, A Lagoa, As Regueiras, Sar…)
Fitonimia ou fitotopónimos: relacionados coa vexetación (O Carballal, O Cerqueiro, O Fragueiro, O Loureiro, O Souto, O Toxal, O Xestal…)
Zoonimia ou zootopónimos: relacionados con animais (O Cabalón, O Chirléu, O Formigoso, A Moscosa, Niñada, A Toupeira…)
Antrotopónimos (etnotopónimos): Derivados de nomes de persoas, xentilicios ( Ardán, Novexil, Omil, Pidre, Marín, Mimáns, O Rial…)
Haxiotopónimos: Relacionados coa relixión (San Xián, O Santo, As Cregas, Santomé…)
Outras categorías:
Situación e aspecto: Descrición do espazo (Asperela, Branco, Cabodavila, A Costa, Redondo…)
Agrícolas e servidume: Patrimonio, oficios e usos agrícolas ou poboacionais (Agrela, Batán, A Calzada, O Campo, A Corredoira, Currás, A Pastoriza, A Pesqueira…)
POLA SÚA ORIXE
B) Seguindo a Elixio Rivas e atendendo á orixe ou etapa de nacemento, imos falar dos seguintes tipos de topónimos sen entrar a máis profundidades nesta tipoloxía realmente complexa e aberta a debates:
Topónimos segundo á etapa ou época da súa orixe antes ou despois de Roma:
- PREROMANOS: Adoitan ser menos transparente o seu significado: Gagán, Mogor, Sar... son máis abundantes entre os orónimos ou hidrónimos.
- POSROMANOS: Son de significado máis evidente: Marín, Portocelo, O Peirao...
RECUPERANDO OS MICROTOPÓNIMOS DE MARÍN
Trátase dun exercicio para lograr recuperar o maior número posible de microtopónimos de Marín.
1º Teremos que consultar nas nosas casas para que nos indiquen os nomes dos lugares máis próximos á nosa casa ou aos lugares de residencia dalgún familiar ou ambas cousas.
2º Localizar nun plano dos cadrantes do mapa do noso blog da Toponimia de Marín escritos con números os lugares recollidos e logo engadir a listaxe numerada cos nomes dos microtopónimos.
3º Comezar a investigar sobre a orixe e significado dos topónimos que se logren reunir na aula. |