 Despois da visita da Morte Negra, a alma dos defuntos despréndese do corpo e colle o camiño do Máis Alá, do Alén. Traspasadas as fronteiras do Alén, a alma convértese en ánima. Na nosa tradición a maioría das almas pasan a ser Ánimas do Purgatorio, pois considérase que están alí, nese Purgatorio coma se estivesen nunha estación de tránsito lavando as manchas que lles impiden a entrada no Paraíso.
Neste proceso de limpeza, de cando en vez, volven por este mundo e aparécense a veciños e familiares na procura de axuda ou dun favor para purgar as súas culpas. Cando veñen, veñen de noite e andan normalmente por aquí coa mesma roupa coa que foron amortallados, e por diante o seu corpo semella o que tiveron en vida, pero por detrás véselles ben que están mortos.
As ánimas preséntanse aquí para que amigos e parentes lles axuden a cumprir promesas que non cunpriron en vida, ou para que reparen no seu nome malas accións. Moitas veces veñen poñer no seu sitio verdadeiro os marcos das leiras que cambiaran, con mala intención,cando eran vivos, ou para que vaian a algún santuario ou romaría onde estaban ofrecidos.
As pantasmas son ánimas en pena que andan solitarias na noite e aparecen nas casas ou nos camiños producindo o pánico da xente. Hai quen pensa que as pantasmas poden tamén ser almas perdidas que non saben ou non poden abandonar este mundo, e andan vagando por el.
Os vivos podemos defendernos da aparición das ánima slevenado encima "cousas boas"(amuletos). Nunca debemos fuxir delas; pola contra, temos que requerilas para saber se precisan algunha cousa. se lles podemos axudar cómpre que o fagamos xenerosamente e sen medo ningún.
|